lunes, 21 de octubre de 2019

O CANTO DA RA


                                Polas verdes regas,

nas de canos anchos,

nas de augas quedas,

nas de augas mansas,

nas charcas con herbas,

cando as noites craras,
-
cando a lúa chea,
gorgoreos cantan,
nas liras da veiga,
--------------------- 
nas augas das charcas,
aqueles croar, croar,
das douradas ras,
que cantaban roucas,
todas namoradas.


no brizo das regas,
nas herbas molladas
nos canos estreitos,
------------------
cantaban, cantaban
aquelas cantigas,
dunha idade sacra
nas pozas de vidro
nas pozas da brama,
entre canaveiras
xuncos, e espadanas
as polifonías
que ao ceo marchaban.
----

na prácida brisa,
na maraxe branda
na ledicia chea,
--------------------
dos tinguidos aires,
e fartas da amore...,
sobre os veos santos,
na harmónica noite,
daquel tempo bardo,
---------------------
daquel intre belo,
de fermoso pranto,
tal coma unha lenda
de mirada sacra,
nos sucos das regas,
------------------
sentir os croar, croar,
nas augas das charcas,
nas noites de lúa,
na noite estrelada,
aquel cantar belo,
¡o canto da ra!.


sábado, 19 de octubre de 2019

HISTORIA DAS ARTES DE PESCA 1

E


         RELATOS DO MAR


A FISGA
Arte de pesca menor e de a pè

fisga é unha arte de pesca e de caza consistente nunha vara pouco grosa de pao. Ten unha longura aproximada de dous metros. A fisga antiga está moi afiada pola punta, e por toda ela ben lisa para non lastimar a palma das mans. Os dedos das mans non bastaban para coller os peixes nos ríos sobre tres palmos de auga, nin por moito que se esforzasen os homes dos primeiros albores do planeta. Pescar un peixe entre augas sobre a cara dun río ou por calquera beiramar resultaba máis que difícil. O peixe escorroxe, patina e vaise das mans.

A fisga, como arte de pesca e de caza, é a arte máis usada desde os tempos do megalítico ata os días modernos. O home desta era, canso de pescar e de cazar a paos e a croiazos polos ríos, beiramares e montes suspira por chegar a ter uns medios con que capturar doadamente as súas presas. É nesta conxuntura cando aparece a fisga. Esta habíase converter nunha arma imprescindible, non só para pescar e cazar, senón tamén como elemento de ataque e de defensa.

A fisga sería un gran adianto naquela densa escuridade que padecían as mentes daquelas tribos nómadas na procura de pastos e de alimentos. Para sobrevivir, sería unha arma poderosa tanto de defensa como de guerra e para írense superando, irían deixando atrás deles hábitos de feras con instintos de animal para acadar e conquistar outros terreos e poder saír da escuridade en que naceran.

Difícil resultaba acadar alimentos, polo que esta arte de pesca e de caza iría con eles alá onde pousaren. Con todo, a fisga, a través dos séculos, tería unha traxectoria universal: dela habían derivar a lanza, a frecha e o arpón. Á fisga grosa, xa convertida en arma de guerra, séculos máis tarde engadiríaselle na punta unha peza de ferro cortante, tipo coitelo, para mortificar con máis efecto a quen tocar. Esta primitiva fisga, terrible e mortífera lanza, pasaría a ser o chamado arpón.

O arpón sería unha arma segura sobre os virxes mares para a pesca da balea. Os titánicos mariñeiros galegos, vascos, cántabros e asturianos, na nosa zona, serían os protagonistas ó iren pescar baleas en barquiñas de seis a oito ocupantes. Eran valentes homes capaces de chegaren coa mesma proa da buceta ás costas da balea ou do cachalote. Entón espetábanlles no lombo a nova fisga con cabeza de ferro ata a madeira; e así, aseguraban a colosal presa que daquela tanto se apreciaba.

A punta do arpón, non só era un afiado coitelo para cravarse ben, senón que estaba gornido cunha fonda pestana sobre o ferro en forma de anzol, que facía firme na carne dura do animal. Máis tarde, o resto das fisgas pasarían a ter pestana de enganche. Abandonaríase, debido a isto, a antiga práctica de facer pequenos cortes na parte afiada das tradicionais fisgas con punta de madeira, que tiñan por finalidade evitar que escapasen os peixes.

Hoxe, pouco se usan as fisgas. Nin a das anguías, que tiñan de tres a oito dentes de ferro, nin as dos longueiróns, que se teñen collido tantas veces en Cedeira con variñas dos paraguas.
Na nosa tropa, cando eramos cativos, tiñamos dúas fisgas: as das anguías e as do río, para troitas e reos. Estas eran varas moi lisas e cun mango moi longo duns dous metros, con tres dentes de ferro de dez centímetros de longura. Tiña un furado no couce da vara no cal amarrabamos o chicote dunha piola de dez a doce metros; o outro chicote atabámolo ó cinto do pantalón, polo que cando desde a beira do río viamos algunha peza que merecese a pena, con toda a forza lanzabamos a fisga. Se a fisga alcanzaba o peixe, tirabamos pola piola a modiño. Colliamos o mango e erguiámolo de presa para que o peixe non escapase. Axiña tirabámolo nas herbas para arrincalo dos dentes da fisga.
En Cedeira, a diferencia con outros lugares de Galicia, nunca se empregou a fisga para a pesca da lamprea, por carecermos dese saboroso peixe propio dos bos ríos coma o Miño, Tambre, Sar, Lérez e outros. Polas partes máis abundantes dos ríos lampreeiros úsanse uns finos tramallos que multiplican as capturas moi eficazmente. A fisga, xa que logo, nos tempos modernos, nada ten que facer.

Pola beira do mar, os fisgueiros tiñan outra maneira moi particular de faenar. Cando as augas estaban claras, podían fisgar a peixe visto, mais cando estaban turbas, facíano ás apalpadas cos pés .As pezas meirandes que os fisgueiros podían coller non pasaban de dez, quince ou vinte centímetros de peixe plano tal como sollas, rodos, sollos, linguados e raias. Tamén colliamos anguías, chocos, xibas, congros e ás veces salmonetes. Así a todo, os peixes do río xa podían ser como badexos que se collían igual (temos collido munxes ata de dous quilos).

A pesca da fisga sempre foi pobre por esta zona; pero era raro que o día que un fose fisgar pola beira da onda ou por calquera riada non se trouxese para fritir.

AS SOLLAS DAS SAÍÑAS.
Tería eu de dez a once anos cando os meus ollos foron testemuñas deste acontecemento. Do tal recórdome coma se fose hoxe. Ocorreu na Xunqueira, pola parte de riba da ponte da Vila de Cedeira. Na volta do río, había un pozo grande que se coñecía por “Pozo Redondo”. Tiña bastante calado. Aquel día foramos uns seis cativos bañármonos ó Pozo. Aínda non chegara o verán: sería polo chicote de maio. Despois de saír do río, puxémonos a papar unha farta de sol: era o que máis nos gustaba.
No Pozo Redondo, cando lle sorrían as correntes das choivas torrenciais que viñan desde a Capelada, sempre quedaba toda clase de ramallada no seu seo e contorno. Tanto os cativos coma os maiores, iámolos botando sobre os lombos secos e para o medio dos xuncos con fin de non tropezarmos con eles. Pola parte norte, ó lado do Pozo, había unha xunqueira de altas canaveiras onde ás veces facían os niños algunhas garzas. O río Condomiñas tiña outra volta pola cara de Noroeste ata chegar á Pena da Saíñas, que gozaba de sitios que a auga só nos daba un pouco por enriba dos xeonllos.


Sabíase que por aquela zona virxinal había sollas coma pas, mais non se podían coller polo calado. Por esta parte habíaas a mazo. Entrando no río pola parte baixa do Pozo, ata a Pena da Saíñas, calquera que pisase unha solla e a quixese coller coa man, tiña que meter a cabeza debaixo da auga. Por iso a aquel tramo de río nunca se lle tocaba. O sacrificio valía máis que todas as sollas que se collesen, aínda que en verdade, as sollas do río non tiñan gran aceptación, e pouca xente as quería. Cos aparellos tampouco se podían coller por tantos ramallos e ferreganchos que había estrados polo caneiro do río.

Por sorpresa vimos vir un home moi alto cunha gorra chantada na cabeza, cun cesto nun ombro e cunha vara bastante longa na man. Ó velo, tivémoslle un pouco de medo porque os homes de antes pegábanlle ós cativos. Ademais, dicían que había “pingóns”, homes que levaban ós nenos en sacos.

Todos estabamos estrañados mirando o que ía facer o señor. Sen falar nada, veu vindo cara a nosoutros. Pousou o cesto á beira do río, remangouse e colleu a vara, que estaba moi afiada pola punta. A modiño, foise metendo no río ata chegarlle a auga ós xeonllos. Mais cando se parou, no medio do río, fixo: ¡xas! Espetou a fisga ó rente dos pés e, ó intre, vímoslle na punta da vara unha solla coma un zapato, con manchas brancas polo lombo. Veu vindo deica terra, tirouna no cesto e todos os cativos fomos mirala e vimos que tiña uns ollos grandes que saltaban para fóra.

Volveu ó río e ó chegar: ¡xas!; espetoulle a outra solla rapidamente, e así, unha tras outra íaas foulando para terra e nosoutros, coma benditos iámolas apañando e meténdoas no cesto porque antes nos mandara o señor. Había algunhas que non eramos capaces de collelas pola cabeza. Tiñan máis forza que nós, polo que as meirandes quedaban nadando nas pozas que facía a marea nas preamares pola xunqueira.

O Señor, cando viu que lle eran abondas as sollas, saíu do río. Tirou a vara en terra, e a todos nós chamounos para que lle fosemos axudar a erguer o paxe. Xa calzo, e listo para se ir, colleu seis sollas e deunos a cada a nosa. Erguémoslle o paxe moi ledos, e así, vimos ir o tío “Xesús” cargado de sollas, collidas coa fisga nunha zona de río de menos de corenta metros cadrados.


                                  A RAPETA
                               Arte de pesca menor e de arrastre.
rapeta, aínda que hoxe é unha arte de arrastre, no seu comenzo foi de cerco e de enmalle. Co correr dos séculos, habíase converter en traíña con xireta e sen ela. A máis fidedigna referencia desta vella arte atopámola no lago de Tiberíades (Galilea), aldea de Pedro, de Andrés, de Santiago e de Juan: ¡os primeiros rapeteiros da historia do mar!. A maneira de pescar daquela xente, aferrada ás tradicións dos seus devanceiros, consistía en cercar o peixe mediante a barca por onde o aparello calase, e tamén por onde non. Cando o facían a por pé, que era polas partes onde a auga lles daba máis ou menos pola cintura, cercábano á man.

Cando cercaban o peixe coa barca, unha vez o peixe dentro da rede, despois de embalalo cos remos e con pedras, procedían a levantar a rede, ó tempo en que ían desmallando pouco a pouco. Outras veces, con vento ou con marusía forte, levantarían o aparello e meteríano na bancada con peixe e todo. Logo, vogarían para terra e aquí,despescarían o peixe palmeando o aparello da barca sobre a ribeira ou para calquera allada azosiña.

Nesta tradicional e conformista maneira de pescar, seguirían por centos de anos ata que chegase un día en que alguén cambiase as tornas, exactamente nunha mañanciña, cando as embarcacións viñan do lago de Tiberíades, e, ó parecer, ninguén traía nada. Neste intre acababa de atracar ó peirao a lancha do apóstolo Pedro. Traían caras longas e cansas da noite. Xesús de Galilea estaba en terra. Como era moi amigo de Simón Pedro, saltou a bordo e díxolles: “¡Bos días, meus amigos!”. Todos contestaron en ton baixo: “¡Bos días, Mestre!”. Xesús achegouse a Pedro e saudouno coma sempre: “¡Ola, Simón! ¿Que tal foi a noite?”. “¡Xa ves, nin para asar!”, contestou Pedro.

A vida do mar é unha pobreza, pero xa Deus proverá. Xesús púxolle a man no ombro, e cun medio sorriso nos labios díxolle: “Teño ganas de ir á rapeta”. “¿Que é iso?”, contestou Simón. “Anda, vamos. Dille ós teus homes que armen os remos e voguen ata onde me gustaría ir”. “Ti estás tolo, ¡non ves que non hai un peixe no lago!. ¿Vasme ensinar Tí a min a andar ó mar? (...) Claro, Ti estás folgado. ¡Non che vou! Ademais, a xente está cansa de bourar toda a noite e ben a ves que transida de fame e de frío. Non che van derados”, dixo o apóstolo un pouco mal humorado. Xesús retrucoulle: Amigo, creme de verdade que imos coller moito peixe e aínda ha sobrar. Faime caso, non dubides nunca de min.

No peirao había moita mariñeiraxe, peixeiros e peixeiras e moitos miróns coma os que hai por todas as partes. Vendo que Xesús estaba na barca falando con Pedro, a xente de terra pensaba que ía falar da salvación de cada persoa en particular e así foi. Xesús, lendo a intención de cada individuo, mandoulle a Pedro que desatracase un pouco a lancha do peirao. Antes de írense, quería dicirlles que o reino dos ceos era o mesmo que unha rapeta que colle toda a caste de peixe e dunha vez emborcado na ourela da praia ou da ribeira, encucados os rapeteiros, escollen os bos e bótanos en paxes, e os malos, tiran con eles. (Mateo, 13 47; 48). Cando acabou de darlles a curta mensaxe, dixo: “Veña, vámonos”. O resto dos mariñeiros que estaban a bordo calaban porque eran temerosos do Mestre.

No evanxeo segundo San Lucas, 5: 1 ó 8, di así: “Aconteceu que estando Xesús xunto ó lago de “Genesaret”, o xentío agolpábase cabo del para escoitar a palabra de Deus. E viu dúas lanchas que estaban preto da beira do lago; e os pescadores, despois que chegaran do mar, estaban lavando o aparello; e saltando nunha daquelas lanchas, a propósito na de Pedro, pregoulle que a desatracara un pouco de terra e sentado ensinaba desde a lancha á multitude. Cando acabou de falar, díxolle a Simón: “Voga para fóra ebotade o aparello ó mar”. Simón díxolle: “Mestre, toda a noite estivemos traballando e non collemos nin un rabo, sen embargo, cumprirei a túa palabra e largarei o aparello onde Ti me mandes”.

Largaron, e cercaron tal cantidade de peixe que lles rebentaba a rede. Estando en tal apreto, a tripulación de Xesús viuse obrigada a facer acenos ós compañeiros que estaban na outra lancha para que viñesen axudarlles. Viñeron e cargaron ámbalas lanchas, de tal maneira, que se ían a pique. Vendo isto Simón Pedro, botóuselle ós pés de Xesús dicíndolle: “Non te achegues a min, Señor, porque eu son home pecador”.

Este acontecemento para aqueles homes era en milagre. Só Deus podía facer aquilo. Aqueles galileos nunca viran tal cousa, nin estaba rexistrado na historia de Galilea unha rapetada como aquela. Toda a vida pescando pola beira do lago, polo centro, recorrendo coídos, vogando de punta a punta, pola noite e polo día, pero o que estaban a presenciar, nunca sucedera. Aqueles homes de pel moura, cos ollos afundidos, rostro rexio e serio, xa non dubidarían xamais daquel extraño xudeu e seguiríano alí onde for.


             XESÚS DE NAZARET RAPETA COS APÓSTOLOS.
Nesta rapetada que Xesús lles pedira, dilles que se arreden da beira da onda, que deixen o chicote do cabo ou da cala na onda de terra e que voguen para fóra (mar a dentro). Que cando rematen a cala, atravesen e larguen o aparello a son de costa (paralelo á ribeira). E cando rematen de largar toda a rapeta, que viren e veñan vogando cara terra para que unha vez aquí, entre todos nesta ourela da ribeira, por ambos lados tiren e arrastren por ela. Os apóstolos non rían nada, só tiraban e obedecían ó Mestre.

No intre en que chegaron os cabeceiros (calónsde cada perna ós pés de Xesús e preto dos ollos daqueles simples galileos, non daban creto ó que vían. Centelas vivas eran as pupilas destes primeiros rapeteiros. Bendicían e louvaban o nome do Señor. Estaban totalmente fóra de sí de puro xúbilo.

bolo de peixe que lles chegou ás súas canelas, era demasiado para podelo apreseirar con tan pouca xente e termalo en tan pouco espacio de aparello. Aqueles poucos homes non daban abranguido aquela preciosidade e marabilla relucente que se movía dentro daquela rede de liño e de cánabo.

As pernas tumbábanse con tanto peso que a rapeta traía. O peixe íaselles por diante dos pés e por enriba da relinga da cortiza. Os homes non daban metido un peixe a bordo porque en canto un deles arriase a presa de aparello que tiña nas mans co fin de meter peixe na lancha, nese momento perderían todo e collerían só aquel que xa estivesemallado.¿Que tiñan que facer en tal desesperación? ¿Deixalo ir e coller o que se puidese? ¡Non! Xesús dilles que chamen á outra lancha aínda que estea afastada deles. Necesítana para que lles veña axudar porque hai peixe para as dúas e aínda ha sobrar. Entón é cando berran pola xente da outra barca facéndolles acenos para que lles veñan axudar porque non poden co peixe.

Os homes da outra barca viñeron, uns correndo por terra e outros vogando Así aconteceu aquel día que entre doce ou trece homes puideron salvar e apreseirar aquela gran cantidade de peixe nun aparello de tan pouca altura. Despois de cargar as dúas embarcacións polas chopas e de virar peixe ó mar, Pedro notou que o que acababa de suceder non era normal -non o era-, aínda que o lago estivese revertendo de peixe.

Temos que ter en conta que Xesús de Galilea foi quen lles indicou como tiñan que facer. Os Apóstolos descoñecían esta forma de pescar. Xesús foi quen lles ensinou a rapetar. Esta é a rapetada do Rei de Reis, e nela os rapeteiros recoñecen que Xesús é o fillo de Deus. Todos eles notan que ten poder sobre as augas, ventos e peixes. Xesús é quen lles fai alumear os ollos para que cambien as formas de pescar tanto peixes do lago como homes para Deus. Aquí é onde nace a “rapeta”, quen vén ser a mai e o pai de tódolos aparellos, tanto de cerco como de arrastre. Por este suceso nacerían os auténticos pescadores de homes. Aqueles que habían de enfilar o mundo cara a un novo destino. Sería a verdadeira dotación do pobo cristián dos fillos de Galilea.

Negaríanse a si mesmos para seguiren o Mesías. Estes auténticos rapeteiros de Xenesaret deixarían os seus seres queridos para sempre, deixarían o lago, as redes, as lanchas e tódalas ansias de ter cousas bonitas nas súas casas e gustosamente iríanse co Mestre. Xa non volverían a limpar máis as redes nin carenar as morrudas e enquilladas embarcacións. Estaban dispostos a seguir o fillo de Deus a onde fose e perder a vida pola súa causa. Converteríanse en “rapeteiros das almas” e darían a vida por elas. Así o cumpriron ó pé do Mestre e despois Del; acabarían sendo aserrados e decapitados polas autoridades da vella Igrexa.

Engadimos estas referencias por seren todas elas fidedignas e estaren impregnadas dun extraordinario simbolismo celestial que Deus neste caso quixo extraer do mar cuns simples rapeteiros para amosalos ó mundo. Cremos que está aquí a orixe da rapeta, pero para nos asegurarmos máis, vexamos o que di a pasaxe de San Mateo, 13: 47 e 48, nunha das mellores traduccións da Biblia desde as linguas orixinais, a galega, revisada pola “Sociedade de Estudos Publicacións e Traballos, S. E. P. T.” de Vigo.

O texto di así: “Do mesmo xeito é semellante o Reino dos ceos a un aparello de rapeta largado no mar, que colle peixes de tódalas castes. Unha vez cheo, tiran por el para a ribeira e, sentados, escollen os bos nun queipo, e os malos tiran con eles”. Esta xeitura de rapetar chegou ata os nosos días. Sabemos que os cataláns, en torno ó ano l750, introduciron a rapeta nos nosos portos.

¡Cantas veces temos estado rapetando, e ó chegar en terra a copeada, ter que arrastala ata o seco da beiriña e alí baleirar todo o que viña dentro!. Entón de xoellos ou encucados, na praia ou na ribeira, escolliamos o peixe que valía e o que non, habíao que tirar ou deixalo no medio da xebra para fertilizante do terreo.

Hoxe en día, aínda os descendentes daqueles fillos de Tiberíades, coma os de todo o mundo, seguen facendo as mesmas xeituras, raendo nas beiriñas dos areais e desde outras ourelas do mar. Podendo rapetar con aparellos de malla desde calquera parte de terra sempre que haxa limpo por fóra, sen lugar a dúbidas, a rapeta pescará sempre máis sendo arrastrada para terra, que ó andar con el ó cerco, como ficou demostrado no lago de Tiberíades.

               COMPOSICIÓN DA RAPETA “VICTORIANA”
A rapeta de Victoriano era toda ela era de fío de algodón. Medía de calón a calón, ll7 brazas. A malla das pernas eran de 5, 6, e 7 centímetros. Os fíos de cada cope que compoñían a copeada eran do 210/6, 210/9, 212/12, e sobre o entrallo, do 210/20 e 210/24. Estas pernas estaban entralladas ó tercio e ó cuarto progresivamente desde os calóns ata a copeada. Os calóns eran de toxo e a súa longura sobre 70 centímetros. A relinga da cortiza e a da pedreira eran de “sisal”. As calas ou rosegas que tiña para tirar por ela eran de esparto. O máximo que estas calas tendían mar a dentro desde a beira da onda eran l80 brazas.

As chumbadas repartidas entre as pernas e a fisga pesaban sobre l4 quilos. Tiña unha copeada de l4 copes de cadansúas l00 mallas de ancho. Estes copes estaban entrallados en 9 brazas pola relinga da cortiza, e en tres e media na da pedreira. Esta copeada fora armada independente das pernas. Os liñóns que unían os copes da copeada desde a reineta da cortiza á pedreira, medían todos 7 brazas de altura, e na ría onde rapetabamos, a máxima altura que había, aínda que fose de preamar, non sobrepasaba das catro de calado.

pano da perna ou malla clara comenzaba na copeada e ía progresivamente ata os calóns primeiro con catro brazas e media, logo con tres, e finalmente con dúas e media.
Por toda a relinga superior da rapeta, estaban entralladas sobre 480 cortizas. No centro da copeada, tiña un boureliño de 9 cortizas que se chamaba mouchín, o cal servía para non deixar ir a copeada ó fondo e para indicarnos, cando se rapetaba, cal era a perna que viña máis atrasada ou adiantada. Por iso, as pernas tiñan que vir ben aparelladas, exactamente calón con calón. Isto pasaba cando as calas da rapeta non tiñan marcas, pero cando as tiñan, xa non se miraba para este boureliño, senón que cantabamos as marcas en voz alta no mesmo momento que asomaban pola beira da onda. No punto onde estaba este bourel amarrado era exactamente o centro da rapeta.
Non é extraño que os 14 copes estivesen entrallados en 9 brazas na relinga da cortiza e en tres e media na da pedreira, pois tiña unha aventaxe: en cada esquina tiña unha gasa para quitala das pernas e poñela cando un quixer.

A copeada desmarrabámola das pernas cando queriamos ir rapetar ás praias de fóra en busca de robaliza. No sitio desta metiamos outra máis pequena e de malla máis clara e o dobre de lixeira. As dúas tiñan o mesmo patrón, como tamén as relingas das pernas estaban perfectamente compensadas coas copeadas; pero cunha particularidade, que a relinga da cortiza era media braza máis curta cá da pedreira.

COMO SE VENDÍA O PEIXE DA RAPETA E DO BOU POLAS VILAS .
Cando se collía peixe, había que levalo á man ou á cabeza en cestos desde a praia ata a Praza do Peixe. Ou para a soleira de “Bimbiela”, (hoxe xardíns da Rúa do Mariñeiro). Logo chamábase ás peixeiras casa por casa e reuníanse todas. Cando xa estaban ó redor dos lotes de peixe, procedíase a poxalos un por un, de forma descendente cun prezo de maior a menor. A poxa era en voz alta, tal como fan hoxe todos os ruleiros.

Ós cinco minutos de vender os lotes,as mulleres, de dúas en dúas, cada unha pola súa asa do paxe, xa collían rúa arriba e rúa abaixo coas zocas lampas que moito choqueleaban anunciando o peixe da rapeta. Mais outras peixeiras ían co cesto na cabeza descalzas e molladas percorrendo as aldeas molladas, tanto polo peito como pola punta da saia, do pingallo do peixe. E outras medio espidas e transidas de fame tamén polos camiños, anunciaban a berros o peixe fresco da rapeta e da tarrafa. Así eran as pregoeiras do noso peixe e así o cantaban: ¡Señorita, hai peixe fresquiño; élle da rapeta!. ¡Señorita, traio fanequiñas frescas do bou! ¡Señorita, hai cregosfanecascorbelos elinguadiños que aínda veñen saltando! Hai parrochiña fresca, fresquiña e tesa coma carabullos; traia o prato Señorita! Dona María, traio barbadas das que lle gustan a Don Pepe, baixe! Así se vendía e se vivía daquela. Os rapeteiros andabamos mollados e remangados cunha perna si e outra non, máis da mitade do tempo.

Andar descalzo e mollado era propio dos que vivían da rapeta, do bou e de todas as artes da ría. Pois por moito que se vendese, non se daba acadado o obxectivo primordial para cubrir as necesidades que padecían as nosas casas.



                            A RAPETADA VENTUROSA
Corría o ano l956. Era pleno verán. Aquel ano houbera un gran costeo de chinchín, que nos quitou a “paletilla”. Deste lecer mariñeiro, lúdica e imborrable lembranza, quérovos relatar a rapetada máis gloriosa que experimentei desde a miña mocidade con esta arte ó lado de meu pai e de meus irmáns.

Foi unha tardiña das do fondal de xullo. A semana xa estaba virada. Había pan na casa e a tristura fuxira había pouco. Fora un verán moi caloroso. A xebra que criara o fondo da ría, á parte do barbauzón, era miraguano verde, parecido á la escardada, uhna especie de esparto curiosamente verde e fino. Non era de gran estorbo para o aparello; pero aquel ano fora cando máis xureliño houbera.
.
Aquel día estabamos por detrás dos tarais ó socairo do tempo. Nun mantelo de cadros vermellos tiñamos tres moletes de choca (pan de trigo), unha garrafa de viño e un bombo de chincho de cinco quilos en aceite, agasallo que nos fixera Don Luis Abella de Cariño, por mercarnos unha chalana de chincho. Sen contar outras cousas miúdas que nos traía cando viña buscarnos o peixe á praia.

O señor Abella tiña unha fábrica de conserva en Cariño. Ós fabricantes de Cedeira, deixarámoslles de vender o chincho porque o que nos pagaban por el era moi pouco. Ó se enteirar o Señor Abella de Cariño de canto nos pagaban, dicidiu vilo buscar tódolos días á nosa praia. A partir disto, todas as mañanciñas despois do amanexo, moitas veces aínda non acabado de envasar o chincho nas chalanas, xa viamos vir o camión do Señor Abella baixar pola praia adiante. Mentres as chalanas non quedasen en seco, non podiamos descargarllo para o coche. Os fabricantes de Cedeira, de primeiro, pagábannolo a l50 e a 200 pesetas a medida, e o Señor Abella, cando se enterou do prezo, ofreceunos a 300 e 350, segundo o tamaño que el escollese.

O chincho que era máis recachadiño pagábao o dobre. O máis curioso foi que cando os fabricantes de Cedeira viron que un coche de Cariño viña mercarnos o xureliño á praia, e enteirados de que nolo pagaban a 70 pesos a medida, viñeron ata meu pai ofrecéndolle o mesmo prezo que Don Luis Abella; mais coa condición de que tiñamos que carrexalo nosoutros ó lombo desde a baixamar ata as fábricas. Meu pai, que tiña un xenio de prognóstico reservado, botounos fóra da casa. Antes, non nolo querían, e as corenta ou cincuenta medidas que antes nos mercaran, segundo as referencias que nos amosaban, case era por esmola.

Alí estabamos por detrás dos tarais á raposeira. Aquela area quentiña era para nós a mellor cama que había. Alí nos quedaramos todos durmidos coma unha rolada de lirios. Cando o noso pai espertou e viu que o tempo de rapetar devalara, e que outras chalanas estaban rapetando e chegando co aparello en terra, saltábanlle os ollos de forma desesperada.

A desesperación que lle entrou ó noso pai era porque non había sitio na praia para rapetar, estaban tres rapetas nas posturas claves do peixe e era unha vergoña que certos rapeteiros coma nós quedasen durmidos. A nosa chalana estaba en seco preto da praiamar cos cabos e coa rapeta a bordo. Unha das que ían largando por segunda vez, xa fora vender cinco paxes de peixe ás peixeiras mentres nosoutros durmiamos ó socairo dos ramallos.

Por todo isto, meu pai non deixaba de sufrir e de patear de rabia. Mentres él batallaba nosoutros aínda durmiñabamos naquela quentiña raposeira; pero de súpeto, noso pai chegou xunta nós, pegounos semellate berro, que saltamos coma cabritos daquela furada. Fungando fomos para botar a chalana ó mar. Aínda iamos refregando os ollos medios morrongos de sono, cando de novo o noso pai volveu a pegarnos tal estrondoso berro que nos fixo poñer máis dereitos ca parafusos.

A súa viveza, aparellada ás súas razóns, fixéronnos sentir máis valentes cara a aquel desafío de burla que nos estaban a facer os outros rapeteiros. Díxonos que puxesemos sentido común ás cousas que él nos ía mandar: “¡Sede o máis veloces posible! ¡Facédeme caso!”. “¡Botaremos a chalana coa rapeta a bordo! ¡Poñerémoslle os remos por debaixo da quilla e arrolarémola ata o mar! ¡Veña, mans e ombros!” Fixemos o que o meu pai nos mandou, empregando todas as forzas que tiñamos, e en dez segundos, tivemos a chalana na beira da onda. De seguida, armamos os remos para tomar postura por onde eles xa rapetaran. Mentres iamos vogando para vendaval, os demais rapeteiros que estaban embasando unhas pichacoladas de chinchín, facíannos burla cos seus acenos verbais..., pu..., pu..., pu... Isto quería dicir que tiñan peixe para cargarnos a nós.

Estas tres pitadas eran tradicionais na nosa ría. Nas mañás cando os barcos tarrafeiros chegaban para venderen ós “fabricantes”, o barco que traía sardiña daba tres pitadas, e os que traían xurelo, daban dúas, e os de chincho e bocarte daban unha. Pero tamén cando un tarrafeiro cercaba moito peixe e el non era capaz de transportalo todo para terra, daba tres pitadas para que aqueles barcos que non pescaran, fosen a cargar do peixe deste que pitaba.

Mau pai que ía andando lixeiro pola beira da onda díxonos: “Veña nenos, ciade e dádeme o chicote da cala que xa estamos no sitio” “Ide vogando con forza e marcade pola popa para ir rumbo á Pedra das Abellas” Nos indicaba meo pai co brazo cara ó coto de Pantín.

Ïamos vogando en pleno axexo. A marea estaba na cabeza da repunta e as faces  da ría máis aló da cosata, xa estaba encapillando a manta do lusco e fusco.
Arría calón, dixo meu irmán Andrés. A rapeta saía pola popa da chalana feita unha centella. Esta moura figura que saía da estampa da chalana semellaba a un longo culebrón que se metía no mar. ¡Mouchín, anunciei ós que duramente ían vogando! Xa ía no mar media rapeta larga. Cando víñamos vogando sobre terra os outros rapeteiros de burlóns seguíannos pitando porque lles parecía que por ter máis de media bancada de chinco que xa era ter unha boa guichada.

Saltamos coma corzos en terra e derrepente coma leóns metímolle man ás calas. “Veña, que hoxe fame non tedes, guindádevos ben ó cinto que a marea pronto virá para riba e penso que está a punto de repuntar”. Animaba meu pai desde o chicote do calamento. Nisto, a roda do sol cos seus roxos cores fuxira polo fondal do mar.

Naquel mesmo momento chagaba “Fangulo” (SeñorVilarelle), que estaba ós longueiróns, e foi a quen lle preguntamos que colleran as outras rapetas, no que nos confirmou que unha delas, tiña máis de media bancada de peixe e as outras, tamén a dúas e a tres, medidas cada unha. Mentres falábamos con Fangulo, nós seguíamos tirando igual que “titáns”. “Xa están chegando os calóns ó baballo”. “Veña..., collede a cortiza e baixádeme ben as pedreiras, aquí onde estamos, é moi ameno de salmonetes”. -ordenaba meu pai.- Xa levábamos de 7 a 8 brazas de aparello haladas en terra e nin sariñas nin xurelos se vían vir mallados polas pernas. “Paréceme que imos levar un “carallo doente”. “O peixe xa está en terra, fóranos mellor estar durmindo; porque como di o refrán”: “para o mar e para o souto, has dir antes que outro”.-refunfuñaba meu pai.

Sen embargo, había un da compaña que toleaba coa fe porque no intre en que se cantou “mouchín”, aquel que ía largando o aparello, fixárase para unha infinidade de escaraboullos que se extendían pola flor da auga. Cando faltarían unhas 15 brazas para chegar á copeada, foi cando aquel rapaz tendeu os ollos para explorar o que antes vira... Non era Cristo, pero sabía que dentro do aparello rebulía a man de Deus. A copeada comenzou facer lisaio e por diante do “mouchín” víase un redondo trimuallo, que facía “axada”, mentres aquel rapaz medio atourado, foi a saltos para fóra a saber se a fe mailo que el vira, lles fallaran.

Pasouse por fóra da rapeta que case non calaba, e foi inspeccionando a bóveda da copeada e xa viu algo extraño que nunca lle sucedera na vida da rapeta. Comenzou a berrar de alegría e a tatabellar de emoción. E volta a saltos para terra, a tirar pola relinga da rapeta dixo: “Ai Cristo bendito, cánto peixe ven dentro da rapeta”. “Estás máis tolo que unha puñetera cabra”. “Un día heiche meter un calón na alma, a ver se dunha vez paras coas túas aloucadas”. Rosmou meu pai por arriarlle á relinga da cortiza e deixalo a él só tirando pola perna. Cando faltaban unhas 5 brazas para chegar á fisga da pedreira, o peixe deu tal “espombada” que abriu toda a copeada en cerco, e xa nos decatamos da cantidade de peixe que viña dentro. ”Corta, irmán, arriba a pedrira”. Berramos os dous a un tempo. Ó ver tanto peixe xunto, comenzamos a cantar: “ úa, úa, úa, la culpa la tuvo entera, el vaivén chiqui chí del tren”.

Con tanto bule bule, a meu pai caéralle a pucha no preseiro; pero por non podela coller con tanto peixe que había dentro da copeada, deixouna ir, e soliña foise indo ata que se foi a pique. Despois de aviñalo-peixe, e de telo ben encerrado, a relinga da corctiza enganchada nos toletes da chalana, e levar o preeseiro para fóra coa procura de que non morrese o peixe e de ver todo ben disposto, díxenlle a meu pai: ¡Papá, voume meter dentro do preseiro a ver por onde me da o gordo do peixe, así xa sabemos a cantidade que hai!.

Metime con aquela bizarría e con aquela fachenda de ter moita forza e de non cansarse nunca. Resultando que o espeso do peixe dábame por debaixo dos brazoas. Saltei do preseiro e dínxenlle ó meu Vello: “a nosa chalana non pode con todo, haberá que ir buscar outra meirande que a nosa”. “Temos moito peixe dentro, polo que é moi preciso que se vaia buscar outra rapidamente” Despois de escoitar tan boas notícias, aló pillan meus irmáns Andrés e Ricardo a buscar a chalana dos “Aliados” Nosoutros quedamos abruñando a corda da cortiza sobre a roda de proa e toletes da banda de estribor.


Pouco a poco fumos levando o preseiro máis para fóra ata que a auga nos deu polo peito. Dimos fondo co rizón e despois de facer firme, comencei a salabardear o chinchín para a chalana. ¡Aquilo era gozar a tope pola alegría que un sentía ver rebulir e saltar o peixe nas bancadas .As forzas multiplicabanse. Non tardei nada en cargar ó Meixón. Nisto chegaban meus rmáns coa chalana dos “Aliados”. Quitamos o Meixón cargadiño e metimos esta que era máis grande que a nosa. Entre Andrés e eu, que éramos os máis vellos dos seis irmáns, comenzamos a embasar coma auténticos lobos de mar e coas mesmas xeituras coma se estivésemos nos mares de fóra embasando para as lanchas grandes dos tarrafeiros.

As forzas non desmaiaban polo afán que o peixe nos daba. O mar xa levaba máis de unha hora de chea e o Meixón cargadiño, ía indo só coa doce lingua da marea para riba. Os outros irmáns Manolo e Vicente, que eran máis pequenos, mandounos meu pai para a casa que estaban enzulipados de escamallo e estemerecendo de frío. Cando nos descuidamos, xa tíñamos esta cargada polas chopas. “Aínda queda moito peixe no preseiro, teremos que ir buscar outra chalana porque polo que se ve, hai peixe para outra” –opinamos todos. ¿E cal? preguntou meu pai.
“Como a marea xa debe pasar arriba da Ponte, vale máis que cóllades a de Modesto do “Torto”, a da vosa tía Amadora, que é bastante grande e non nos ten perda dela.”
“Hala, veña, que logo vides, ídea buscar”.mandoulles meu pai.

Coma dous santiños mollados Andrés e Ricardo (o Curulo), foron correndo por ela. Meu pai quedaba botando un pitillo, e eu e mais Tomás do “Cochera”, agarrados á copeada quedamos quitándolle a xebra co mango do salabardo que había no fondo do preseiro. E de alí a un pouco, aí veñen xa meus irmáns con aquel candrai. Desatracamos a chalana dos “Aliados” que nos facía auga polos altos, e no sitio dela metimos a da tía Amadora, polo que escomenzamos a embasar ata poñela case cargada. Cando acabamos a faena, era a unha e media da mañá. Metimos a rapeta e as rosegas a bordo e o rizón deixámolo orincado aló fóra por non podelo ir levantar coas chalanas cargadas.
Collimos as embarcacións cada unha pola popa, e fúmolas levando á man ata a Praza do Peixe.

Os corpos foronse enfriando e aguantando a molleira desde a tardiña. Agora xa comenzábamos a ter frío e fame. Fúmonos remudando, mentres unhes termaban das chalanas outros ían cambearse de roupa á casa.

Despois de quitar a roupa mollada que tíñamos pegada ó pelexo, e poñer a sequiña, en seguida entramos en calor. Logo cando quixo vir o romper do día, comimos “choca” (pan de trigo), que o fumos buscar ó fiado á casa da tía Magdalena de Leira. Tamén bebimos caña de herbas que a colléramos tamén ó fiado na taberna de Manolo de Cernada.

Isto aconteceu o 23 de xullo do l956, na Postura Nova, na praia de Cedeira, que entre as 3 chalanas a suma foi: 12 medidas do “Meixón”, l3 dos “Aliados”, e 8, a da nosa tía Amadora. Total, 33 medidas, 3300-kilos de chinchín que ás 9 da mañá xa estaba Don Luis Abella, (fillo), de Cariño, cun camión grande e con 3 mulleres para descargar o peixe das chalanas.

Cando se acabou de cargar o coche, pagounos, e de agasaio, aquel benquerido Don Luis, deunos un bombo de conserva, (sardiñas en aceite), a cada un. Asi foi aquela gran rapetada por Victoriano do Pión, e polos seus fillos, coa colaboración de “Fangulo”, e polo tripulante sempre apegado a nós Tomás do “Cochera”.





                                    A TRAIÑA
                           Arte de pesca maior de cerco e de arrastre
Este aparello era o que había de ser a futura tarrafa. A traiña non é o aparello senón o galeón ou traiñón como llo chamaban os de Viveiro. No “Diccionario Histórico de los Artes de la Pesca Nacional”, Don Antonio Sañez Reguart, descríbenos como eran as traiñas no século XVIII sobre as rías galegas: “En varios puertos dan el nombre de Traina á otra red que aplican á diveras pescas en todas estaciones, muy diferente de la Traiña de Galicia, que es de distinto volúmen, y solo se emplea en la costera de Sardina. Finalmente este arte es uno de los mas antiguos en las Costas referidas, y no parece violento creer, que desde tiempo de los Romanos estaba en uso, si atendemos á la derivacion del verbo latino Trabo, de que sin duda tuvo orígen la voz Traina y Trainera que también suelen pronunciar muchos pescadores en el hecho de querer significar dicha red ”.

Noutro apartado o Señor Sañez Reguart, dinos as grandes dimensións que tiñan algunhas traiñas da ría de Ares: “Para que pueda formarse idea de esta red entendida baxo la voz Traiña, según está en uso en la Ria de Ares, conviene saber, que su coste regular asciende de veinte y dos á veinte y quatro mil reales de vellon poco mas ó ménos. Necesita para su servicio un barco trincado (equivalente al galeon de la red llamada Cerco), que poco mas ó ménos vale de seis á siete mil reales de la propia moneda”. Noutra lectura compara a traiña coa almadraba de vista: “La traiña, según los varios puertos, por su estilo (lo mismo que el cerco) compite con Las almadrabas de vista, cuya pesca imita exáctamente, con la diferencia que la una coge Sardina y las otras Atunes”.

Estes traiñóns tíñan de cinco a sete bancadas, cos seus correspondentes bancos nos cales eran onde se sentaban os remeiros para vogar. As traiñas cando largaban nas postas ou posturas en rías abertas e fóra das praias, unha vez feita a larga polo traiñón ou galeón, unha das lanchas auxiliares tiña que ir dar fondo co rizón a cincuenta brazas de distancia para que o galeón se aguantase firme no sitio, mentres toda a tripulación iría tirando e metendo o aparello a bordo. Cada un dos rizóns que usaban estas traiñas, pesaban de vinte a cuarenta kilos cada un.

A longura e a altura de cada traiña non tiña determinado número de brazas. Cada traiñón levaba as pezas de rede segundo as súas posibilidades; pero o normal era levar entre 280 a 300 brazas de cerco. Cada perna podía medir 100 brazas de longura que comenzaban con sete brazas no calón e remataba con 25 ou 26 na copeada. Se a copeada medía 80 brazas de longura con rede de cope, viñan a ser catro cuartaladas de 20 brazas cada unha, polo que este traiñón que estamos a describir, tería 280 brazas de cerco.


En Mugardos, Don “Antonio Sañez Reguart”, descríbenos unha traiña de “140 brazas por perna e cada unha delas, medía 18 de altura, coa súa correspondente copeada de 27 ”. Un total de 307 brazas de cerco. En Celeiro como tamén en Viveiro, aínda que usaban con máis frecuencia o trabuquete con tira, había traiñas de 60 e de 80 brazas de longura.

Pero a traiña de maior envergadura que o Señor Sañez Reguart anota no seu blok de notas ó paso por estas terras, é a que atopa seguramente na ría de Sada que é a que máis se presta para semellante larganza que él nos describe: “En Betanzos lo que se entiende por Traiña, consta de quatrocientas á quinientas brazas en todo su largo, con el ancho de veinte y quatro en la menor parte, y treinta en su mayor anchura: a demas tiene calza de Beta, con su Raina de cinco brazas, cuya malla es algo mas angosta. Se sirve como la de la Coruña con un galeón, quatro lanchas, alguna dorna y botes”.



Debido ó calado das augas de cada ría, así había que adaptar as pezas da rede das traiñas. Esta longa arte de cincocentas brazas de longura, con vintecatro en ascenso progresivo ata chegar ás trinta de altura, nós coidamos que esta crase de traiñas non eran as propias para rapetar sobre as praias daquel entón. Sen embargo, non dubidamos aínda que tivesen esta mole de aparello, que algunha vez non rapetasen desde terra, no que para arrastrala, habería que usar varias parellas de bois e de vacas cos seus correspondentes quince ou vinte homes por cada banda. Esta é a traiña que por necesidade debe de usar tira cando non sexa arrastrada desde a praia. Ademais temos que ter en conta que todas as praias non teñen o mesmo calado. Polo tanto todos estes galeóns ou traiñóns que levaban tanta rede na pana, habería veces que cercasen tanto peixe que nin en dous nin catro días, serían capaces de transportar tanto peixe para terra. Por iso, éralles moi necesario ter tres ou catro lanchas grandes como auxiliares, para transportar miles e miles de medidas de sardiña do mesmo preseiro ata a beira do mar, e desde aquí, carrexala ata as fábricas para emborcala nos fondos pios de salmoeira.



                    FORMATO DAS COPEADAS DAS TRAIÑAS
Temos que deixar ben craro para os nosos lectores que todas estas artes de cerco e á vez de arrastre, e aínda que diferen unhas doutras na longura, na altura, na malla, como tamén na tira ou sen ela, na parte substancial, todas elas, veñen a ser a mesma cousa. Pero o que non sabemos é en cantas brazas estaban entrallados os panos da copeada sobre a relinga da cortiza como da pedreira.

As copeadas de tódalas traiñas cando cercaban a sardiña dentro das rías galegas, era sobre 4, 5, 10, 12, e ata 30 brazas de calado. Tíñan que ter un anseo extraordinario para poder apreseirar tanto peixe como o verifican os seus rexistros históricos. A copeada destas traiñas parecíanse cal bolsa ou petaca dun polbo xigantesco para poder acadar as rexistradas caladas ou capturas desta arte. Cremos que unha perfecta copeada daquelas traiñas sería máis ou menos como a que nós imos a configurar:

Por toda relinga da cortiza deberase entrallar ó tercio. A longura da rede que se vaia a entrallar na relinga da cortiza da copeada, serán as brazas que midan as tres partes de pano do aparello, mentres que a cuarta parte sobrante desta faixa de rede, será para o anseo que haberá que repartilo proporcionalmente no total das brazas da relinga que como dicimos, queremos entrallar.

Sen embargo, na relinga da pedreira ou chumbeira, será á inversa. Nesta, entrallaremos o total das tres partes de aparello na medida ou longura que teña a cuarta parte. Armando así, a copeada convírtese en unha gran vóbeda na que calquera peixe que se meta dentro, dificilmente fuxirá. Este é o formato que lle aprendín a meu pai, o cal cando se levou a cabo e se traballou con este modelo de copeada, os resultados sempre foron super positivos e superiores a outros formatos habidos e por haber.

Pero para asegurarnos máis de que forma estaban gornidas as copeadas daquelas traiñas, que e verdade invadían as praias e as rías galegas no século XVIII, Don Antonio Sañez Reguart, é quen nolas describe dunha maneira moi precisa: “Prescindiendo de estos dos últimos puertos “ Castropol y Figueras”donde impropiamente se aplica el nombre de Traiña; en cuanto á los de Galicia conviene saber, que todas las Traiñas están armadas con cuerdas de cáñamo, en el concepto de que la del corcho es sencilla, y doble la de abaxo. Añádese que la cuerda del corcho es una tercera parte mas larga, de suerte que si un cope tiene por aquella parte sesenta brazas de cabo, por la de abaxo no excede de cuarenta: con estas proporciones se consigue, que la red despues de calada, y en el hecho de tirar de ámbos lados, forme una especie de embolsamiento ó seno, que casi equivale al saco ó copo de otras redes de tiro como la Xábega”

.

         A SARDIÑA VIÑA A RECREARSE ÁS AUGAS MORNAS DAS RIAS
Tanto na época que nos estamos a referir como noutras, os peixes marearon sempre igual. A partir do mes de xullo as rías íanse enchendo de sardiña. As augas eran propicias para que este peixe se recrearse e xogase de maneira feliz. A toliña por este tempo dentro das rías non solía axocala nin se metía nestas augas para comela. Por elo, os xeitos durante os veráns e parte dos outonos, mallaban na sardiña sen parar; pero a partir como dicimos dos outonos, os animás por instinto, xa se comunicaban para irse facendo grandes bancos coa intención como todos os anos, de marcharse todas xuntas para os mares de fóra.

Pero antes de partir e de despedirse das recreativas augas das rías, estes bancos de sardiña, sempre se poñían en axada ou ben en escaraboullo. Entón os traiñeiros sabendo que neste tempo as madas levaban demasiado peixe, cada galeón coas súas lanchas de carga distribuidas en varias postas ou posturas de cada ría, e os seus homes na cuberta cos ollos ben abertos esperaban ver algún destes escaraboullos ou ben que xurdira algunha axada para avisar ós do galeón, e este con seis ou con sete remeiros por banda, estaría listo e atento á voz do patrón para facer a larga no sitio exacto onde o peixe xuirdise; tanto de axexo de día ou de amanexo.


    MESTRES PATRÓNS E REMEIROS
O mando destas embarcacións estaban a cargo dun mestre e de dous largadores. Un da cortiza e outro da pedreira. Estes homes eran os únicos de a bardo que sabían compoñer e arranxar as redes, polo tanto ganaban máis que os mariñeiros. O mestre despois de ir a popa gobernando co seu remo, estaba ó mando de todas as manobras do galeón como tamén das lanchas de carga que levase ó seu cargo. Cada unha destas lanchas tamén tíñan un patrón para gobernalas e ordenar as cargas e descargas do peixe. As lanchas de carga ningunha era igual nin en eslora nin en puntal que por sorte ás veces, por abundancia de xurelo ou de sardiña, había que ir buscar as pequenas gabarras e tranportar o peixe para as fábricas.

Na maioría destas embarcacións tiñan que vogar de cinco a sete homes por banda. Pero os traiñóns ou galeóns que eran os que levaban a bordo a rede, e por conseguinte eran os que máis pesaban, pois para poder cercar rapidamente o peixe, éralles moi necesario que por cada banda vogasen de seis a oito homes.


Todas as manobras que se efectuaban nesta arte eran mediante os brazos dos homes. Ningunha máquina había para albendarlles ou mitigarlles por un momento aqueles duros traballos. Nesta eterna e pesada andaina, viñan vivindo e vivían os nosos devanceiros, éroes e titánicos mariñeiros que por falta dun grafo nos coñeceu a historia.


                   PEZAS OU CUARTALADAS E A TIRA DA TRAIÑA

Nas derradeiras traiñas xa as pezas do aparello (cope) se dividían en coartaladas, e cada unha destas pezas tiña normalmente, vinte brazas de longura. Sobre a relinga da pedreira ían amarrados unhes ventos ou pés de galo. Nestes pés de galo, sobre a punta do seno, levaban unha anela de bronce ou aro de ferro nas que polo ollo destas, había que pasar toda a tira ou xareta para arrastrar todo o aparello da traiña e así, con este procedemento coas anelas ou aros de ferro mediante a tira ou xareta, pechasen todas as pezas da rede desde o fondo do mar para facer bolso ou copo. Os pés de galo cando veñen traballando polo fondo do mar cara ó barco veñen en forma de ”V”. O cerco desta arte sempre era moi variable por falta de aparello. A rede era moi cara para as poucas motas que circulaban entre armadores e xente do mar daquela época.

Con referencia á tira, había portos que intitulaban ou confundían a traiña co trabuquete. A razón do porque se lle chamaba traiña ó trabuquete era simplemente porque esta arte pequena tamén tiña tira ou xareta igual que a traiña; por un modo tiñan razón porque en esencia as dúas teñen o mesmo fin. Os trabuquetes solían ter sobre 60 a 80 brazas de cerco, e onde máis se usaban era en Celeiro e en Viveiro.

Pero para asegurarnos máis sobre as dúbidas que hai da traiña, que tíña ou non atíña xareta, ímolo saber por Benigno Rodríguez Santamaría, quen investigou perfectamente o que era esta arte aló polo ano 1923 e así nos conta: “Llaman traiña, copo y también traina, a varios artes; pero el más corriente es uno de forma retangular, con corchos en la relinga superior y plomos en la inferior, con largo y alto muy variable, según la pesca y los puertos en donde se use, y que tiene una malla de un centímetro el lado del cuadrado, toda igual. Este arte es algo arqueado por abajo y tiene llaves en la relinga inferior, que son argollas sujetas a rabizas, y por las que pasa un cabo llamado jareta, que sirve para cerrar la red y formar un bolso”. Aclarado queda pois para os nosos lectores que a traiña traballaba con tira ou xareta.

Eran tempos pobres, e para algunhes armadores dos que non podían chegar ó chumbo pois para a relinga inferior, recurrían ás pedras das máis adaptadas no sitio das chumbadas. Por tanta cantidade der pedras que se lle metía á traiña, dita relinga, leva o nome de pedreira. Cada coartalada como dixemos tiña 20 copes (faixas de rede ) e cada cope 100 mallas que daban nha cuarta máis dunha braza. Dito sobrante era o que moitos mestres o deixaban de anseo para entrallalo en cada braza de cada relinga. Este antigo anseo, (unha coarta de rede), heredaríana moitos futuros mestres das tarrafas que aínda chegamos nós a velo.





              NOMES DAS POSTURAS OU DAS POSTAS DAS RIAS
Nestes portos de Ortegal como na maioría das rías galegas, había que ir tódalas tardes ou desde a pola mañá na tempada do verán a tomar “postura”. Era tomar aquel punto de mar que estaba demarcado por unha sinal que había en terra. Outras estaban ó pé da costa e non facía falla marcalas. Tamén algús traiñeiros andaban por libre que moitas veces as súas capturas eran superiores ás dos que estaban todo o día termando da postura nas augas de máis fóra.

Nestas partes da ría era onde a sardiña, mocarte, xarda e xurelo, solía xurdir a marear. Se o peixe xurdía, largaban, e senón, víñanse para terra. Por todo elo, queremos deixar constancia das nosas rías e dos tempos inmemoriais que a traiña dependía destes puntos de mar e deles como dicimos, derivaba a maior parte das súas capturas e da súa economía. Pois en cada ría galega as lanchas das traiñas estaban espaleadas como dicimos por cada punto de mar co seu correspondente nome de sitio.

Pois tanto en Viveiro, Vicedo, Ortigueira, Espasante, Cariño, Cedeira, Mugardos, Ares, Betanzos (Sada), A Coruña e demais rías galegas, este era o vivir diario destes traiñeiros que ó vir os primeiros costeos que recalaban a mediados de abril, xa comenzaban a bourar ata o chicote do outono, pero o peixe se se quedaba na costa, había sardiña para os traiñeiros ata novembro e mediados de decembro.

Na ría de Cedeira estes puntos de mar estaban situados nas seguintes zonas: “Chao da Langosteira”, que estaba situado por nordeste do (Furado do Trigo). Outro estaba situado sobre o “Cabalón”, por fóra das “Pedras de Medio Mar”. Logo outro estaba para vendaval e por fóra das “Baterías”, (Punta Sarridal). As de terra, unha extendíase desde a praia de “Mi Señora” sobre a Arealonga, e a de terra de todo, estaba situada desde a praia do Merlo abarcando toda a chaeira de mar tirando cara ó Pericoto Grande, chamada “Medianía”.

As cantidades de sardiña que se capturaban nestas posturas eran tremendamente altas; pero ás veces as traiñas que tiñan máis aparello e con máis altura, preferían as posturas de terra porque case sempre a sardiña que se vía tanto en axada como en escaraboullo, cando se cercaba collíana toda, sen embargo, nas posturas de fóra moitas veces aínda que a cercasen, por ser tan astuta a sardiña, íaselles pola fonda; si, pero aínda que se recoñecía que nas posturas de fóra había máis sardiña, case sempre había paos entre os traiñeiros por ocupar diariamente as postas de terra. Esta eran formas moi peculiares dos nosos traiñeiros.


        

                 ¿A TRAIÑA OU O CERCO REAL?

O relato non se escribiu pero emitíuse por vía oral, de familia en familia e de mariñeiro en mariñeiro. Sabemos que por aqueles anos 1840 os bancos de sardiña invadían os mares. A toliña era a dona e señora dos bancos de peixe que se enseñoreaban por todos os océanos. Comía a degollo todas as especies miudas que se diveretían e habitaban sobre as superfícies. Por esta razón e polas inmensas correntes, que eran as que arrastraban os grandes bancos de peixe, e con elas viñan diferentes agaxes e maraxes do morno Oeste, e todo isto supoñía para as rías galegas, a máis alta riqueza. E había que recoñecer que a industria pesqueira representada polas traiñas, trabuquetes, boliches, xábegas, rapetas e xeiteiras, eran un dos maiores pilares da economía do pobo galego.

Parece ser que sobre esta data, unha das nosas traiñas ou “quizabes un cerco real” collese tanta sardiña nunha soa larga. Non atopamos ningún documento onde nos redate que en este sitio que imos señalar se capturase tal cantidade de sardiña por unha simple traiña ou ben, por un cerco real. A nós parécenos que para unha soa traiña é un total que te obliga a pensar como puido ser.

No século XVIII na Coruña había cerco real, pois tanto Sada, Ares, Redes e Pontedeume, sopoñemos que tamén o terían. Cedeira, que sempre mantivo unha gran relación e trato co porto da Coruña polas grandes vendas de lagosta e de leña e tamén con Sada por mercarlle lanchas rasqueiras de nova construcción, pois non poñemos en dúbida este trato que había entre estes dous pobos para saber a cantidade de sardiña que cada ano se metía na ría de Cedeira, e que só o cerco real ou unha traiña de moito cerco e altura, podía conseguir unha captura coma a que imos contar.


O caso foi que esta traiña ou cerco real na ábra de Mi Señora, (zona do faro de Promontoiro para terra), fixo a maior postura de tódolos tempos na que colleu 20 pios de sardiña dos fondos. l600 medidas. l60.- toneladas. Vinte lanchas de 80 medidas cada unha. Cerca dunha semana se estivo carrexando con dúas lanchas para a fábrica de salga desde o preseiro da traiña ou cerco real que estaba fondeado como dicimos, por fóra da praia de Mi Señora ou Medianía



Como as mulleres cos paxes á cabeza non daban carrexado a sardiña, trataron de subila con carros de bois e gallardas desde a ourela do mar ata a fábrica. Para que os nosos lectores se dean conta como eran estes aparellos: O cerco real, chegaba a medir ata 1000 brazas de cerco, polo tanto, con esta pila de aparello as capturas aínda podían ser superiores a esta cantidade collida na ría de Cedeira. Por esta razón cada traiñón tiña de tres a catro lanchas de carga para transportar a sardiña directamente do preseiro á beira da onda, e daquí ós pios de cada fábrica de salgazón.

A partir do ano 1884 a flota da traiña iría desaparecendo paulatinamente das rías galegas. Os barcos de vapor descoñecidos e xamais vistos polas augas dos mares, tomarían todo o poder para convertire a vella traiña nunha nova arte chamada tarrafa, que extendida por Italia, Catalúnia, Cantabria, Vascongadas, Asturias e Rías Galegas, darían magníficos resultados .Desde estas datas a industria pesqueira ó par da conserveira axugarían perfectamente un desenvolvemento económico xamáis rexistrado no que ía de história. A escravitude do remo como da vela, quedarían no esquncemento dos ventos como tamén a maioría das faenas do mar, polo que a tarrafa pasaría a ser a arte máis poderosa dos mares lrvada a bordo dos novos barcos de vapor.



                 AS MÁQUINAS DE VAPOR
As máquinas movidas a vapor por caldeiras tubulares, naquel entón, supoñían o maior avance tecnolóxico da historia mundial. A precaria economía que padecía España como o resto do mundo, cambiaría de cor para sair daquela precariedade que se padecía desde tódolos séculos. Construiríanse barcos.equipados de caldeira, máquina e hélice; pero o nome da “traina”ou da traiña, seguiría na mesma andaina.

O aparello tería as mesmas características. Pero xa non se halaría a tira da rede á man que era a parte más pesada da faena. Agora serían as maquiniñas con tambor e movidas a vapor, quenes halarían a tira ou xareta mentres tanto aqueles 27 ou 30 homes, descansarían ata o momento de ir enganchando as anelas ó costado do barco. Con este rebulir económico florecerían novas fábricas de conserva e devalarían as de salga. A sardiña pasaría a ser o peixe máis preciado do mar, de aquí, a industria conserveira extenderíase por toda Europa.

Os italiáns serían os vangardistas da industria pesqueira, logo os cataláns se impoñerían no ramo textil e propagación das xábegas. 1750 .O mar Mediterráneo, fervía coa sardiña e co mocarte que moitas veces cando era copada pola toliña e atún, poñíana tan en seco que os mariñeiros cataláns e valencianos embasábana desde a bordo cun salabardo que conseguían cargar as súas pequenas embarcacións.

Mentres o Cantábrico e Atlántico, comprendendo desde a costa vasca, cántabra, asturiana e galega, aínda estaban en estado virxe. Pero serían os italiáns quen nos ensinarían a elaborar o peixe, como tamén os cataláns a pescar malmente coas rapetas, boliches e trabuquetes por todos os portos galegos.

A rapeta mailo boliche aínda que viñan a ser as mesmas redes pero con distintos matíces, eran as artes de pesca que máis recomendaban os cataláns. Tanto as costas como as rías estaban invadidas de toda a caste de peixe malmente de sardiña, xurelo, boga e xarda, únicos peixes que interesaban mercalos pola sustancia da graxa (saín) que ditos peixes contíñan e tamén por tal causa, eran os que máis valían.

O interés dos cataláns era comercializar estas artes para facer un extenso comercio do seu ramo textil por Galicia e resto de España. Así as fiaduras de Sabadell como de Tarrasa, a partir do l785, non daría abastecido os pedidos que solicitaban os armadores, cántabros, galegos, vascos e asturianos.
Dicíamos dos barcos de vapor abastecidos por aquel entón de carbón e leña, eran o maior invento para o progreso das nacións e o remate dunha eterna escravitude para os homes do mar.

                          A TARRAFA
                                          Arte de pesca, maior e de cerco
          A tarrafa era a arte que máis peixe podía coller nunha soa larga e na actualidade aínda segue sendo a mesma; pero as leis de hoxe non llo permíten. Esta gran arte de cerco como fumos vendo, o seu orixe quedou na famosa traiña. Logo despois de pasar tantas tráxicas esceas e desalentos inportunos como triunfos e vitorias das edades vividas, por ventura e esforzo humano, aparece o vapor e a rápida construcción de tódolos barcos, tanto de carga e pasaxe como de pesca. Todos eles botaríanse ó mar equipados de caldeiras tubulares e máquinas de bástagos para mover o eixo de cola e a correspondente hélice. Pois desde 1875, 1884 as tarrafas tomarían poder sobre os portos de mar polo que erguerían con creces a súa precaria economía. Precisamente no 1902, o porto de Cariño aproveitando os antigos traiñóns, escomenzaba andar á tarrafa na que conseguiría os maiores fluxos económicos. Sen embargo, na costa asturiana principalmente en Xixón, no 1879 xa se andaba faenando con esta arte. Con esta nova rede abandonaríase para sempre todas aquelas manobras pesadas da madre traiña.


          Ainda que esta nova arte se chamase tarrafa, non podería fuxir de ter a mesma alma que a traiña. Este aparello estaba dividido en cuartaladas (pezas), de vinte copes (faixas) cada unha. Cada cuartalada desde a gasa ó chicote, medía tamén vinte brazas. En cada lateral destas cuartaladas había unha tira de rede de media pulgada de ancho chamada reineta que era para reforzo dos panos e con fío do 210/16 que mediante un liñó do mesmo fío 210/16 ou 210/20 valía para unir a seguinte cuartalada e así, sucesivamente pegar todas as demais pezas da tarrafa para facer un cerco aproximado de 350 brazas.

          Unha cousa moi azosa era a cadeneta que tiña a relinga da cortiza con espazos aínda non de media braza cada un e facendo medio arco todos ó longo dela. Esta cadeneta servía para ir tirando os homes dela e así arrastrar a rede desde popa porque doutra maneira, ó ter cortizas redondas dita relinga, as mans dos homes non podían facer presa e tirar por ela. Na relinga da pedreira levaba de 34 a 36 anelas ou argollas de bronce, as cales por mediación da tira cando as maquiniñas de vapor tiraban por elas ían pechando a tarrafa pouco a pouco desde o fondo do mar ata chegar ó courel do barco.

          En cada cuartalada e propiamente en cada relinga inferior e superior, ía entrallada unha faixa de rede grosa de vinte centímetros de ancho polo que á da cortiza chamábaselle reineta e a da pedreira rapé. O chamado raedoiro viña a ser a última cuartalada que estaba pegada ó cabeceiro. En dito cabeceiro, había unha xisga de 8 brazas de longura que cando se largaba ía amarrada á gasa do remolque da lancha que o proel deste auxiliar de carga, tería que desmarrala e cimbrala polo aire no mesmo momento en que o barco chegase pertiño del.


          Para que a rede da tarrafa fose con máis rapidez cara ó fondo do mar no intre da larga, na relinga da pedreira moi rareadas, trincábanse ristras de chumbadas. A rede da tarrafa compoñíase de cope, veta e bragada. A malla desta rede pouco variaba en tamaño. A malla da sardiña tanto se levaba de 6, 7, 8, 9 e 10 milimetros o lado do cadrado da malla; pero a mocarteira que era exclusivamente para o mocarte, xa tiña que ser de 5, 6, 7, e de 8 milímetros o lado da malla . Cando se largaba ó ardor e se quería facer un perfecto cerco para que non sobrase nin faltase aparello da pana, para elo na relinga da cortiza ía marcada con dous boureliños chamados “mouchíns”. O primeiro ía situado na terceira cuartalada e o segundo na sesta ou na sétima que viña a ser o medio da rede; o cal despois de que o largador cantase “Mouchín”, xa se sabía que a terceira cuartalada xa ía no mar, logo despois a chegaba ó segundo, o señor largador volvía a cantar en voz alta: ¡medio!...

          Despois de facer a larga se era ó ardor, tan pronto se metía o cabeceiro e se empezaba halar a tira, dabase luz en cuberta. Estes eran os barcos que disfrutaban de ter dinamo, (máquina que convertía coa súa forza mecánica luz eléctrica); pero os tarrafeiros que carecían deste xenerador de luz, tiñan que usar petromás que era unha candilexa grande alimentada por gas a cal daba unha luz moi branca e potentísima. Acto seguido pasaban unhes dez ou doce homes para a pana que estaba situada a partir do garda calores ata a estampa de popa do barco. Logo comenzaba a faena. Tres homes tirarían polas cadenetas desde a estampa de popa, e pola cara de proa destes, o largador da cortiza, iría rapeando os panos da rede. Despois do largador de popa sobre o garda calores, de sete a oito homes estarían na pana tirando e metendo a rede.

         No calexón de babor pegado ó garda calores estaba o largador da pedreira quen lle tocaba de halala. Despois estaba outro home pola banda de estribor pegado á outra esquina do dito garda calores, que tiña que ir halando a tira en muela (en redondo). E a proa en cada tambor da maquiniña, estaban dos homes virando a tira e outros dous pola cara de babor desenganchando as anelas da tira para enganchalas de novo na varandiña do garda calores. E neste mesmo calexón de babor outros dous homes con cada o seu pendullo, estaban encargados de embalar o peixe sobre o pozo do barco que era o oco de mar por onde se podía ir a sardiña. Acabado de halar anelas e xa a tira en riba, os homes da pana seguirían halando ata chegar ó raedoiro. Se cadraba de haber peixe chamábase á lancha para que atracase ó preseiro para embasalo, e se resultaba que non había nada, pasaban o cabeceiro para popa e listos xa para unha nova larga



Co gran descubrimento do vapor, os tarrafeiros xa non serían aqueles galeóns ou traiñóns que cando ían para o mar tiñan que levar tres ou catro lanchas de carga para transportar o peixe que collesen. Agora estes novos barcos levarían consigo para tódolos mares unha soa embarcación de carga pola popa, e así, as flotas a remo desaparecerían paulatinamente de tódolos litorais, e acabaríase o vogar nas lanchas desde pola mañá cedo ata a noite. Nesta nosa costa desde Fisterra, ata Peñas, destacando Ortegal, e “Estaca de Bares”, o xurelón para as novas tarrafas estaba coma o bacallao nas augas de Groenlandia no seu principio. Tanto que toda esta nosa plataforma como dicimos, estaba terriblemente imbadida del.


                       RELATO DUN TARRAFEIRO
Era no tempo do xurelón, (inverno), ano l948. Había escurada e nela, íase ó ardor. Xosé Beceiro Bellón, (“Espenique”), (cedeirés) era o mestre do barco José Antonio, chamado “O Carballo” e propiedade de José Antonio Rodríguez López. (o Canexo)
O largador da relinga do “corcho”(cortiza), era Francisco Martínez, (O jaión) e o da dreira, Fermín da Duca.

Saíran da Arealonga ás 6 da tarde a recorrer o ardor. Cando pasoron as gallas da Punta Candieira, levaban rumbo de Norte. O peixe podía estar por fóra e así foron abertos ata montar a punta da Estaca de Bares. Recorre que recorre, chegaron ata a altura de Viveiro. Volta para vendaval. Viñeron vindo un pouco máis para terra polo que lle diron unhes cantos senos por fóra da Colleira, pero nin un triste torrón se deixaba ver por debaixo da proa do José Antonio. Eran as 4 da mañá e a Estaca de Bares quedaba pola popa. As luces de situación de moitos barcos cruzábanse por fóra e por terra da ría de Cariño.

Había un petromás acendido aló en terra e foron indo rumbo a el polo que resultou ser o barco de “Roscas”, de Cariño que estaba apreseirado e embasando para o barco e para a lancha, ademais, tiña dúas motoras agarradas á cortiza agardando para ser cargadas. Ó ver aquel barco, Espenique xa non tomou camiño da casa. Deulle máis para terra que case se mete na barra de Santa Marta.

O “León,” Andrés Yáñez Vergara, e o “Jaión”, Frncisco Martínez, que lles tocaba a garda da alba, e que ían a proa vixiando a ardentía, viron que ó tirar unhas pedras pola proa oumentaba cada vez máis o ardor das augas. E así foi, a fosforescencia da auga medraba pola forza do peixe que ía atopando o barco sobre terra; e desde o banco da roda de proa onde ían sentados mirando para o fondo, dixéronlle a Espenique de coña: “que lamarmecoma co rumbo que levas vas querdar en seco.” O resto da compaña rosmaba baixiño contra o mestre porque os barcos quedaban aló por fóra, e eles como quen se dí, polo golpe de mar.

Os de proa ían que botaban lume e algún deixara de mirar para a ardentía polo que todos supoñían que por alí non había rabo. Pero Espenique sen facerlles caso deixounos ir rosmando, pero aínda non remataran os que ían tosendo sen ter ganas, o noso benquerido León, que permanecía á espectativa do que ía pensando o seu mestre, derrepente poñéndose dereito na proa e dando un berro dixo: “¡Ei, lavirgen, que vexo eu!” ¿”Non é aquilo que está para terra unha fogueira”? Contestaron todos, ¡si, si, é unha fogueira!. Efectivamente, o peixe estaba facendo praia por norte de Pedramea, ó pé como se di, do porto de Cariño. “Listos, vamos largar” ordenou Espenique.

“Non imos cercalo todo, aquí hai moito peixe de Deus”.´dixo o mestre desde o ponte. Largaron 9 cuartaladas, e antes de que chegase a tira coas anelas ó costado do barco, o peixe xurdeu dando tal terrible espombada que parecía a fervenza dun volcán. Cando se acendeu o petromás a maior sorpresa para todos, foi que toda a circunferencia das nove curtaladas só se vían merluzas coa cabeza encima da cortiza para irse que parecían badexos de grandes. Pero a pesar de todos os esforzos pretendidos moitas se ían por enriba da cortiza.

Aquilo era marabilloso e ó tempo tremebundo polo aspecto que ofrecía aquela mole de xurelón que en remellín ofrecía serenidade e respeto. Cando secaron un pouco máis o peixe, o son do armonioso pito do Carballo, deixarono ir ceibo polos aires do mar para que todas as embarcacións que o oiran viñesen a cargar de xurelón.

Axiña apareceron máis de 15 barcos e motoras; pero só foron cargando aqueles que chegaban antes ó preseiro. Foron 8 barcos e 4 lanchas dos tarrafeiros, quenes foron saíndo cargados polos mameis para a venda. De Cedeira, cargaran ó Raio, e ó barco Novo. A maioría eran de Cariño. Só un de Viveiro, e 2 de Espasante. En total 12 embarcacións cargadas de xurelón.

Temos que saber que se esta cantidade de peixe fose cercado nas 40 ou 50 brazas de altura, non habería chino que aguantase con tanto xurelón a non ser que houbese sorte e secando axiña. Este espantoso banco de peixe, como vemos, foi acosado terriblemente polas devoradoras merluzas nunhas augas que non son propícias para estar este peixe tanto en terra. Pois nos atrevemos a dicir, que todo este peixe nas augas que acabamos de mencionar, botarían apique a varias embarcacións xuntas.

Pois aquí en Pedramea cun calado aproximado de 15 a 18 brazas de altura, Espenique tiña todas as aventaxes de capturar a este colosal banco de xurelón e se cabe, aínda superior. Porque a non ter auga nin espazo suficiente para moverse o peixe, a forza de miles de toneladas que os rabos deste zunento peixe potenciaría, sería imposible termala. Polo tanto se este banco de xurelón dispuxese de altura, con unha simple fozoada para limparse, levaría a rede e o barco nos beizos coma se fose unha caixa de cartón.

Onde sucedeu esta larga creemos que é unha das alturas máis adecuadas e propícias para calquera tarrafeiro, porque nestas augas foi e será onde se acadaron e se acadarán as máis grandes amorradas de sardiña, xurelón e robaliza. A marea foi boa, 500 merluzas case todas collidas cos salabardos e co único gancho de abordo. Pois por non ter a quen vendelas deixáronas a 5 pesos cada unha. 12500.-pesetas.75,13 euros .E de 720 medidas de xurelón a 86 pesetas 0,52 euros. Resultando 61920 de xurelón e 12 500 de merluza .un total de 74420.-pesetas.


           AS LARGAS DAS VELLAS TARRAFAS TANTO Ó ARDOR COMO DE DIA, AXEXO E AMANEXO
Na época que apuntamos, cada tarrafeiro á hora de saír para o mar, levaba unha lancha pola popa para transportar o peixe que collese cunha capacidade de carga sobre 70 a 100 mil kilos. Estas embarcacións solían levar a bordo de 6 a 8 homes cada unha. Catro ou seis para vogar, un patrón para gobernar dita lancha e un proel para lanzar a xisga (unha rabiza de oito brazas de longura), sobre o barco no momento en que este chegase á fonda.

Daquela largábase en pleno día, ó axexo, amanexo e ó ardor. Ó axexo era desde o momento en que o sol se metía no mar ata que non se vía nada.(entre lusco e fusco) O barco paraba en calquera sendeira esperando a ver se xurdía algunha axada de sardiña ou poder largar a vinte ou a trinta escaraboullos. Tamén se podían ver saltar as sardiñas ó aire e por sorte esta era a mellor sinal para largar a rede e asegurar a captura do peixe que xa un supoñía que iría nese banco.

Os homes do barco como os da lancha poñíanse a proa coas orellas de tísico e ollos de mascato a ver quen era o primeiro en ver xurdir un maducho, saltar ó aire unha sardiña ou calquera gaivota extraviada vela panear sobre a espombada dunha axada. Si se largaba ós escaraboullos á hora do axexo, a marcha do barco era menos de media para non embalar. Se xurdía unha axada, era a un pouco máis de media. E se saltaban ó aire as sardiñas, era máis de media ou a toda. Recorrer o “ardor” (ardentía), era durante a noite, mais con lúa as augas non saben arder polo que era na escurada cando se recorría o ardor.

Nas noites escuras cando se atopaban algunhas manchas de sardiña e vía un que merecía a pena largar, axiña.se arriaba o cabeceiro ó mar. No verán as augas están máis quentes que no inverno. Esta é unha das razóns pola que nós cremos que a fosforescencia oumenta no verán. Para distinguir unhes peixes doutros andando ó ardor os mariñeiros saben moi ben diferenciar a silueta ou ronsel de cada peixe que vai por debaixo do barco a distintas brazas do fondo como da superficie. Cando o barco da a cabezada ou o pantocazo sobre o lombo do mar, o peixe que vai sobre o fondo, ó asustarse na súa fuxida deixa a súa silueta ou ronsel na ardentía das augas e ó momento xa se sabe que clase de peixe vai debaixo de un.

A sardiña sempre vai máis perta da superficie que o xurelón e transmite unha fosforescencia máis opaca que este; pero o xurelón como tamén o xurerlo sardiñeiro, van máis no fondo e a ardentía faina máis viva. A sardiña ocupa máis espazo de mar que o xurelón cando vai correndo en banco orizontal, sen embargo, o xurelo ou chicharro, faino en vertical, en redondo ou en bolo chamado “torrón”. A súa fosforescencia é tan potente coma a luz eléctrica metida dentro do mar isto sucede máis cando sube á superficie. Para referencia temos as grandes fogueiras de xurelón cando xurden na noite escura movidas polas devoradoras bocas das merluzas sobre a flor da auga. É algo precioso ver en sentido figurado, con que viveza arde o mar.

Nesta investigación ardorosa que tantas veces temos feito desde a proa do barco, observamos á sardiña que ten a gran inclinación ou nartureza instintiva que cando quere fuxir da sombra da rede, ou por debaixo da pedreira, polo pozo do barco, ou pola fonda cando está embaladiza, sempre tira para fóra e para Oeste, sen embargo, cando se ve acosada pola toliña se ela está cerca da costa apicará rauda e veloz e fuxirá polas sombras da golfada e polo máis terriña posible. En cambio o xurelón ou xurelo sardiñeiro, cando fuxe, ten outra natureza, que o fai para vendaval e sempre caendo sobre a cara de terra.

A fosforencencia da xarda é moi parecida a do xurelón. A do mocarte un pouco máis débil que a da sardiña. A larga sobre estes peixes tanto de día como de noite recorrendo o ardor, faise do seguinte xeito: A tarrafa que é a rede, vai na pana do barco que é do medio para popa, e sobre a banda de estribor trincada á cornamuza, vai unha gaza grande na que se enganchará o remolque da lancha mendiante un pasador de toxo ou de carballo.

Nesta gaza do remolque vai ballestrincada unha boza ou rabiza de 7 a 8 brazas de largo chamada “xisga” que ó momento de arriar o cabeceiro da tarrafa ó mar cando se vaia largando, a xente da lancha comenzará halar o cabo do remolque (retedor) para a bordo ata atoparse coa fisga e logo desmarrala apuradamente.

Mentres o barco vai facendo a larga e ven vindo sobre a lancha, o proel desta deberá poñer a fisga en “muela”(domos circulares) e no momento en que o barco trate de acoderse á lancha, tanto por babor como por estribor, este proel lanzará polo aire a “muela” da xisga sobre as mas dos mariñeiros que veñen dereitos a proa para collela.

Os homes do barco tirarán pola xisga rapidamente para meter o cabeceiro e trincalo a á cornamuza de babor. E acto seguido poñer ós tambores da maquiniña a tira ou tamén chamada xareta que metida polos ollos das argollas e con habilidade irase virando amodo para que traballe ben a tarrafa se ven polo limpo; pero se ven polo cuberto sobre a pouca auga, faceráse un pouco apurado para que a pedreira non prenda nos croios.

E mentres un ou dous homes con cada o seu pendullo, sobre o pozo do barco pola cara de babor, comenzarán a embalar de maneira constante para que a sardiña non se escoe por ese calexón de mar entre as dúas pernas da tarrafa. Logo cando a maquiniña escomence a halar e vaia afloxando a perna de baixo, os homes da pana irán metendo a veta ou malla clara a bordo. A maquiniña seguirá virando ata poñer as anelas ceñidas ó courel da banda de babor.

As anelas iranse palmeando para unha barra de ferro que vai pegada ó garda calores do barco desta mesma banda e a unhes dez centímetros da cuberta, e á vez, un home iraias enganchando na tira da que o home que está na maquiniña lle vaia dando e así en cadea irllas dando ó largador da pedreira que na medida que vai halando para a pana, ase mesmo vai aparexando a tira á pedreira.

Os homes que están na pana seguirán tirando dos panos ou dos copes e mentres irase mirando se hai algún peixe dentro da rede, e se resulta que si, irase levando ata a última cuartalada chamada (raedioro), e acto seguido chamarase á lancha para que atraque por babor do barco e meta as cadenetas do raedoiro nos toletes da mesma para mais logo facer preseiro e logo despois meter o mango do gancho como cala no espeso do peixe para saber a cantidade de medidas que hai dentro.

Si resulta que hai de cinco a vinte medidas, traerase a vender na primeira hora da denoite; pero se a captura resultase superior, haberá que apreseirar toda a noite ata o mencer. Isto había que facelo se a faena remataba ás 11 ou ás 12 da noite do verán. Entón o barco quedaba apreseirado ( o peixe preso en pouco espazo de aparello). Logo a lancha tiña que tender a pombeira e dar fondo co rizón sempre en contra do tempo que correse para que o preseiro traballase ben.

Despois disto, seis ou sete homes do barco quedaban de garda ata o romper do día (amanexo), quenes tiñan que despertar ós demais compañeiros ó vir a alba para envasar a sardiña na lancha sobre a fresca da mañán, sempre co afán de que chegase a sardiña ben fresquiña á quela praza que o patrón quixese ila vender.

Nestas largas das vellas tarrafas había unha cousa moi curiosa por parte do carácter zunético que tiña o xurelón. Despois de cargar a tres ou a catro barcos deste mesmo peixe e a non haber máis a quen chamar para cargar, todo o xurelón que quedaba no preseiro a menos que fose pouca cantidade, víamonos obrigados a ter que viralo ó mar; pero meus queridos señores, nunca éramos capaces de viralo por encima da cortiza porque a forza del podía máis ca nosa. Por esta razón tíñamos que botarlle man ó gancho que medía catro ou cinco brazas de largo e co couce deste, ter que esfondar o aparello para que así, se fose o xurelón polos boquetes que o gancho acababa de facer.

 

 

 

                    LARGAR Ó CHOU E Á GORGOLA

Estas dúas modalidades de largar ó chou e á gorgola, tanto as tarrafas como as tarrafiñas, isto era moi peculiar nas rías galegas. Cando o peixe non xurdía a superficie por circunstancias do tempo e por outras que nós descoñecíamos, moitos tarrafeiros recorrían aquelas partes abundantes de peixe e de pouca altura, onde os homes a proa do barco ían mirando para a flor da auga a media pa, a ver se vían xurdir faroliños en ringleira ou soltos.

Se os faroliños eran miudos e viñan en ringleira, sabíase que eran de chinchín ou de xurelo sardiñeiro. Se estes mesmos faroliños da mesma xeitura eran meirandes, eran de xurelón, sen embargo, os faroles que viñan individuais e que estoupaban ó chegar á superficie, estes eran de sardiña.

Os tarrafeiros que andaban á gorgola e por mala sorte na atopaban, aventurábanse a largar a tarrafa sen ver peixe, isto era  (“largar ó chou”). A pesar de que en todas estas largas non se vía peixe, os resultados sempre eran positivos. Pero temos que deixar claro como dixemos, que estas largas ralizábanse tanto no limpo como na golfada; pero sempre eran na pouca auga.

AS TARRAFAS TAMÉN LARGABAN Á TIRADA DOS MASCATOS
No ano 1953, na ábra de fóra da praia da Froxeira, contra o Pión, (Punta Negra),a bordo do Tarrafeiro “María del Mar (o Raio) de Cedeira, curiosamente presenciei unha fantástica obra por un elegante mascato. Era no mes de outubro. O tempo corría de Oeste. O ceo estaba encapotado e a compaña do“Raio”permanecía a proa á espectativa para ver cando podía xurdir unha axada de sardiña para largarlle. Eran as tres da tarde desde as nove da mañá que saíramos en busca de gorgola, pero como na atopáramos tirámonos ó devalo.

Daquela hora a xente xa perdera a fe e o que máis e o que menos queríase ir para a casa; pero de sortilexio non sei como miramos polo ras da auga que vimos vir desde lonxe un mascato polas sombras do mar sorteando a punta das foletas que nos sorprendeu a todos. Pero antes de chegar a nosoutros deu unhes planeos que logo voltou para vendaval.

Os de a bordo non lle perdíamos ollo, pero voando igual que o vento perdeuse no azul. De alí a un pouquiño aí volve outra vez. Viña amodo e lento, pero elevándose sobre certa altura do ceo, quedouse case quedo cal se fose unha aguia cos ollos postos no mar. Os nosos tamén permanecían abertos a todos os movementos que o animal expresaba desde os aires. Neste mesmo momento cando o mascato estaba o mesmo que un gavilán observando das alturas, dixo Luis de Anselmo que era o patrón do barco:“listádevos que imos largar. Esa ave está vendo algo, e non se vai porque ten peixe debaixo dela”.

Nisto, igual que unha bala lanzouse en picado. Parecía un mísil...¡chumba!, igual que un coitelo caía no mar. Tardou un pedazo en xurdir e no intre en que o animal apareceu todo galloufeiro, vémolo cunha sardiña atravesada na boca. Ó ver tan boa sinal, en seguida dixo Luis: ¡arría!. O cabeceiro da tarrafa caía no mar e aló fomos largando sobre a zona por onde planeaba. Cando íamos largando a tarrafa tamén íamos deixando como referencia aquel punto de mar onde o mascato xurdira coa sardiña para comela...Chegados á fonda, fumos birando pouco a pouco a tira e os homes na pana endomando os panos da tarrafa.

Cando xa faltaban case tres cuarteladas para a cabar e a non ver ningunha sardiña mallada por ningún sitio a tripulación perdera a fe de que nada íamos coller..., pero de súpeto e de repente comenzaron a saltar as sardiñas ó aire dentro da rede que era unha marabilla. Logo fomos aviñando e apetando o peixe para o raedoiro, que en menos dunha hora, envasamos na lancha sesenta e oito medidas de sardiña. Todo elo meus amantes do mar, gracias á potentísima visión do mascato que nos indicou en que profundidade estaba o peixe e que reparteu para todos nós, naquel día gris, un regalo de Deus para aqueles mariñeiros de Cedeira, coma se fosen de Viveiro, de Malpica, de Sada ou do Grove.

O BOLICHE
                           Arte de pesca menor de arrastre logo de cerco.
Aínda que se xuntasen tódolos boliches que houbese no país ningún sería igual, todos serían diferentes. Hai tanta variedade entre eles que non podemos prefixar ou dicir aquel é igual que este. O que sabemos sen lugar a dúbidas é que o seu orixe parte da xábega, que primeiro comenza con media e doble copeada rematando tamén con cuarto, medio e longo saco. Algunhes destes boliches nosoutros non tivemos a sorte de coñecelos; pero graciñas a Don Eladio Rodríguez González, que estivo no tempo e soubo recollerlle os seus nomes.: Boliche da pedra, boliche trabuquete, boliche do inverno, boliche do verán, boliche pequeño, boliche do aire, boliche do calamar, boliche do asubio, etc.etec. Pero en ensencia todas estas artes veñen a ser o mesmo; pero con diferentes medidas que son as únicas variantes que as distingue.

Todos estes boliches que acabamos de reseñar teñen a mesma fisonomía que unha rapeta porque dela naceron, e tanto unhas como outras, arranxandoas, igual, traballan no limpo coma no cuberto. A caída de esta arte foi indo polos mesmos vieiros que se foi a traiña. Pero no seu principio había boliches de todos os tipos, que á verdade como dicimos,viñan a ser fillos da xábega e que pescaban de tódalas especies tanto cando raían nas alladas da costa, como nas duras areas da praia.

Algúns dos boliches tanto tiñan saco como copeada. Parece ser que o nome do boliche parte dunha botella grosa cunha bola de cristal colocada na súa gorxa e cun ariño de goma para pechar a presión da auga de gas que a botella conteña. A idea pendura de aquí, pois parece ser que cando non había luz eléctrica nas casas, as luces de carburo surtíanas e servíanse deste alumado. A luz de carburo era limpa e branca pero como tamén era perigrosa cando non estaban ben compensados os elementos da base do aparato. (auga e carburo) Cando isto sucedía, a estoupada que daba era como unha bomba caseira. A medida que os accidentes destas luces se ían coñecendo, a idea de meter carburo nunha botella de cristal moi groso evolucionaba a paso lixeiro polos ámbitos do mar, coa afán de atontar a todo aquel peixe que estivese preto da vista do mariñeiro para logo cercalo co aparello.

O boliche tanto traballa no cuberto coma no limpo, pero as manobras no cuberto son máis engurrosas porque a maioría das veces prende no fondo. Pero sobre este particular cando traballa no cuberto hai unha chalana cun home que onde o aparello prende, as mas deste home záfano da pedra; pero sobre o limpo non ten problema.

Sobre o l904 a l947, sabendo os rapeteiros e os tarrafeiros que a costa estaba cuberta de bogas, xurelos, xardas, panchos e algunha sardiña, as rapetas que tíñan altura nas copeadas como tamén nas pernas, tentaron raer nas alladas desde as embarcacións.

Pero como o peixe case sempre se lles ía por debaixo das pedreiras, pensouse como xa dixemos no principio na botella de cristal con bola no gorgozo e meterlle ben carburo para que estoupase no fondo do mar como se fose unha bomba, e desta maneira o peixe quedase morrongo e aparvado para logo collelo coa maior facilidade.

Aprendendo dos accidentes dos cartuchos de pólvora como dos boliches de carburo que eran de ferro e de latón e dos diferentes estoupidos provocados en plan de esperimento, as botellas convertiríanse nun novo explosivo de gran consideraciónen, o cal multiplicaríase mediante as mans veteranas para usalos nas partes de pouca auga. Anos máis tarde as botellas de carburo pasarían á história ocupando o seu lugar a dinamita quen daría moi bos resultados gananciais tanto para os armadores como para os mariñeiros; pero estes grandes resultados ó paso do tempo a dinamita iríalles pasando factura deixando a moita xente do mar mutilada.

Sabido isto, tanto os fabricantes como as peixeiras, o peixe do boliche da costa pasouse a desconfiar del e no pagar como o que collían as rapetas polas praias que viña máis tesoe menos molifdo. A medida que este boliche foi de utilidade e se facían moitas motas con el, este aparello vai sendo modificado con máis cope polas dúas pernas e menos veta pola perna de baixo.

En moitos deles desaparecerían as pernas da malla clara e convirtiríanse en pequenas tarrafiñas. As primeiras copeadas que usaban estas artes de 10 e de 12 brazas, de altura, agora pasarían a ter de15 a 20. Do mesmo modo que as traiñas tomaban pustura nas rías, da mesma maneira a tomaban os bolicheiros nas alladas da costa e así, moitos deles despois de rapetar nestas alladas deixaban unha buceta termando do sitio.

Para o boliche da pedra, cando o peixe non arrimaba ás alladas, había que engadalo con peixe esmagado ou con mexillón machucado. Nesta modalidade do engado, unha vez xunto o peixe dentro do aparello, procedíase a preparar cinco ou seis botellas de carburo para logo tiralos ó mar e como dicíamos, estouparían cun efecto mortífero, pero favorable para os bolicheiros. A medida que o tempo ía pasando notábase que cada ano había menos peixe pola costa e polas allasdas e neste descenso de peixe foron desaparecendo estas artes das alladas da costa.

                           A TARRAFA DO MANSÍO
                                       Arte de pesca maior e de cerco
O mansío é a plena consumación de un banco de sardiña que acorralado polas trilleiras de toliñas, e forzado a xurdir á superficie para poder comer nela.

Neste momento espectacular cando a sardiña está semi en seco polo intensivo axoque destes mamíferos, o banco de peixe está no intre propício de que calquera tarrafeiro deberá largarlle a rede rapidamente en curto cerco.
O “mansío” era propio das tarrafas. Esta pesqueira consistía en que cada tarrafeiro tiña que andar todo o día á tras da toliña para ver onde elas facían xurdir algunha axada de sardiña para largarlle o aparello. Á esta pesqueira íase coa tarrafa de maior altura. Diferenciabanse das de terra das que tiñan redes para traballar nas quince e vinte brazas de auga. As cuartaladas das tarrafas de fóra tiñan de trinta a trinta e cinco brazas de altura; pois non só tiñan a avantaxe de poder cercar as axadas de sardiña cando xurdían á superficie polo acoso da toliña, senón que tamén no ardor podían facer fronte ás manchas de peixe que ían a vintecinco e trinta brazas de profundidade.

Esta pesqueira coñeceríase despois da Primeira Guerra Mundial, l9l4. Eran poucos os barcos que podían faenar polos mares onde se desenvolvían os primeiros mansíos. Daquela época os barcos eran pequenos e con pouca máquina.

Á parte dos tarrafeiros había outras embarcacións que andaban á rebusca de artefactos perdidos da primeira Guerra Mundial, estas foron as que descubriron estos grandes mansíos provocados polas devoradoras bocas das toliñas. Tamén os pequenos mercantes que tiñan a base na Coruña, todos estes acontecementos se contaban no ámbito mariñeiro

Dicíase que a unha e a dúas horas tirando para fóra da costa, que era onde se atopaban moitas cousas de valor nadando polo mar adiante e que a toliña non daba comido a sardiña que había por aqueles trousos.

Nesta Guerra Mundial, cada cal facía o que podía... Polo tanto, só podían ir aqueles barcos de maior máquina cunha lancha pola popa que pesaba o seu. A pesqueira do mansío tiña as súas peculiaridades e as súas leis establecidas sen ducumentos; pero basadas na palabra do home e nas costumes firmes do mar. Si a un mansío (unha mada de sardiña) chegaban dous barcos xuntos, o primeiro que largase tiña que darlle parte ó outro, pola razón de chegar os dous a un tempo ou que a divisaron os dous no mesmo intre, aínda que ambos barcos estivesen antes de partir sobre a axada, con diferentes distancias. A xustiza mansieira estribaba en que estes dous barcos viron o peixe a un mesmo tempo, polo cal quen collese esa sardiña tería que repartila co barco que se atopase máis perto do primeiro.

Se eran máis de 3, ou de 4, tamén había que repartir a partes iguais. Polo tanto necesitábase marcha para chegar antes que ninguén ó peixe. Temos un caso histórico dun barco de Cedeira que se chamaba a “Sotana” que a botaron apique porque o patrón non quixo compartir a larga cun barco de Cariño.

A manobra sucedeu por nordeste do mar de Guzmán, (zona de Teixido) Xurdira un mansío tremendo e a “Sotana” deulle todo a vante preparada para largar pero un barco de Cariño desde lonxe pedíalle parte ó Señor “Chevé” que era o patrón da popular “Sotana”; mais este vendo que estaba moi distanciado do mansío no veu razonable querer compartir o mansío co barco de Cariño. O caso foi que cando a “Sotana” ía largando a tarrafa o barco de Cariño, de rabia e sen razón, abordouno pola banda de estribor abrindolle un boquete irreversible que condenaba á pobre “Sotana” a morrer no fondo do mar.

Naquel instante chagaba o María del Mar, (O “Raio”) de Cedeira, quen lle recolleu primeiramente a compaña e logo a rede. Os barcos que estaban mirando ó redor daquela desfeita, cando viron que os homes estaban todos a salvo, diron a vante e volveron en busca da toliña. Sen embargo, o patrón do “Carro Castaño” que tiña a súa lancha cargada de sardiña pola popa, agardou serenamente con todos os homes a proa ó peiño do Raio e mirando con toda a atención como recollía a rede da “Sotana” e como a xente se ía acomodando e tranquilizando, unhes sentándose na cuberta do barco e outros nas bancadas da lancha.

Cando o “Raio” acabou, o “Carro Castaño” saudando agarimosamente deulle avante e con negras bocanadas de fume que saían da súa fumeira, partía cara ó porto de Cariño para a venda. Tamén o “Raio” partía para a casa con máis de cincuenta homes a bordo que ían tristes e cheos de rabia: tristes porque, sexa cal sexa o suceso e igualmente a circunstancia, cando un barco se vai a pique, sempre da pena velo ir ó fondo do mar porque aínda ás táboas do camarote onde dormes, lles colles agarimo, e rabia por sufrir unha imbecilidade dun aloucado que non soubo termar dos seus impulsos porque en vez de resolvelo con palabras, recurreu á violencia tomando a xustiza pola súa man. Aquel suceso fora moi lamentado e protestado.

Os barcos que tiñan pouca máquina sempre protestaban en estes casos porque eran os últimos en chegar ós mansíos. Sen embargo, tamén había destes barcos con pouca máquina, que se conformaban andando polos trousos de terra que á verdade tamén había toliña e mansíos. Estes barcos de pouca marcha cando lles cadraba tamén collían o mesmo que os de fóra.

Era raro que calquera tarrafeiro que largase a un mansío, non trouxese unha lancha de sardiña para terra; pero como dicimos, eran moi poucos os que tiñan boa marcha para poder desprazarse dos mares de fóra para os de terra e dos de tarra, para os de fóra. Había que andar todo o día á trás da toliña.



O tempo ou costeira do mansío, escomenzábase polo mes de abril, tempo en que aparecían os primeiros costeos de mocarte e de sardiña pequeneira. Os barcos íanse pola mañá e se había sorte viñan vender dúas ou tres veces a porto; pero en outras ocasións había que andar tras da toliña ata atopala.

A todo isto, hai que dicir que sen toliña, o mansío non tiña razón de existir, polo que como vostedes saben, “mansío” ven de amansar, pois neste caso cando a toliña cercaba e apertaba un banco de 10 ou de 12 mil toneladas de peixe, e no deixaba mover do sitio, aquí cúmprese a palabra “mansío”.

Despois de estalar a Guerra Civil Española, l936, e no 1939, a Segunda Guerra Mundial, esta pesqueira quedaría sen actividade pasando a ser esquencida por circunstancias das mesmas.

Queremos poñer de releve que todos estes aconteceres con referencia á toliña, que levamos dito e que imos dicir, xa existían de por vida. Cando a touliña dominaba os mares de todos os continentes, e se sentía dona do mar. Cando se enseñoreaba da inmensa superficie das augas de sal, e se apropiaba de múltiples e terribles bancos de sardiñade e mocarte, este colosal vivir destas intelixentes criaturas que a natura puxo no mar, foron elas naquela época quenes lles ofrecían ós mariñeiros os incalculables millóns de toneladas de sardiña, que os acéanos gardaban nos seus seos.

Elas eran as autoras e probocadoras dos máis fermosos espectáculos do mar. Cando a sardiña fuxía e se escondía sobre os fondos e non tiña ganas de xurdir á superficie polo medo ó acoso destas devoradoras criaturas, toninas como lle chaman os de Viveiro, e desesperadas por non poder atopala, partirían raudo e veloz en forma de batallóns comunicándose unhas coas outras por medio dos seus miudos xemidos, sobre as chaeiras do mar para encontrar e establecer sanguentas batallas coas madas de sardiña.

No 1923 nunha mañán de xunio aconteceu desde Cabo Prior ata a Estaca de Bares. A toliña con velocidade vertixinosa que en ese momento eran as protagonistas de construír un dos máis bonitos espectáculos mariños. Todo canto alcanzaba a vista e para calquera parte que un mirare, non se vía outra cousa nadamais que toliña en marcha de batalla.

Istoto sóubose polos barcos de varios portos que naquela hora había no mar. Cando a xente de aqueles barcos saltaron en terra comenzaron a comentalo polas tabernas. Dicían que nunca tan grande extensión de toliña viran no mar.

Cando isto sucedía era porque os fortes bancos de peixe faltaban. Estes bancos desaparecían para outros mares (zonas ou costas) sen deixar rastro. Mais as toliñas desesperadas e burladas pola astuta e rápida sardiña, tomarían a decisión de atopala e por esta burlesca desaparición lanzaríanse incesantemente en busca dos bancos da mesma.

Estes animás cando recoñecen un banco de sardiña ordénanse coa máxima disciplina para atacar salvaxemente coa maior intelixencia e precisión. No primeiro ataque axócana por tódalas bandas, xúntana e apiñóana pola esclarecida estratéxia que teñen e se reparten. Divídense en tres ou en catro grupos. O primeiro grupo colócase sobre a superficie que é o que comenza a devorar nela. O segundo non fai mais que axocala e mantela no sitio ou no punto máis estratéxico que á toliña considere.

O terceiro mailo cuarto sitúanse máis no fondo (parte única por onde pode fuxir a sardiña.) Neste acontecer a toliña vai facendo un círculo perfecto e ó tempo devorando no peixe a placer. Nesta sementeira de terror acadan un equilíbrio psicolóxico propio e intuitivo deste astuto animal, que despois de copar á sardiña con toda a soberanía e precisión, vana apertando cara a superfície ata poñela en seco.

Aquelas que primeiramente comenzaran a devorar sardiña e que eran as que se colocaran na superficie, agora estas no seu momento terán que pasar para o sitio das do fondo, e estas, colocaranse sobre a superfície como capitanas e vencedoras dunha das batallas máis terroríficas que elas teñen sobre o peixe más veloz en curto espacio de mar.

Este acoso espectacular da toliña contra a sardiña en ataque e en pleno día, todo é un saltío delas ó aire. Neste burbulleo e fervenza de sardiña empuxada polas bocas das logromantas, vai xurdindo un escumallo coma se fose de xabón. As augas onde este espectáculo se representa son de cor castaño, chamada “tintura”, e ó tempo media castaña polo sangue que vai xurdindo desde o fondo. Sen embargo, outras veces non sucede igual porque polo traballar da sardiña, ben sexa en axada, ou en trimuallo facendo auga branca, os mansieiros xa saben que ese peixe ten a toliña debaixo del.

Neste caso, cando isto sucede, a larga debe efectuarse rapidamente porque nun abrir e pechar de ollos, a sardiña límpase a velocidade de bértigo, deixando burlada á toliña. Sobre este acontecemento da primeira fase, momento en que a toliña comenza a devorar sardiña, as gaivotas, mascatos, pardelas, arós, paíños e ata os“papamerdas”, acuden ó banquete que pouco a pouco van facendo un palleiro de aves no aire de tal magnitude que calquera tarrafa ben de lonxe, podeo ver desde proa. Pero tamén en este momento pódeno ver moitos barcos á vez; mais como dicíamos, aquel que máis marcha teña será o primeiro en chegar e largar antes.

A tripulación que vai mirando a proa canto máis se vai acercando ó mansío, máis torre de aves vai vendo. Pois esta palleirada de animás que acuden ó festín, moitas veces toma semellante altura tanto ou máis que unha casa de 5 pisos. Cando o barco en marcha chega ó pé do mansío, todos os homes que van a proa poden observar de ben cerca como a sardiña está tremendamente case en seco mentres que millares delas están saltando ó aire. Da a impresión que as sardiñas teñen corrente no rabo cando van no salto tembrando.

Ós mansíos lárgase pouco aparello porque o peixe está moi apertado polo acoso das toliñas. En moitos casos aínda que non se largase a tarrafa con salabardos desde a bordo coleríase peixe. No mar Mediterráneo téñense dado casos en estos colosales mansíos, moitas bucetas teñen cargado de mocarte e de sardiña simplemente con salabardos.

A un bo mansío chega con só largarlle un pouco máis de aparello que “á volta do barco”. A manobra é moi rápida polos aconteceres que ten. Pero é un verdadeiro espectáculo ver saltar as sardiñas de tal modo que no nos cansaremos de dicilo que parece que cando saltan teñen corrente na punta do rabo. O mansío deixou moitas lembranzas pero recollidas moi poucas, pero imos contar un curtiño relato que aconteceu nunha larga ó pé da costa cerca da praia de Campelo. (Cobas-Ferrol)



              A TOLIÑA QUE VEU CHORANDO
Foi no barco “Novo“, o San Antonio, propiedade de Don Andrés López, veciño de (Cedeira). Largara en Campelo a un pequeno mansío, no que colleran 38 medidas de sardiña; pero cando estaban embasando do preseiro para a lancha, un rapaz desta, cun salabardo, meteu unha toliña noviña na bancada.
De momento aquela criatura era daquel rapaz. Cando remataron de embasar, o barco deulle avante para Cedeira. Todos os rapaces da lancha pasaron aloumiñala; pero a pequerrechiña, comenzou a lanzar xemidos bastante miudos que parecían suspiros dun neniño. E de súpeto despois de montar as Uchas, (augas de Punta Negra), para nordeste, a nai dela, houbo de saltar a bordo da lancha.
Todo o camiño veu pegada a embarcaciòn co rabo na auga e a cabeza por encima do courel. “Dádelle gancho ó toliñazo ese que temos comida para un mes, dixo un rapaz da lancha”. “O gancho teño eu, dixo o apoderado da noviña”.“Pasamos máis fame que diós e imos deixar pasar esta oportunidade, dame o gancho para aquí que llo dou eu”, dixo outro compañeiro de a bordo.

Despois de dar unhes berros acompañados dunhes duros xuramentos, o apoderado da noviña, en defensa da nai, parteu o gancho cos xionllos e logo tirouno ó mar. O patrón da lancha apaciguou o caso polo que todos viñeron a unha razón de humanidade pensando nunha madre cando lle levan un fillo. A todo isto, a nai da noviña, que viña a saltos ó peíño da lancha e co bico no corredor non deixaba de xemir pola súa cría que ía a enriba do corredor, dando os mesmos berriños que a súa nai, pero atendida por varios rapaces da lancha que lle ían botando auga para que non morrese.

Ó chegar á ría de Cedeira, “Punta Sarridal”, os rapaces da lancha movidos pola mágoa que se formulara na conversa, souberon recoñecer o erro, pois cando case todos estiveron da cordo, dironlle a liberdade aquela criatura que parecía que tiña sentimentos igual que un neno. Isto foi a querer montar a praia de Sonreira, antes da Punta do Castelo, que entre Paco Leonardo, (Paquito), que era o patrón da lancha e Victoriano Rodríguez, estes foron os autores de tirala ó mar para que a nai da pequerrechiña non chorara máis. Así foi o conto e así as viron as dúas marchar; a nai e a filla, pegadiñas unha a outra, dando saltos pola ría abaixo con tanta tenrura maternal que o mar e o ceo choraban de felicidade vendo aquela esplendorosa imaxe que só despedía amor desmensurado. Todos os rapaces da lancha quedaron atónitos, pero nos ocos do corazón sentíanse satisfeitos por recibir aquel fermoso mensaxe daquela nai que choraba como choran as nosdas cando lles levan un fillo para a morte, si, meus queridos lectores, estas criaturas tamén sufren e choran...

                                  O ORIXE DO BOU
                                     Arte de pesca maior e de arrastre.


O nome desta arte venlle do boi.
Cando a xábega ou rapeta había que arrastrala para terra desde as praias e os rapeteiros desde séculos e cansos de tirar por ela, deciden que sexan os bois e as vacas quena arrastren para que os homes descansen. Principalmente, isto comenzou pola costa catalana con aqueles grandes rapetóns, pois anos máis tarde cando os barcos de vapor aparecen por todos os paises, as lanchas de vela pasarían a historia como arrastreiras. Non só se arrastraban as xábegas para terra con bois e con vacas, senón que se valían tamén de mulas e burros. Despois de rapetar, estes animás, eran os que subirían á rastro todas as embarcacións ata a praiamar.

Con este avance a fisonomía da rapeta cambiaría por completo. A copeada ou coroa desta arte, pasaría a ser un longo saco para que o peixe que se metese dentro non poidese sair. As pedreiras irían con chumbo e as pernas serían máis curtas; polo que de 190 a 200 brazas que tiñan as rapetas, esta nova arte pasaría a ter de 40 a 45 de largo. Unha vez composto e arranxado, pasaría a faenar sobre os mares de fóra sendo arrastrado pola popa de ditos barcos de vapor.

Para que o bou veña ben aberto polo fondo do mar é preciso que sexan dous barcos quenes o arrastren pola popa. Sobre esta idea xurde a (“parella”) que son dous barcos quenes o arrastrarán cada un pola súa perna. Sen embargo, a “vaca”, que é un barco só, traballaría individualmente poñéndolle unha ala de madeira (portas) en cada calón do bou para abrir as pernas e non compartir con ninguén as súas capturas.

A medida que van pasando os anos o bou convírtese en arte poderosa e universal sendo arrastrado polos barcos de vapor sobre todos os mares. As vellas rapetas, boliches e (alxefires) que os cataláns introduciran polas rías galegas no ano1750, irían mermando paulatinamente de todas as prais.

Chegados ó 1955 ata o 1960, a rapeta pasa a ser lembranza da historia sobre os portos galegos e inclusive dos do mediterráneo. Pero o bou tomaría cada día máis poder pasando a ser unha das artes do mar con máis rentabilidade. Hoxe no 2002, o bou, segue máis vivo que nunca, ata o punto que por culpa del, nas mans dos homes, están e fan agonizar a tódolos mares do planeta. Isto obedece a que é a arte máis pescadora e máis terrorífica do mar, á que todas as nacións a deberán sacrificar e retomar outras perspectivas pesqueiras por ben da humanidade..., tempo ó tempo, isto se cumprirá.

               O BOU DA RIA OU BOU DO PEIXE

                                    Arte de pesca menor e de arrastre

O bou da ría está composto de 2 pernas, bocana e saco. O brazo normal deste aparello son de 30 brazas de largo. Cada perna, leva un calón que é un travesaño de pao duns 40 centímetros de largo. Neles é onde se amarran as tiras ou calas de 40 a 45 brazas de largo para tirar por el. O pano das pernas ten unha malla de 5 e de 7 centímetros. De calón a calón sobre a relinga da pedreira vai entrallada unha faixa de aparello de catro dedos de altura máis grosa que a veta das pernas para resistencia das mesmas chamada “rapé”. A relinga inferior chámase pedreira e a superior relinga da cortiza.

Desde os calóns ata a bocana, o pano das pernas vai progresivamente nunha altura de dúas brazas e media, a tres e media. A partir da bocana, punto central das dúas pernas, vai entrallada na relinga da pedreira, unha tira de malla grosa e ficheira ata a punta do saco para resistencia do mesmo chamada “fisga”. Igualmente na da cortiza, sae outra un pouco máis débil co mesmo cometido. O largo do saco debe medir como media perna do bou.

Os panos ou copes que saen da bocana que son os que forman o saco, van progresivamente con 7, 4, e 3 brazas facendo forma de túnel cando o aparello ven traballando polo fondo do mar. Para este bou de 30 brazas de largo, denominado bou do peixe, leva de 30 a 35 kilos de chumbadas; pero onde máis chumbo leva é pola fisga e contra os calóns. A relinga superior leva de 90 a l00 cortizas medianeiras. A pesqueira desta arte polos sitios que traballe, ten que ser polo limpo, na area dura, e polo medio do fangal, (aínda que hoxe xa se rastrea polo cuberto con eses malditos bous con bolos que logo falaremos deles ) (...)


                           METENDO O BOU NA BUCETA.

Imos pois ver como se mete o bou do peixe na chalana ou na buceta cando se quere ir ó el. Se sodes dous ou tres homes, primeiramente debedes meter o aparello dentro da embarcación: Colledes o chicote da cala da perna da baixo e amarrádelo a cornamuza ou a argolla da estampa de popa da chalana . Logo halaredes toda a cala na estampa sobre a banda de estribor.


Cando vos apareza o seguinte chicote, amarrarédelo cun ballestrinque e dous cotes ó calón da perna da baixo. Iredes andando a perna enriba desta cala. Cando cheguedes ó saco, endomarédelo sobre a banda de estribor libre das pernas, logo virá a perna da riba ata chegar ó calón seguinte. Neste, amarraredes o chicote da próxima cala ou rosega e halarédela ó pé do bou pola banda de babor. O último chicote desta cala quedará ballestrincado á gaza da pombeira ou retedor.



Nesta mesma gaza amarraredes a boia de campaíña. Despois disto, apartades a boia para un lado e seguides halando o retedor ata chegar ó seu chicote no que atalingaredes o rizón. Este, deberedes orincalo (amarrarlle unha boza) polas uñas para que non se perda. Con isto xa acabastes e estades listos para dar o primeiro lance. Agora vogaredes ata a sendeira onde queirades ir.





            MODO DE LARGAR UN BOU DA RÍA         

Despois de dar fondo, tenderedes todo o retedor e cando este se acabe sobre este último chicote de dito retedor, sairá a boia coa campaíña a que tiraredes ó mar; e desde este punto, tomaredes referencia tal como se quedase unha vaca pacendo no campo e sentíndolle desde lonxe tocar a campaiña saberedes a súa situación. Isto sería se fose pola noite porque de día sempre se ve a boia. Desta baliza sairá a cala da riba que será a que primeiro saia de a bordo.

 

Cando esta cala se acabe de largar, atravesaredes a babor para lagargar o bou. Mais cando este o acabedes de largar, infilaredes facendo un triángulo con rumbo ás badaladas da campaiña. É dicir, ó tirar ó mar o último calón, trazaredes unha liña triangular segundo a posición do bou, sempre buscando con moita astucia, a situación da boia, pero sen deixar de escoitar as badaladiñas da campaíña que é o que debedes de infilar. Ó chegar á boia, colleredes a cala da riba mailo retedor e pasarédelo pola cara de proa no que a gaza deste que vai mesmo no chicote, encapillarédela no bitón de estribor para facer firme a chalana ou a buceta

 

Nisto, un home a proa e outro a popa cada un coa súa cala procedederedes a tirar polo bou lentamente. Pero para que o bou veña matemáticamente ben centrado e a bocana traballe ben, guiarédesvos polas dúas rosegas que son exatamente iguales e teñen cada unha de 4 a 5 marcas con filásticas que van metidas nos tercios de cada cala. Con estas marcas índa que a noite esteña demasiado ciscada, as marcas que son as filásticas irédelas atopando cos dedos das mas a cada momento, polo que o primeiro que a apalpe na man, cantará en voz alta:”primeira marca” e o outro compañeiro tamén responderá: “marca”. Se efectivamente na apalpou contestará: aínda non veu. Pois así, sucesivamente ata chegar ós calóns.

 

A sinal da primeira marca, leva un nó na punta do chicotiño, a segunda leva 2, a terceira 3 e a cuarta 4; pero hai que dicir que dunha marca a outra, hai 10 brazas de distancia. As primeiras marcas das calas, tanto da perna de riba como da perna de baixo, antes de comenzar a halar o bou, quedan por fóra da chalana sobre dúas ou tres brazas.

 

Cando xa se teñen as calas haladas a bordo, xa se procede meter os calóns, pernas e bocana. Desde aquí, iredes“aviñando”ata o cu do saco, e o peixe que veña dentro do saco, virarédelo na bancada de popa, logo escollerédelo e botarédelo no cesto. Explicado este formato do bou da ría, remataremolo facendo a caricatura dun lance de bou despois de ler o “Avance histórico do bou”


     AVANCE HISTÓRICO DO BOU.
Esta nova arte usaríase por todos os portos e rías galegas. A nosa mariñeiraxe seguiría co mesmo estilo que os “rapeteiros de Galilea”, arrastrando as redes para a ribeira co fin de coller de toda acaste de peixe.

A razón era sinxela, porque os peixes que a rapeta non alcanzaba coller desde terra, sería o bou quenos pescara coa nova forma de arrastrar unha rapeta máis pequena con saco e desde a chalana, ademais con pouca cortiza para que pescase polo fondo do mar. Con este modelo de rede calquera embarcación podía elixir a parte máis segreda e rica da súa ría.

Polo tanto este bou a partir do l910, foi unha das maiores fontes de ingresos para as familias pobres daquel tempo. Os únicos linguados que antes desta arte se coñecían polas vilas mariñeiras, eran os que se collían na rapeta e na tarrafa, polo que desde aquí, é o bou quen comenza a pescar nos mares de fóra. A economía dos mariñeiros de altura, era moi superior a dos de baixura, polo tanto aquelas familias máis humildes, tentaban ter un bou da ría ou do peixe na casa para poder cubrir moitas necesidades que se padecían.

Desde o l920 ata l953 nesta ría cedeiresa , unha das máis pequenas das Rias Altas, téñense contado en algunhas noites de bou, máis de 35 chalanas. Hai que ter en conta porque tanto o bou coma a rapeta despois das abundancias da sardiña, bocarte e xurelo, que collían as tarrafas, os rascos manteríanse co seu xornal diario, mentres estas dúas artes da ría, seguirían suplindo as necesidades de sempre para as famílias mariñeiras.

Como dicíamos nas noites máis tupidas de cisco cando non se ve nin un palmo de terra, nestas escuras noites era cando se podían contabilizar as chalanas que estaban ó bou. Como en cada chalana todos os boeiros fumaban, a referencia era que polo chabicazo que daba o mechero de cada fumador, sabíase o número de chalanas que había na ría.

Pero ó mesmo tempo, cada cal polo interés que lle conviña, sabía a situación de cada buceta, e por isto, cada un podía cambear de sendeira para non caer no embalado. A costeira do bou comenzaba desde mediados de septembro ata o rabego de abril.
Nesta nosa ría, desde as Pedras de Medio Mar para terra, era onde se variaban as zonas para traballar co bou.

A superficie do fondo da nosa ría estaba dividida en dúas clases de praia: area dura, e o resto media mol con varias fangueiras por toda ela. Na area dura só se collían cangrexas, sollos, rodos, acedías, cregos, fanecas, bogas, panchos, raias, xibas, calamares, xurelos, e rodaballos.

Pero pola area blanda ou polo fangal, aquí era a zona de linguados, de corbelos e de fanecas. Os linguados, cangrexas, sollos e camarón, eran os que daban os cartos. A medida que os tempos viñeron vindo para ben, os prezos medraron tamén. Unha boa cangrexa da Mixoteira no l949 e 50, valía un peso ou seis pesetas no mercado de Ferrol, mais un kilo de linguado pasaba a 10, 15 e a 18 pesetas.



    UNHA NOITE DE BOU NA RÍA
Foi en novembro do l952. Nos bicos do roiboso sol e nos brazos da apacible calma vogaba cos meus 17 anos na chalana “Meixón”cara á fangueira do “Merlo”. Esta sendeira de peixe de peixe estaba situada a 40 brazas por nordeste do “Quechemarín”. (costa da Robaleira) Aínda había un pedazo de día e xa íamos arriando o bou ó mar. No primeiro lance que dimos collimos 7 linguados de medio kilo. Ó velos dixo meu pai: “Que lamarmecoma, cando veña a noite, imos cagar neles”.No segundo lance collimos 14 que nos viraban o pulso.

Nin un peixe volante viña, só linguados limpiños. Meu pai toleaba de alegría porque eran moi grandes e valían moito. Díxome: “bueno, se non ven ninguén para xunta nosoutros, imos facer unha noite caralluda.”. “A sendeira é grande”,.dixo él. Ímonos acaroar á fangueira, porque si por fóra os da, na beira de terra a de ter máis”.

Aló vamos co terceiro lance. Meu pai que tan fumador era, naqueles intres non se lembraba de acender un pitillo. Ël estaba a popa e eu a proa. Se as marcas se cantaban ben o bou viría perfectamente centrado e abocaría mellor o peixe no saco. Naquel lance despois de meter os calóns, polas pernas abaixo, viñan vindo ó raro bogas, panchos e fanecas malladas que nos ían alegrando; pero despois da bocana para a baixo, nada rebulía.

 “Que me confunda o demo como xa se acabaron” -dixo meu pai; pero chegando ó cu do saco creímos que traíamos unha sacada de xebra verde, mais a meterlle as mans por debaixo da abultada sacada, notamos que eran carroufeiras de golfes, mais polo medio deles, apalpábanse lombos de linguados. Collímos os cornos do saco e viramos todo no plan, e ó tempo que íamos emborcando a maquetada, os linguados que ian saíndo do saco e caendo na bancada, co salpique da auga mollábannos a cara.

Logo cando acabamos, curiosamente amodiño, fúmolos contando un a un para o cesto que chegamos a contar, 27 que non baixaba ningún de 30 centímetros de largo.
A alegría zumbaba en nós como a abella na flor. A calma era coma un río sen auga e o cisco da noite non nos deixaba ver case as caras desde proa a popa. Armamos os remos e a chápele chápele, quedamos pensando...

“Bueno, ímoslle largar ó centro da fangueira, a ver si somos capaces de raer”-dixo meu pai. ¡Alá, xa imos largando!. Cando chegamos á boia da campaíña fixemos firme o retedor ó bitón que estaba encima do banco. Meu pai sentouse na estampa de popa, sacou a gorra, con pachorra, púxoa derriba dos xionllos, logo a petaca de picadura (tabaco), o mechero de mecha e o librillo de papel para envolver un pitillo gordo e torto, que lle soubo á gloria.

Mentres el fumaba eu roía unha codia de broa e moi animoso contemplaba o peixe que xa tíñamos na bancada. “¡Ala!, imos a ver se podemos dar tres ou catro lances máis; cántame ben as marcas”-dicíame meu pai. Puxémonos man ás rosegas pero comenzou a pesar que case non podíamos. Meu pai tivo que poñer un pé de estribo no courel de babor, e o corpo todo tumbado sobre estribor, para ir vencendo o peso do embarre.

Eu estaba o mesmo, cun pé de estribo contra o banco que case non éramos capacas de traelo; pero fúmolo pechando a base de suor traendo cara á nós pulgada por pulgada. A fangueira tíñamola vencida; pero a nosa sorte estaba en que esta non tivese xebra verde, porque aínda que tivese fango, xa o lavaríamos, por iso sabíamos firmemente aínda que houbese que estribarse e mollar o elástico de suor, que o lance merecía a pena. ”Aí veñen os calóns, parece que afloxou o peso”-dixo meu pai.

Cando lle botamos a man á fisga da pedreira, non éramos capaces de quitarlle a dura molida de barbauzón con lama. Xa logo non podíamos máis de rendidos que estábamos. Comenzamos a subir o saco e ó tempo, íamolo lavando porque viñan mantas e rolos de fango que non se desfacían nin coa auga. Fumos chegando ós últimos panos do saco moi lentamente para que a lama se fose deslizando, polo que cando creímos que o saco estaba limpo, procedimos ilo apertando contra o costado da chalana.

Palpamos e notamos que viña unha gran maquetada de xebra trizada. Botamos os brazos por fóra da maquetada collendo cada un o corno do saco, e facendo firme dos panos de baixo contra o corredor, dixen: “¡veña papá, a rriba”! No momento en que o saco estivo enriba do corredor, todo era un saltío espectacular de linguados, de corbelos e de fanecas que caían na bancada. Biramos todo e xemendo, fumos escollendo a xebra e deixando o peixe limpo para contar os linguados un por un como solíamos facer sempre.



Polo que resultou que contamos 3 linguados da 2 kilo, chamados “zátaros”, 36 dos grandes e medio cesto de corbelos coma bogas. “Levo trinta anos andando ó bou e nunca me cadrou noite coma esta” admirábase meu querido pai pola calada que tiña na chalana. Pero eu recordeille polo que contaban nas tabernas outros boeiros máis vellos ca él, que xa se teñen collido a 40 linguados nun lance.

Despois de contalos e ver que no paxe non cabían máis, descansamos un pedazo para comer unha codia cun pelexo de touciño e así, poder recuperar forzas.“¿Qué, damos outro lance ou ímonos?” Preguntoume meu pai. “Bueno, imos dar outro, e se non ven nada irémonos ”.-contesteille eu. Tiramos aquel lance pero só collimos catro ou cinco. Mentres meu pai ía andando o bou para popa, metín o rizón a bordo; armei os remos e vin vogando amodo ata coller marea no río. Chegamos e amarramos á riba da ponte, ó pé do cine Arriví.

Mentres que meu pai quedaba arranxando a chalana, eu fun buscar a carretilla para levar o peixe para a casa. Din volta de camiño. Subimos o paxe de linguados e unha caixa da parella de corbelos e un lote de peixe variado que nun amén, nos puxemos na casa. Cando chegamos fun mirar ó cuarto a ver que hora era e vin que estaban dando as 4 da mañá.

Ergueuse miña nai, quentounos o caldo e logo destapou o peixe para ver o que traíamos pero cando veu tal paxada de linguados, como de corbelos, quedouse muda, e logo dixo: ¡Alabado sexa Deus! ¡Vaia marea que traedes! Despois de comer un pouco quente, xa nos fumos para a soleira de Bimbiela. Mentres que meu pai quedaba extendendo os linguados e o resto do peixe polo liso do cemento, eu fun polas rúas descalzo chamar as peixeiras de porta en porta que viñeron vindo unha tras outra polas calexas abaixo.

Poxamos lote por lote mercándonos os 3 zátaros que pesaron 6 kilos a 21 pesetas resultando un total de 126 pesetas.- Logo 88 linguados que diron 41 kilos, a 16 pesetas total 656 pesetas. Despois 6 lotes de corbelos a 18.- 108 pesetas. 5 lotes de fanecas a 12 pesetas total -60 pesetas e 3 lotes de peixe variado a 11.-33 pesetas. Cando rermatamos vender botamos as contas e veu a resultar o importe da “calada” en 983 pesetas que naquel tempo eran moitas motas para unha casa pobre coma a nosa.




   O BOU DA ALTURA E O SEU DESENVOLVEMENTO

                                Arte de pesca maior e de arrastre


O bou de fóra ou da altura, foise devalando e desenvolvendo a medida que os das rías foron descubrindo novos peixes que non se criaban nas sendeiras de terra. En tódalas rías de Galicia alí onde había pouca auga aínda se podía lancicar catro ou cinco horas seguidas; pero cando un desexaba tirar o bou polas l2, 18, ata 25 brazas de altura, xa era imposible traballar con el á man Pero a imaxinación do mariñeiro sempre foi moi inqueda, porque a non poder tirar polo bou desde a embarcación, houbo que izar vela con vento fresco e pola popa arrastralo a favor do vento. Isto sucedía nos primeiros albores desta arte.


O bou collería pouca abertura sobre o fondo; pero para que o aparello abrise máis no seu arrastre e pescase mellor, houbo que colocar de calón a calón unha vara da medida da embarcación atravesada, e unhas 80 brazas de cala por cada perna. Nesta modalidade, cando había pouco vento, a lanchiña de vela non era capaz de arrastrar o bou pola popa, por elo, ideouse arrastralo entre dúas bucetas, (“a parella”)e entre ambas, poder rosegar tanto polos limpos de terra como polos limpos de fóra.

O bou pescaría máis e a xente deste sector pasou a vivir económicamente mellor. Cando apareceron os barcos de vapor 1827, 1855; pero desde o 1910, como xa indicamos na caida do boliche, da rapeta e do alxerife, as embarcacións que se adicaban a estes oficios foron desaparecendo paulatinamente pasando a ser a máquina a rápida evolución e o aniquilamento daquela escravitude que viña con pasos de anos luz e de tempos de pleno silencio e dos albrexares da prehistoria.

A medida que as cousas ían avanzando, o sector do mar tamén se revestía de novos aparellos e con eles podían conseguir diferentes capturas. Logo o que antes se facía nas pequenas embarcacións de vela e á remo, o bou pasaría a ser arrastrado polos novos barcos de vapor. Son dous vapores quenes o arrastrarán pola popa como antes o facían as bucetas de vela e se denominarán “parella”.



Despois disto, vendo que era máis rentable para cada armador e menos para a mariñeiraxe, a “parella” debelítase un pouco; polo que a “vaca”,(un só vapor), manteríase el só co bou pola popa; pero á sabendas que o aparello polo fondo non viría tan aberto coma se fose cos dous barcos e polo tanto pescaba menos Pero hai que inventar unhas aletas de ferro e de madeira (portas) e amarralas ó pé do calóns para que as pernas do bou abrisen sen a axuda de outro barco e mediante un cabo-estacha por cada calón .arrastraríase o bou.

Desde o ano l975 ó l990, o bou tomaría máis poder que nunca. Onde o arrastre xamais podería entrar, agora esa zona de mar é arrasada. Onde antes as artes fixas ou de fondeo podían durmir tranquilas no mar, agora é o bou quenas despedaza. Onde os criadeiros máis ricos en peixe eran defendidos por todas as flotas e confradías, agora son invadidos pola forza imperial dos empresarios e polo consentimento dos malos gobernos que consinten esta destructiva arte que acabará coa maioría das especies do mar.

Por este poder soberano, o bou segue esquilmando todos os limpos de fóra e de terra. Acabou destruindo os ricos cantís e os criadeiros eternos das augas de fóra e das de terra acurrunchando á baixura de forma aplastante e abusaiva.

A baixura ten que sufrir o indicible ante a arrogancia corpulenta dos rampleiros de ferro, que enganchadas as pezas das volantas e os reseiros dos rascos nas terroríficas portas, as tripulacións destes dragóns devoradores do mar, non reparan en despedazar e estrangular todo o que atopen por diante. A bauxura ten que padecer os mil abusos por ser inferior en tonelaxe e por isto tantas veces ten que fuxir de certos mares por medo a este demo consentido que veña pola noite e leve nos cornos todos os aparellos dun pobre armador e así por esta causa quede este home arruinado para media vida.

O consentimento desta arte é monstruoso. A Comunidade Europea sería o único organismo Oficial quen puidese frenar e acabar para sempre con esta vella arte; pero co fin de establecer unha vez por todas, as que se cosideren selectivas. Despois de todo isto, na actualidade, aínda non hai atrancos para este coloso.

El é o poder co poder. Pero para consumar este poderío absoluto desta arte, despois de esquilmar todas as praias do planeta, agora parece ser que hai que acabar co peixe que vive no cuberto, enriba da pedra e pola golfada dos serróns e dos lombos do chan.
Esta clase de sociedade afincada no mar, quere acabar co marisco que hai polas beiradas, cos roxos salmonetes, cabras, san martiños, congros e bertorellas que se abrigan e se multiplican sobre os entremorrados.

O bou de bólos ou de esferas de metal, rolarán por enriba dos picachos para acabar co pouco peixe que queda. Para o bou en plena faena nunca houbo atrancos, só existen os do fondo do mar cando embarra nos vespóns, pericotos e laxes con visera ou sombreiro. Contra este poder de pedra o bou, non ten armas; pero si suficientes para acabar con todos os peixes co mar pretende criar para esta humanidade que Deus creou, a cal un día verá cos seus ollos consumada a total esquilmación do mar.

Despois de todos os males que leva feito sobre as especies que se criaron nas profundas e salgadas augas, agora convírtese en arte peláxica, pescando polas grandes profundidades como tamén entreaugas sobre calquera océano nos poderosos barcos equipados da máis avanzada tecnoloxía moderna, porque segundo sonda televisiva, en plena marcha, desde o ponte calquera capitán que vaia esvacoado, pode ver a caste de peixe que vai entrando pola bocana con enderezo ó cu do saco.

O bou da altura debera ser sacrificado por razóns de exterminio sobre as especies do mar, sen embargo, as artes selectivas deberan impoñerse para equilibrio e salvagarda da gran despensa marítima e terrestre como recurso fundamental das xeracións vindeiras. O bou é o dragón do mar que avanza con pasos axigantados cal coloso desesperado co afán de tragar a tódalas flotas do mar.

O bou, meus queridos lectores, é a gran besta que se está cebando, pero virá un día e non tardará moito tempo, en que esta fera á que se está engordando, o día que se lle consuma a bandoufa de tanta opulencia e de tan tremendo desequilibrio ecolóxico, daquela meus queridos amigos, daquela, virá o gran dragón famélico e devorará unha gran extensión de seres vivos, pero con máis poder devorará ós opulentos ós torpes e ós mantedores de bestas, os cales perecerán por admitiren que sempre se mirara para diante e nunca para atrás.

                                     A LIÑA
                               Arte de pesca menor para todas as augas.
A liña como arte de pesca arranxada con anzol pedra ou con chumbo, desde a man ou da cana no seu comenzo, podíase armar con calquera dos fíos segundo calibre dos que usaban as máis ancestrais artes de pesca, tales como a rapeta, xeito, almadraba, rasco, traíña, e tarrafa. Os fíos máis resistentes por aquel entón, 1300, eran os de liño e de cáñamo, fiaduras dos teares da quela época. Logo aparecería o algodón, esparto, sisal, albahaca e outros.

Os mariñeiro axiña botarían man desta arte barata e lixeira. As lanchas saerían a pescar polas beiramares e cabezos. Conseguirían grandes mareas de badexo, peixe que lles daría boas motas e metería fartura no pobo. Os patróns, mellor dito “capitáns” das lanchas de remo e vela, descubrirían os baixos de fóra e eles serían os primeiros en bautizalos e poñerlles nome. Isto como no resto dos portos de Galicia, pasou en Cedeira.

A medida que estes patróns ían tentando co escandallo e descubrindo mares vizozos de badexo e de ollomol, axiña quedarían como dicimos apadriñados estes mares cos nomes dos mesmos descubridores. Este modo de pescar podémolo situar no porto de Cedeira como en outras rías galegas, seguindo as referencias das datas que nos describe a“Gran inciclopedia Gallega en paxina 75 sobre o 1509, ata 1804”, e desde aquí, con voga lenta e sen progreso ata 1956, ano en que as numerosas flotas de moitos portos rematarían esta pesqueira do badexo..A esta modalidade de pesca chamóuselle pescar ó badexo con patexo. Dicimos o badexo porque á merluza non se lle poñía interés xa que ninguén a quería, como dicimos só se comían os peixes que contiñan grasa. (saín).

Cando os fios de cáñamo consiguen a máxima resistencia para os aparellos de malla e por outro lado xurde a liña de “reinal”, delgadiña e reistente, as lanchas badexeiras aumentarían extrórdinariamente as súas capturas. Este pequeno avance da liña sería outro gran apulo para as nosas lanchas da liña. Os mellores pescantíns de todas as rías veríanse favorecidos vendo que as súas embarcacións e bucetas, había veces que viñan para terra medias cargadas deste peixe tan perseguido como era o badexo para lañalo e salalo.

Axente do mar ía coñecendo máis os mares que daban badexo, e descubrindo que os buches destes viñan entullados de patexo, os pescantíns de todas estas épocas vendo esta mostra dentro da barriga, deste peixe, tentarían levar patexo vivo para o mar e aviveirado ó pé da lancha, probarían a ver se o comían. Efectivamente, tan pronto o anzol co patexo chegaba toco non toco no fondo, en cada liña viña un “marracoi” (un badexo )

Cando non se ía pescar co patexo, íase coa sardiña de chumbo ben brillante chamada nesta zona de Ortegal no 1948 e 1954 “chulillo” que se poñía na punta da liña como chivo. Esta pesqueira comenzaba desde abril ata o fondal de agosto, logo despois, todo o inverno ata a primavera. A pesqueira do badexo ó longo dos séculos, tanto no porto de Cedeira como no resto das rías galegas, daríalles moi bos benefícios.

Este estilo de pesca cunha sardiña pequeneira de chumbo ben brillante, consistía en lanzala ó mar para que os badexos viran que era unha sardiña de verdade; pois tan pronto esta figura tocase no fondo, velozmente halaríase deica a bordo. Se neste punto de mar había badexos, axiña comerían a figura a dúas ou a tres brazas da saída do fondo. Outras veces, antes de chegar esta figura de sardiña ó fondo de todo, eles mesmos co morro parábana para tragala ata o buche. Sen embargo, cando non estaban para comer como se sole dicir, de caprichosos, comían a media auga. Normalmente esta pesqueira facíase estando fondeado encima do baixo que pescases ou ó caer del, como tamén nas beiradas de calquera cuberto rico e vizoso en badexo.

Aínda que non ten moita importancia, cremos que é unha variante importante; pero non sabemos o por que. Desde os anos 1920 ata 1947, tódalas embarcacións que traían certo número de badexos para a venda, a xente de terra comentabao polas rúas: A lancha de fulano de tal, trouxo 300 badexos en 20 palancadas, sen embargo, a xente do mar dicía: Onte trouxemos 250 peixes. (Para aqueles mariñeiros un badexo era un peixe polo valor do seu peso xa que pesaba sete ou oito kilos, o resto das demais especies dos mares que eles coñecían, eran peixiños). Das abundancias da liña xurdirían novos pescantíns de robaliza e usarían certos chivos en forma de xoiba pequena sobre as rompentes da costa cara as bocas dos calexóns e baixas con refusía. A pesqueira dos robaliceiros era sempre ó peiño da costa, a cal ofrecía un gran risco ter que chivear como dicimos ó pé da rompente sitio sempre perigroso. Mais foi un tempo de vacas gordas, sen embargo, durou moi pouco nas mas destes pescantíns.

                               CREACIÓN DO CHIVO
Os pescantíns dos medievais tempos, intentarían coas súas ideas estar fondeados no sitio do peixe e outras veces deixaríanse ir á deriva polo mar abaixo unhes con patexo e outros con peixes de chumbo; pero coa primitiva modalidade de pescar en vertical; e dicir, sen mover a liña nin para riba nin para baixo senón da maneira como se fose fondeados pescando ó badexo.

Así nesta andaina e maneira de pescar á liña parada, ano tras ano, aínda que na tentativa e na procura de descubrir novos baixos de peixe para poder sustentar e termar das súas vidas, cada tempo que pasaba por enriba daquela mariñeiraxe, pouco máis sabía de todo o seu tempo presente como do século pasado.

Sen embargo, outros pescantíns quizais máis ocurrentes ou máis atolondrados pensaron que era mellor arrincarlle a campaiña ou periñas de cabelo que teñen as cabras debaixo da súa maxila e logo envolvelas nun cacho de chumbo ben feito, parecido a un peixiño, e por sorte acabaría por ser a figura con máis posetividade como “chivo”tanto para o badexo, robaliza e liberna.

Vendo que este peixiño con cabelo de cabra lle gustaba tanto a estes tres peixes, non quedaría un pescantín sen buscar un cabuxo que non lle arrincase o “chivo” da súa maxila. Queridos amigos, a esta fermosa pesqueira chamaríaselle “chivear” ou pescar ó “Chivo”.

Sobre os anos 1908 e 1911, as descubertas doutros mariñeiros máis cómodos, a remo e a vela, tentarían ir amodo coas súas liñas en arrastre pola popa da embarcación co fin de descubrir novos mares con abundantes peixes. Así foi que cando chegaron as liñas a certas beiras, como tamén sobre os entremorrados e baixas altas con longas manchas de limpo, e todo rodeado de altos picachos, as lanchas non daban metido libernas e badexos para bordo, polo que este peixe encarnadiño e tan sabroso, pasou a valer tanto ou máis que o badexo por comercializalo nas empanadas as señoras panadeiras nos días de feiras. Pois a esta pesqueira chamóuselle “cacear.”

Ó par de todo isto, na madura dos mares, varias embarcacións probarían con anguías pequenas e con pión do rodaballo ou do valdaio vivo, polo que con este sistema alcanzaríanse grandes capturas de badexo sobre este litoral como polo resto das rías galegas. En vista dos resultados, moitas embarcacións aserraríanlles un pedazo de costado para facer un viveiro dentro da mesma embarcación (auga e logo area para que o pión se enterrase ) e así, o pión enterrado nesa area poidese estar vivo o tempo que ó mariñeiro lle dira a gana.

Aínda que no 1938 se descubrise a fibra de “nailón”, as liñas de tansa non chegarian a nosoutros ata o 1945. Pero sobre o ano 1957 e 58, esta resistente fíbra revolucionaría a todas as flotas pesqueiras do mundo, polo que as liñas de “tansa”(nylon), como toda a gama de mallas extendidas por todos os mares, foi o peor elemento que se puido inventar para acabar con todas as criaturas dos océanos.

Este noso mar que vive sobre a corteza terrestre, e que gracias a el vivimos, e que desde a súa creación e despois de tantos miles de séculos e virxinais silencios, logo de asentarse os glaciais e sosegarse os océanos, estas augas chamadas mares, estiveron sen recibir xamais unha malla de rede. Don Eladio Rodríguez González, no seu “Diccionario Enciclopédico”, di que no ano 1300 e 1400 da nosa era, xa se usaba o xeito e o rasco  polas rías galegas. ¡Meus señores! ¡Non é asombroso e estremecente que despois de milleiros e milleiros de séculos e de tantas edades pasadas, ver que en tan curto espazo de tempo o home teña o mar acabado!.¡Lamentable! e ¡Tremebundo! Pero a liña meus señores, a liña, aínda desde aquelas edades sen luz, segue sendo a mesma, e sempre será selectiva.


      
                        LANCHAS DO BADEXO
           De madrugada saíran dúas lanchas da liña do porto de Cedeira a ter o amanexo ó baixo chamado“Cabalo Juan” que está a 6 millas a Norte da Punta Candieira. Cando chegaron a mesma cabeza do baixo botaron as liñas ó mar. Primeiramente tentaron con chivo (sardiña de chumbo) pero como picaban pouco, probaron con patexo vivo e con el ían agarrando algún máis de raro en raro. Cando viñeron as 11 da mañá, no intre da repunta, comenzaron a meter máis badexos.

Nisto cando unha das lanchas de Cedeira estaba mentendo ben peixes a bordo, unha embarcación que ninguén a coñecía pasaba para vendaval con rumbo de Oeste, pero ningún dos mariñeiros que ía naquela lancha, lles chamou a atención os sete ou oito peixes que naquel momento metían a bordo os da lacha de Cedeira. Eles foron tirando para vendaval coma se non pasase nada.

Cando viñeron as 3 da tarde o peixe deixou de comer, pero Pepe do Moure que non era nada chosco, senón moi escotolido, díxolle a Amador de Freire: “que me coma o mar, como me está dando ó lombo, que esa lancha que está fondeada aí, para vendaval, está pescando ó badexo.” Contestoulle Freire: “que me confunda o demo, se non tes razón” A outra lancha de Cedeira, levantara a poutada e xa se ía con rumbo de terra porque á verdade collera poucos peixes. Dixo o Moure: “veña, levantade a poutada e imos saber desa lancha que desde que fondeou aí, non se moveu do sítio” Aló van, rumbo a ela.

Cando chegaron perto daquela embarcación Pepe do Moure saudounos; pero os ollos de toda esta tripulación descubrían que dita lancha tiña a cubertada repleta de badexos que parecían cans. Estaban sete homes e un rapaz. A lancha viña a ser do porto de Cariño, e o patrón que descubrira aquel mar, chamábanlle de alcume o”Garepo”. Moure deu fondo ó pé del e aínda do pouco sol que quedaba do día, entre os cinco homes que estaban a bordo, axiña botaron as liñas con patexo vivo ó mar, e en cada rego que botaban, agarraban un badexo. Alí amostraban as maos lixeiras que tiñan aqueles homes da vila de Cedeira. Colleunos a noite naquel Serrón pescando, pero cando levaban media pana de badexos dixo Pepe: xa nos chegan, vamonos. Pois desde aquela descuberta meus queridos lectores, aquel Serrón que está para vendaval e para Oeste do Mar do Xoán, quedoulle de nome, o Mar do “Garepo”.


                                    O RASCO

                                 Arte de pesca maior, fixa e de enmalle.

Esta arte de pesca dun pano só, considerámola unha das máis antigas dos nosos litorais despois do xeito. No seu principio non sabemos que altura tiña, nin tampouco de cantos centímetros era a súa malla.

O que si sabemos é que o seu fío era de cáñamo e que a rede se facía á man, e que na relinga superior levaba cortizas cadradas e pola inferior, unha ringleira de pedras dun peso aproximado a un kilo amarradas a ela con matafións. Pero polas referencias que recollemos de Don “Eladio Rodríguez González”, podemos saber que o rasco era parecido á “Raeira” e que desde o século XV xa se traballaba con el polas rías galegas.

Desde o ano 1940 recordamos a medida dos panos deste aparello. Tiñan catro mallas de alto e cada unha medía de 40 a 42 centímetros. Na actualidade a malla mide 28 centímetros de nós anós e o pano está composto de 13 mallas de alto.

Sen embargo, hai quen arma con mallas máis ficheiras. Esta arte desde o seu comenzo ata que chegou o nailón (nylon), foi sempre de fío de cáñamo. Pero de algodón moi pouco porque este fiame era de escasa resistencia e podrecía con facilidade logo cando apareceu a “tansa”, tanto este aparello como todos os demais, arrasaron co mar.

O rasco foi por moitos séculos a arte que máis termou da economía mariñeira. Foi a fortaleza para quitar adiante e comeran pan as famílias máis pobres de cada porto. Era o sostento fixo de cada mariñeiro. Todos os días consecutivos había que ir ó mar inclusive os domingos pola mañá e despois de todas as faenas que non eran poucas, estes mariñeiros tiñan que ir e vir vogando cando faltaba o vento.

Tíñan unha tripulación desde 8 a 10 homes. A maioría destas embarcacións eran de propietarios (particulares) que non se adicaban andar ó mar. Só poñían a lancha, sen embargo, os mariñeiros, eran os que tíñan que poñer o aparello. Cada home se quería andar en calquera embarcación ós rascos debía comparecer a bordo con cinco pezas deste aparello. Con esta aportación de rede cada home ganaba un “quiñón” (unha parte). E estaba comprometido a ter que areglar as roturas do seu aparello pola súa conta.

Sen embargo, aquel que non podía levar estas pezas, ganaría medio “quiñón”(media parte) Cada embarcación levantaba do total bruto un “quiñón” (unha parte). Aquí neste porto cedeirés había unha costume moi peculiar. Moitas destas lanchas tiñan un rapaz de 12 a 14 anos para facer diversas faenas, tal como proel cando había que pandar o fol da vela nas viradas do vento como tamén facer estrobos, toletes, e ter todos os días a garrafa chea de auga fresca para os remeiros e achicar a lancha os días que non se ía ó mar

Tiña que ir buscar a lancha á galga e agardar cerca da praia ata que viñese a compaña. Cando esta aparecía, o rapaz varaba a lancha de popa, logo remangábase e o pobre rapaciño baixo as friaxes do inverno, metíase no mar para pasar a toda a tripulación un por un, ó lombo ata bordo.

As pezas de rascos durmían todo o ano no mar e só as que ían rompendo eran as que se traían para arreglar e así, era a mudanza de todo o aparello. Isto pasaba cando o mar bo reinaba todo o ano; pero cando viñan as fortes mareiras, habíaos que traer todos para terra.

Non era unha pesqueira que deixase moitas motas ó cabodano, pero con el comíase pan. O ir e vir vogando dos mares lonxanos, tamén era o pan de cada día daquela xente. O peixe que máis lles valía era o rodaballo, o rape e a lagosta. A xuliana a maioría das veces non había quen a quixese.

As cangrexas, nocos,(bois) dábanselle macana porque todo aquilo non tiña valor. O orixe do rasco cando se armou foi coa intención de largalo polo limpo e non polo cuberto. Con pouco peso pola pedreira coa idea de que puidese vaguear coas augas de chea e da de secante e así rascasen moita extensión do fondo e pescasen mellor.

Neste proceso ó atoparse co cuberto o aparello descubre as beiradas e nelas os mellores rodaballos e as prehistóricas lagostas como tamén os atroces lubrigantes tan grandes como piricos. A partir de aquí, inspeccionaríanse os cubertos abundantes de lagosta polo que nos veráns irían con dous ou con tres reseiros a pescar a ela por estas partes do cuberto e polas beiradas que invadidas estaban delas. A lagosta era unha das especies que máis lles valía e por esta razón todos os veráns largaban os aparellos no cuberto. Os rascos encarnábanse para coller máis lagosta; pero cando non tiñan cebo, metíanlle folla de mainzo sobre a relinga superior da cortiza.

Durante a semana, cada rasqueira ía aviveirando os crustáceos na súa galga e en banastras de bimbe. Chegadas as tardiñas dos domingos, unha soa lancha partiría coas lagostas e lubrigantes de todas as rasqueiras con rumbo Á Coruña, para poder vender o próximo luns. Esta era a vida dunha época para a nosa xente do mar deste Ortegal, como de moitas rías galegas.

Como é natural debemos deixar para as xeracións vindeiras o nome de algunhas das rasqueiras deste porto cedeirés. No ano 1883 construise a “Teresa” de 8,75 metros de eslora, puntal, 0,90 e toneladas 6 .Propiedade de Benito Rodríguez Díaz. No 1884, construise en Barallobre a “Consuelo”de 16, 20 metros de eslora. No 1886, é construida a “Nueva Virgen del Carmen”, de 14, 20 metros de eslora.

Evolucionando na construcción de trincados e de lanchas de pesca, no ano 1908, construise en Sada, a “Adelaida”, de 9,22 metros de eslora, manga, 2,72, puntal, 1,01 tonelaxe total, 6 toneladas, sendo o seu propietario, Antonio Rodríguez López. Progresivamente iríanse contruindo outras lanchas polo que os nomes delas, quedarían na memoria dos vellos mariñeiros, pois diante deles tomamos nota e os mesmos confesan que andiveron nelas.

A “Picaraña”, da familia dos de Picos. A “Periqueta” e a “Gloria”, dos de Soto. A “Dolores” e a “Inés”, das de Martínez. A “Sudamérica”, dos de Pardo da Agrocheíl. A “Capitana”, dos da Ballina. A “Carmen”, das de Martínez. A “Ave“, de Jesús Pérez Docampo, A “Claudina” de Benigno Quintana Orjales. A “Mistura”, do “Cañón” A “Ermitas”, de Xan de Dionisia, A “Angelita”, de Antonio María de Bello, A “Amadora”, de Domingo Freire. (Bimbiela).A“Claudia”, do Zurdo de Esteiro que foi a última rasqueira deste porto patroneada polo tio Andrés do Pión, meu avó.

Pero houbo moitas máis que os vellos non recordan quenes eran os seus amos, tal é o caso da“Florentina”, da “Generosa” e da “Dolores”, mais estes mariñeiros que estám diante de nós din que non se lembran da primeira “Lucania” que houbo en Cedeira. Disque era a lancha máis andadora da costa, a que mellor veleaba e a que mellor se defendía do mar. A clase de especies que na antiguedade collían os rascos eran as mesmas que colle na actualidade: Rodaballos, sollos, raias, mantas, chuchos, melgas rapes, xulianas, cangrexas, lagostas, cereixos e nocos.







                                       O ANGARELLO

                                     Arte de pesca maior, fixa e de enmalle


Esta arte cando entrou na zona de Ortegal e de varias rías galegas, coñeceuse por este nome (“angarello”, sen embargo, este mesmo nome teno outra arte de pesca que está formada por unha liña, un pendulliño de pedra ou de chumbo e varios anzois a gusto do pescantín, sen embargo, esta arte á que nos referimos é simplemente un “champelo”. En cambio os angarellos que nosoutros coñecimos desde o 1944, por moitas rías galegas, tiñan o nome de volantas. Sobre este particular no rabego deste libro falaremos da evolucion desta arte con dous nomes.

Os que chegamos a coñecer estes aparellos sabemos ben o que houbo que traballar con eles, e os bos beneficios que acadou toda aquela mariñeiraxe dos nosos portos galegos. Hoxe o seu nome está esquencido pola maioría dos mariñeiros. A xente de 40 a 50 anos xa non se lembra desta arte.



       ANO EN QUE VIÑERON OS ANGARELLOS PARA CEDEIRA
Os “angarellos” como se lle chamaban na provincia da Coruña, eran de fío de cáñamo. Os panos desta arte facíanse á man cunha “forma” de madeira. Habíos con 20 e 23 mallas de alturae. A malla era de 15,5 centímetros. A longura de cada paza sempre pasaban de 30 brazas. Na relinga superior levaba fortes cortizas cadradas e na inferior chamada chumbeira, ía como dicimos, cando cadraba por un lado cargada de chumbo e por outra de pedras dun peso aproximado a un kilo e todas elas amarradas por unhas filásticas ou matafións . Isto pasaba porque o fío desta arte era moi pesado e por este motivo tiña que levar moita cortiza e moita pedra para que as enfurecidas correntes de moitos cabezos, non tumbasen ós aparellos. O angarello foi sen dúbida cal “rasquiño da antiguedade“ exclusivamente feito para pescar o badexo.

Unha lancha deste porto onde primeiramente coñeceu este aparello, foi en Corme, provincia da Coruña. Esta pesqueira desenvolvíase durante o inverno, entre os meses de xaneiro, febreiro e marzo, na que era a mellor época do badexo. Falando un día con Pepe de Moure, patrón cedeirés un campión e coñecedor dos baixos do badexo díxome que sobre o ano 1944, mercara sete pezas de angarello a un home de Corme. Estas sete pezas estaban noviñas incharte, feitas pola man daquel señor, e disque que lle dixo; que llas vendía porque estaba enfermo e que non podía volver ó mar.

Polo que o primeiro en traer estes aparellos para Cedeira, foi este gran pescador cedeirés Pepe de Moure. Pois a primeira vez que os foi largar para provalos a ver que tal pescaban, arriounos no Mar do Xoán, a 6 millas a norte da Candieira, que con tan boa fortuna, colleu cerca de 220 peixes. Daquela o badexo como sabemos, estaba igual que os munxes nas bocas dos ríos. En vista disto e das grandes caladas que Moure traía para terra, todas as embarcacións trataron de armar rapidamente para o angarello.

Nos meses de inverno por aquelas épocas viñan con bastante frecuencia moitas baixas de mar. (fortes mareiras debido ós temporais), polo que a estas embarcacións moitas veces levantando os aparellos á man, eran collidas por sorpresa e polo risco que corrían as súas vidas teñen picado o aparellos polo courel e avante a toda para terra. Ás veces rompían todos os baixos e estas lanchiñas tiñan que vir sorteando as rompentes dos “brancos dragóns” que eran as chamadas tenebrosas rompentes dos baixos. Outras veces con este mar de fondo, tiñan que salvar o badexo que estaba mallado no aparello e tamén termar do medo que recorría o sangue e o corazón lles saltaba de medo temendo que en calquera momento, lles rompese undaqueles baixos nas costas do barco.

Polo que todo o porto cando había mareira, estaba pendente deles e a xente ía mirar á ribeira a ver se os vían entrar pola ría ou polo medio das arrotas de fóra sobre os impresionantes lombos de mar. Nestas mareiras, os barcos deste porto cedeirés, a non ter moita marcha, e a non poder escaparlle ós golpes de mar para que non rompesen enriba deles, tíñan que doblar un “es non es” no medio da ría para vendaval, ata o “Chao da Langosteira”, ou “Furado do Trigo”.

Nesta zona da ría o mar non daba mella por moito temporal e mar de fondo que houbese. Nesta parte era onde agardaban a acente e na terrible e desesperante corrente do refluxo, a toda a máquina sobre terra, montaban a Punta Sarridal, praia das Sonreiras, e de aquí para dentro, xa estavan a salvo. Mais cada familiar que estaba agardando que viñesen os seus homes, e os seus fillos, ó saltar en terra, cada un de cada casa, buscaba ós seus para agarimalos.

Aínda que non había moitas lanchas angarilleiras, queremos deixar na lembranza algunhas das que coñecimos: Estaba o Cuatro Hermanas ( o Cuco) propiedade de Andrés López. A “Estrella Polar”, de Luis de Bello, logo pasou a ser o “Toniño” de Damián do Canexo. O“Lequeitio”, de Don Estanislao. O“Nazareno”... O“Maricarmen López, (“O Zumballeomoco”), dos da Ballina. O “Santo Cristo de Candás” de Pepe de Moure, e de Luciano da Caneira.(“Os Aliados”). O “Campo Libre”, dos (“Aliados”). e a“Rilona e a Cabra”, de Manuel de Bereixo. A “Sagrada Familia”, (“A Checa”) de Higinio Bustabad Freire.

A arte do angarello quizabes fose un dos aparellos que menos variedade de especies collía debido á súa malla de quince centímertros e medio. Estes eran os peixes que collía: Badexo, roxa, cazón, melga, liberna e raras veces merluza.









                                 MEDIOMUNDO

                                Arte de pesca menor, fixa e de engado.

O mediomundo é unha arte de pesca que está composto por un arco ou aro de variña de ferro. O diámetro do aro non ten medida fixa tanto pode ser de 5 metros como de vinte de circunferencia. Deste arco partirán de 4 a 8 ventos que deberán medir cada un media braza máis da mitade da circunferencia sendo todos perfectamente da mesma medida, e se amarrarán no chicote da driza que mediante un motón ou unha pasteca han de izaránse.

O cope que se lle ha de meter en toda a circunferencia da variña de ferro a este mediomundo para faenar polas augas da ría e co fin de que traballe ben, haberá que entrallalo á mitade; pero tamén se pode entrallar á terceira parte. O cope que se entralle sobre toda a circunferencia do aro, levará 3 brazas de saco comprendendo desde o chocho que é a punta dos panos, ata a ourela do aro. Este guarnecer é para traballar nas augas da ría.

A malla ten que ser do “mocarte”(moi ficheira) E para que o aparello vaia axiña para o fondo, levará amarrado no chocho un peso de dúas chumbadas da tarrafa. O mediomundo pesca onde as augas non corran, deberán estar totalmente paradas. Para traballar con el primeiro fondéase a chalana a dous cabos para que non vaguee dun lado para outro e o aro coa aparello non se mova.

A chalana ou dorna do mediomundo, ten un pao que está sobre proa, e na punta del, ten un motón ou unha pasteca cun chicote salinte de cuarta ou de media braza de rabiza. Por este motón que sosten a rabiza, terá que pasar o chicote da driza para que rode e axude a subir o mediomundo.

Despois de pasar o chicote da driza polo ollo do motón ou da pasteca, xa se pode colgar o mediomundo e lanzalo ó mar. Hai que deixalo ir ata que chegue ó fondo. Unha vez situado nesta sendeira, collerase a bacía do machuque e procederase a machucar mexillón con area mollada como tamén servirá calquera peixe esmagado. Despois de estar machucado, empezaráse a engadar.

Mais cando xa se leve cerca de 10 a 15 minutos engadando, procederase a levantar o aparello rapidamente. Hai que dicir que as faenas desta arte pódeas facer perfectamente un home só. Queremos dicirlles ós nosos lectores como curiosidade cales son os peixes que máis axiña acuden ó engado.

Xeralmente os que máis axiña acuden ó engado son os “pións de escama” “Pejerreys”. Logo son os munxes; pero estes aínda que entren saltan e vanse. Despois aparecen as fanecas que ovedecen igual que as pericas acompañadas dos zorribados e zunentos panchos que aínda que esteñan morrendo de fame baixo a súa zunenta manía non entran a comer. Pero tamén como lles pete entran todos en plancha para devorar o engado nun amén.

O chínchín, xurelo pequeno, este é menos embaladizo e se o hai, entra bastante en cada lance. Sen embargo, o xurelo sardiñeiro é moi veloz nas entradas e nas saidas cando quere comer, pero tamén camndo se quere limpar, ten arrancadas de lóstrego. As ganancias do mediomundo da ría, sempre foron moi precarias. Á verdade desta arte é que é moi cómoda, pero non se fai un peso con ela porque nunca é capaz de pescar todo o peixe canto xunta, debido á sombra do aro e dos ventos no intre de izalo.

Principalmente son os ventos que van á driza quenes embalan o peixe nese momento en que se ize para a bordo. O mediomundo para pescar fanecas ou corbelos, deberá estar a 10 centímetros da plataforma; pero mellor, toco non toco no fondo. Para os panchos ou xurelos, a unha cuarta do fondo. Para o pión, a dúas brazas por debaixo da superficie.

Os mediosmundos sobre as augas das rías da especie que máis se nutriron foi do pión de escama, “pejerrey”, logo xureliño pequeno, fanecas e panchos. Sen embargo os mediosmundos que usaban os vapores e as motoras, que ían con eles a pescar ós cabezos dos mares de fóra, estes tiñan outras aventaxes; unha por ser meirandes e outra porque había moito máis pexe que nas rías e de outro valor.

Estes mediosmundos das lanchas grandes tíñan un diámetro aproximado de 7 a 8 metros cun pozo de saco de sete a nove brazas. Con estes aparellos nestes baixos de fóra, todas estas embarcacións traían a seis e a oito medidas de xurelón é á parte outro cargamento de cabraxe e de ollomol do grande. Por esta zona entre Cabo Prior e Cabo Ortegal o baixo que máis peixe lles daba a estes grandes mediosmundos, era o mar do Bermeu, debido ás sete e ás catorce brazas que había encima del. Pero o mediomundo da ría sempre foi unha ¡arte para vellos!..., mais o de fóra, era un aparello de ocasión.


                                 A ZARANDA

                                Arte de pesca menor, fixa e de engado

Esta arte de pesca chamada “zaranda” é unha das máis vellas e coñecidas no ámbito das familias mariñeiras de algunhes portos de Galicia. Só é un simple aro de ferro que vai desde 30 a 90 centímetros de diámetro. Pódense armar a gusto de cada mariñeiro; pero polo regular sempre teñen as mesmas medidas.

As zarandas deberanse entrallar ó tercio ou a mitade sobre a circunferencia do aro no que se deixará media braza de pano para facer o pozo ou saco da zaranda e sobre a punta deste, faráselle un chicho ou moño para rematar dito saco. Despois disto sairán do aro catro trincas ou ventos de cala delgadiña mantendo a mesma distancia un de outro sobre todo o aro da zarada.

Ditos ventos amarraranse a outra cala un pouco máis grosa. Esta cala e recomendable que quede sempre media braza sobrante nas augas onde se calen as zarandas. Na punta de cada cala poñeráselle dúas ou tres cortizas como sinal de baliza para recollelas cando leven máis dun cuarto de hora engadando.

Listas as zarandas colleremos o engado que pode ser xarda, xurelo, sardiña ou desperdicios de calquera peixe. Estes peixes metidos en bolsas ou en pendulliños de rede, sempre son mellor frescos que salgados. Calquera destas carnadas atarémolas ás filásticas ou matafións que están na mitade dos ventos

Cando haiba 20 ou 30 zarandas encarnadas, xa se poden ir largar á sendeira onde se lle teña fe. A zaranda pesca todas as especies cantas se arrimen a ela: Camarón, nécora, cangrexa, cabalos de mar, ás veces congros, bois, santiaguiños, barbadas, fanecas pequenas, anguías, vellos, panchiños, patexo, e sobre a superficie ou pegado ó peirao, colle chinchín e pión de escama.

Nas zarandas xa se ten dado algún caso de coller rodaballos; pero non é arte diso. Cada chalana se quer ir ó camarón para ganar ben o xornal, debe levar de 20 a 30 zarandas. A este oficio tanto se vai denoite como de día, pero polo regular a noite sempre é mellor. Na maioría das rías galegas as zonas de camarón sempre se aguantan nos mesmos sitios; esta razón obedece ós puntos das rías onde se moven menos as augas; é dicir: son os sitios onde máis camarón hai durante todo o ano, alí é onde os brazos do mar valeiran todos os días infinidade de larvas das que se nutrirá esta duende criatura. Á parte do camarón nestas abastecedoras fangueiras tamén se recrean vivindo de rentas os corbelos, as fanecas, anguías, barbadas, nécoras, linguados, cabaliños de mar e ás veces congros.

Nos fondos das rías onde descansan as augas mortas, son as partes onde máis se reproduce o camarón en alta multiplicación e á vez é unha despensa de alimentación para todos os peixes que veñen a engordar e a visitar as rías. Ben saben tódolos peixes que nestas pozas onde as augas descansan que sempre teñen un bo aperitivo de camarón.

Pero tamén hai camarón por calquera limpo, pero cunha salvedade: que por onde haiba correntes nunca moito nin pouco se ha coller. Tamén hai outra cousa que temos que saber que aínda que polo limpo se colla bo camarón, nunca poderá competir co que se colle no cuberto que teñan as rías ó seu arredor.

          Este crustáceo decápodo, como dicimos, sempre se esconde en zonas determinadas onde todo é paz e quietude. Como todas as criaturas do mar esta é unha das que se manten en plena paz..., a pesar da inmensa comunidade camaroneira que se establece e se multiplica en alto número de ano en ano. O carácter deste ser como dicimos, é sereno tranquilo tirando a lento, agora ben, cando todo parece que está en silencio e que todo reina encima do ben absoluto, de repente esta clase de criaturas por necesidade famélica, o camarón de maior patadoiras e de maoir antenas, lanzarase sobre calquera dos irmans sempre inferior para devoralo.

Estas criaturas cando están dentro do viveiro maiormente os camaróns grandes a non ter comida durante a semana vense obligados a eliminarse unhes a outros.
Moitas veces témolo aviveirado de luns a sábado e ó mellor o domingo ou o sábado pola mañá querelo ir vender polos bares, mais á hora dilo buscar ó viveiro pensando ter os mesmos kilos del, resultaba que ó momento de abrir o viveiro e valeirar o camarón na caixa, notar que che faltaba e de repente xa pensabas nos furtivistas das ría que cho roubaran; pero despois de observar que no cu do viveiro e polo medio de todo o camarón, aparecía cantidade de cascaxe e de rabadas soltas, entón dabaste conta e meditabas que non cho roubaran sinón que faltaba porque se habían comido uns a outros. Desta esperiencia aprendimos a non deixalo máis de tres días no viveiro.

O camarón escollido para non querer perder ningunha unidade, a poder ser, debérase vender no día. Per nas rías onde abunda máis o camarón grande os camaroneiros destas non teñen a necesidade de xuntalo coma outrois toda a semana para ilo vender os sábados. Véndeno todos os días cando é o tempo do camarón.

Dicíamos que os camaróns grandes se comían unhes a outros. Isto pasa cando están pechados no viveiro porque aquí a non existir as larvas que eles comen, é o motivo de eliminarse uns contra doutros. Sen embargo, na súa plena libertade, fóra da man do home o camarón é a criatura máis pacífica e feliz do mar.

A felicidade destes decápodos está en frecuentar as belas casiñas de mofo mariño (limo), corredoiras por onde a eles lles gusta apousar. En calquera cesto vello, nunha chalana escangallada, detrás dunha xebra, ó lado dun pao gastado, dun cepo que está medio enterrado, en nasas vellas de madeira cubertas con media capa de limo, e en pociñas de auga crara son as covas ideais para estes románticos e sabrosos crustáceos que só queren vivir acubillados en moradas sombrías libres das bocas dos peixes.
En todas as rías alí onde exista cebado ou cebadeira, ou onde crie toda a gama de lodos, en estas partes como dixemos, é onde o camarón vive e medra.

O camarón é igual que a froita dun árbore ou coma a flor dun xardín, porque se non se come nin se ole no seu tempo, de nada lle sirven ó home que existan. Estes crustácios que se quedan nas pozas das rías (fangueiras), a mediados do mes de maio xa están cubertos de cría, e a partir de aquí, empezan a desovar. Durante os meses de abril maio, xunio, xullo, agosto e setembro, son os meses de medra. Logo os restantes do ano ata o fondal de marzo, é tempo do camarón.




       A ZARANDA UN MEDIO DE INVESTIGACIÓN
A zaranda como arte de pesca sempre foi un medio de investigación onde por ela se puideron observar varias formas de conducta e proceder de cada animal que se enterra na plataforma dos fondos das rías. Sabemos que coas zarandas cando se largan no cuberto que se collen nécoras, santiaguiños, camaróns, cornos, estrelas, orizos, algunha cangrexa, e tamén algún noco e polbo. Polo limpo pódese coller nécora, camarón, patexo e cangrexa.

Miremos pois como vive a cangrexa, como nace e como se reproduce. Pola zaranda descubrimos que a cangrexa a pesar de nacer e de reproducirse como de mudarse de caparazón e logo despois de pasar a vivir para sempre dentro do cuberto, dos mares de fóra, non veña a desovar ó sitio onde naceu e se criou. Sabemos que estes criadoiros son inalterables ano tras ano para a crianza desta preciosa especie. Ademais necesita unha clase de area que sexa propícia e reuna as condicións necesarias para poder reproducirse. Elas elixiron estes criadoiros desde o comenzo da vida. A cangrexa como ser vivo é incapaz de vivir na zona onde nace e se reproduce. Pode aguantarse enterrada na area bastante tempo; pero por moi agusto que esteña no seu berce enterrada e contenta de medrar na súa cova, terminará por emprender viaxe como todas as compañeiras para vivir para sempre entre solapas regañas e furnas e polos cubertos e beiradas quen lles porporcionarán comida por que así está mandado e ordenado pola onnisapiencia natureza.

Estes grandes e innumerables grupos de cangrexas que están polo fondo do mar da mesma maneira están os morteiros de coles polas hortas. As cangrexas cando están medrando están moi xuntas e enterradas sempre unhas ó peiño doutras. Viven nun longo letargo ou adormexamento que no podemos precisar. Non sabemos se é un ano se dous os que botan vivindo na sendeira onde se reproduciron.

Nesta blanda area é o sitio idóneo para que elas crien e vivan alimentándose de toda a variedade de xebras e de outras larvas e desperdicios que estes fondos crían e reciben. As femias que chegan a ter ovada ou cría que son os primeiros ovos que lles nacen nas súas barrigas, antes de desprenderse deles para sempre, depositaranos polas partes onde elas se criaron e viviron ese necesario tempo para formarse. Estes ovos quedarán nas súas camas de area e así como elas naceron nese berce, así nacerán as súas crías.

Nestes morteiros de cangrexas cambiarán de cacho sen moverse do sitio e mentres no teñan duro e completo, manteranse dentro da area ata que esteñan en perfectas condicións para poder atravesar as millas que sexan ata atopar o cuberto de fóra. Todas as cangrexas que nosoutros fumos observando mediante a fisga do bou cando pasaba por enriba delas como tamén cando andábamos ás zarandas, temos notado que despois de telas abordo, a moitas delas, témoslles quitado máis de dous dedos de fango ou de lama que traían por enriba do lombo.

Da maneira que os ovos quedan na foia de area ben enterrados, nesa mesma posición se irán transformando as caricaturas de cada cangrexiña e desta maneira será a imaxe nesta cova igual que se fose un muro de pedras atrincheradas ata poderse mover coas súas patas.

Cando lles rebule o mar encima das súas costas, que é ó que elas máis medo lle teñen, por esta forza ou resaca do mar, é cando elas se enterran máis. Por este motivo en moitos sitios, poden chegar a enterrarse pegadiñas unhas a outras, unhes catro ou cinco centímetros.

Nunca poidemos saber o tempo que podían botar enterradas. Nós coidamos que despois dun ou de dous centímetros baixo o nivel da area destes fondos, descoñecemos a profundidade e o tempo que poden chegar a estar enterradas. Sen embargo, cando aparece o mar bo, e a cangrexa husma que aínda se vai quedar máis, os animás xurden ata a superfície do chan da area onde coa súa boca e coa punta do seu puntiagudo cacho, fai diante dela unha especie de pociña para que certas larvas, xebras e outros desperdicios mariños, apousen nesa diminuta poza e así, poida alimentarse para ir medrando. Sen embargo, cando se desenterran poñense coma as pitas no corral a espenicar cabelos de barbauzón, felerpiñas das barbas da cebadeira; como tamén debullos de peixes mortos e outras larvas que elas saben escoller...


A cangrexa cando se enterra na area non se mete de forma horizontal senón que se enterra en diagonal, ademais o proceso de xurdir e de enterrarse sempre sucede pola noite e nunca polo día, ademais fano a partir do axexo ou do lusco fusco. Non temos nin coñecemos nin o mínimo amosamento de que as cangrexas se desenterrasen de día para comer polo fondo. Sen embargo, algunha vez cando un vai ás zarandas polo día se elas están regañando de fame facémolas desenterrar polo olfato ou cheiro da carnada fresca.


No momento en que están coa punta do casco fóra da area, os homes que están ó bou síntenas mediante as calas, pois en ese instante en que a fisga do bou pasa por encima delas, son identificadas porque a fisga a ter moito plomo ven con dous dedos enterrada polo fondo, por tanto a fisga é a que prende nelas. Estas señales son percibidas polos repeniques que se sinten nas rosegas que veñen amarradas ó bou e que o boeiro ten nas mans no momento en que está tirando por el, entón dicimos: (salta o bou). Por esta observación xa un sabía, que por onde acababa de pasar a fisga do bou, quedaban cangrexas enterradas.


Estes crustáceos desde a primavera mantéñense en comunidade agrupadas neste fogar areoso e aló polo fondal de setembro a maioría delas xa están formadas e medias duras que á vista parecen estar para comer; pero aínda que se lles aperten as patadoiras e non se esmaguen, os animás aínda non están refeitos.

Por este simple análise xa se sabe que todas elas están fofas e cheas de auga por dentro debido craro está, ó seu proceso e á falla de alimentación. Por iso, os mariñeiros non lles botan a man porque saben que nada teñen por dentro A partir dos primeiros días de outono a cangrexa deixará o seu berce maternal comenzando a desfilar en grandes grupos cara ós mares de fóra.

Pero moitas delas quedaranse no seu criadoiro a comer e a durmir porque aínda non están suficientemente robustas para partir coas demais sen saber a onde... Por iso se sabe cando calquera vai ás zarandas polo mes de maio ou de xunio no que se descubre que pola zona onde un andivo durante todo o ano, tanto con miños, nasas ou con zarandas, ningún aparello deu mostras de haber unha simple cangrexa.

Sen embargo, agora de repente nunha marea de mar chuzado, un calquera que se lle ocorriu ir ás zarandas ou tirar unha peza de miños, collese media bancada de cangrexas duras e fofas. Isto quere dicir que estaban alí enterradas pero sen saber desde cando, mais pola circunstancia de ser o mar bo e de caerlles as carnadas encima delas, este foi o motivo de que este calquera fose ás zarandas ou cunha peza de miños non por saber, senón por casualidade de caerlle as carnadas ou o aparello encima daquelas cangrexas quedadas e empichocadas nas moliñas areas comendo desde moitos meses, herbiñas de barbauzón.


A ninguén se lle pase pola imaxinación que as cangrexas unha vez nos cubertos de fóra teñen que volver ó mesmo sitio onde elas se criaron a desovar. Os animás antes de partir polo camiño de emigración, como xa indicamos anteriormente, depositan toda a súa ovada na mesma fondura de area como un día o fixeron as súas nais. Non hai na memoria de ningún mariñeiro nin un só visteo dalgunha cangrexa que viñese das augas de fóra a depositar os seus ovos exactamente a un determinado minipunto ou sendeira de reducidos metros cadrados sobre o fondo de cada ría...

Sabemos que este animal emigra buscando sempre as beiradas que teñan que comer. O seu recorrido é ir bordeando a costa porque se atopa mellor na pouca auga que na moita. A onnisabente natureza ben sabe que estas criaturas morrerían de fame se se quedasen a vivir sobre as zonas onde elas nacen. En este caso xa non terían necesidade de marcharse para as costas e beiradas de fóra. As cangrexas da costa como as dos baixos foranos calquera neno as coñece. Teñen distinto cor. É raro que nas patas teñan lá ou cabelos como as das rías. Moitas das patas téñenas gastadas de andar e de gaviar polas furnas e penedos en busca de comida. As cangrexas que se pescan fóra das rías pesan máis porque están cheas de carne e de caldo de coral. As das rías aínda que ás veces teñan mellor presencia que as de fóra, non hai quen as queira porque todas elas están fofas. Os fondos con cubertos e con beiradas pertos da costa, son as partes ideais para que estes crustáceos poidan vivir no seu mundo.


Cando as cangrexas tomaban o camiño de emigración sobre os cubertos e beiradas de fóra, antigamente os nosos devanceiros avós atravesaban os rascos nas rías aló polo fondal de outono para coller as máis robustas que saían destes criadoiros porque xa unha vez refeitas e mantidas, xa valían para vender. Pero atravesar rascos, tramallos, e máis tarde miños sobre os limpos das rías para coller as cangrexas que viñan para terra dos mares de fóra a desovar ó mesmo sitio onde elas naceran, non está na memoria de ningún vello mariñeiro nin esta crencia xurdiu xamais como conto ou como suposiciónión sobre o caso destas criaturas que teñen que volver todos os anos como acabamos de dicir, a desovar ós mesmos sitios onde elas se criaron...


OS CRIADOIROS DE CANGREXAS CONTAMINADOS
Nesta ría de Cedeira, dos seis criadoiros de cangrexas que había, quedan cinco. Vindo para terra sobre a boca da ría o primeiro que atopamos está por terra das “Pedras de Medio Mar”, coa infilación entre o Forno e Penalonga. Logo está a “Mixoteira de Fóra”, que vai enfilada desde a praia da Sonreiras cara ó Lance da Robaliza.

Despois desta, pasamos á “Mixoteira de Terra” que está situada un pedazo por fóra do cuberto do faro de Promontoiro e enfilado desde o que é hoxe a punta do novo espigón, ata abrir a Punta do Refís.”O criadoiro que nos falta desta ría, viña a estar na mesma enfilación donde hoxe está encravado o novo espigón; mellor dito, era o que estaba contra a “Costá”. Calquera cangrexa nacida neste gran criadoiro ningunha baixaba de 3 a 5 kilos; cunha particularidade que eran as máis coloradiñas de toda a costa de Ortegal, ademais con unhas patadoiras grandes, brancas e encarnadiñas que todo elas eran unha marabilla de cangrexas.

Outro está na “Abra de Mi Señora” que vai desde a Punta de Martincás coa enfilación do Pericoto Grande ata o Espiño. O último que podía ser o primeiro, atópase no que os nativos lle chamamos a “Medianía”, que vai desde fóra da praia do Merlo ocupando toda a chaeira de mar enfilandoa cara á desembocadura do Río Condomiñas ata chegar á Punta do Castelo. En estes cinco criadoiros calculamos que se podían criar ó ano aproximadamente máis de 6000 exemplares. Este cálculo tíñamolo feito os boeiros desde o ano 1947, ata 1959. Análise que está cargado de miles de horas para certos boiros que tiveron que sufrir os avatares dos malos tempos e aprender deste laboratorio particular toda a clase de esperiencias e tamén disfrutar da gloriosa enxágoa do bou que hoxe gracias a Deus, desde a súa memoria poden contar.


Hoxe non se podería botar ese cálculo por dúas razóns catastróficas: unha porque o fondo da ría (chamada Lama) xa non volveu a críar sobre os seus peitos aquela inmensa capa de barba de máis dun metro de alto, chamada “barbauzón” ou “cebadeira” no cal se abrigaban miles e miles de criaturas e á vez, era o gran alimento desta incomparable cangrexa.

Os bertidos paulatinos dos líquidos que o chan da ría recibiu estes últimos corenta e cinco anos, cremos que son suficientes para contaminar as partes máis delicadas daqueles frondosos fondos. Na actualidade podemos observar a inmensa cantidade da extravagancia que dormen ó longo destes fondos. Existen monicacos de tódalas especies, son cacharros imprópios da natura que invaden aquel puro e coralístico fondo.

Todo isto misturado coa aberrante sementeira que hai de plásticos e de colchóns esbandallados, así como cuarenta mil ferregachos tirados de mala maneira, lavadoras, cuciñas, aceites queimados, animáis mortos, vacas tolas, e centos de trapalladas ó longo dos canigotes e regueiros, confirman a gran estercoleira venenosa lambida polas choivas para despois dentro da ría beber ese xarabe porquento todos os peixes que máis tarde os teremos que comer. Pero non rematando aquí, os aparellos que son a suma total da esquilmación de calquera ría, esta nosa está sufrindo as últimas agonías e pronto ha de verse morta.

Nesta nosa como nas demais da Comunidade, a contaminación sobre os fondos das mesmas, tamén estará metida nas veas da salsa e no hálito do pulmón do mar. Isto é o que respiran, alentan e beben os nosos peixes de cada ría; pero a pesar de que teñen que soportar tanto escremento e mougada humana, e na agonía que padecen, aínda queda a mostra de algunha especie enferma de tifus e tuberculosa que irán morrendo lentamente e outras desaparecendo como desapareceron as que xa non están e así quedaremos lamentando este desastre ecolóxico consentido polo home deste escrementoso século.


                           A ZARANDA PATEXEIRA
A maioría das lanchas que ían pescar ó badexo polo regular sempre tiñan a bordo tres ou catro zarandas para coller patexo. Este crustáceo aínda que no comamos nós, é un dos máis altos valores para a fauna mariña. Cremos que todas as criaturas do mar tolean por el. As zarandas sempre foron moi necesarias para coller patexo para todas aquelas lanchas que pescaban con anzol. Hoxe no sitio dela está a nasa pequena de ferro.

Por iso desde moi antigo as lanchas pesqueiras tiñan as súas zarandas para coller patexo todo o ano así como tamén ir buscar cangrexas á ría para cocer e asar. Sen embargo, cando viñan os grandes costeos del, os limpos do mar cubríanse de tal modo que non se vían branquear os fondos cando este devorador crustáceo estaba desenterrado. As zarandas pasaban a facer un servício extraordinario porque con elas podíase ir cargar unha buceta ou chalana de “cangrexo” para abonar o terreo. As zarandas desempeñaron ó paso dos tempos unha función fenomenal e extraordinaria.




                                           A NASA

                             Arte de pesca menor, fixa e de engado.

A nasa é sen dúbida unha das artes de pesca más primitivas que debeu usar o home cavernario para a súa supervivencia pescando primeiramente os peixes nas pozas dos ríos. Pero como non hai vestixios arqueolóxicos desta arte que tiña que construirse con varas ou con paos, e que este material non tiña máis duración que un par de anos, esta é unha das razóns imaxinables que máis nos afirman que debeu de ser así e como dicimos, sen vistixios arqueolóxicos ninguén pode afirmalo aínda que sabemos que tódalas tribus baixaban ós ríos por pura necesidade para convatir a terrible fame que padecían naqueles cadabres tempos; polo tanto os ríos eran unha fonte de alimentación ó paso dos séculos na encravada zona onde apousasen ou na conquista dos mellores territorios a ocupar.

Ó pé dos ríos os nosos antepasados atoparían varas e con elas facerían nasas para pescar troitas e anguías. As varas de abeleira aínda hoxe son as máis bonitas, as mellores e as máis dereitas. As de carballo son as máis duras e as que máis terman na auga. A figura da nasa de río é variable tanto é redonda como cadrada ou alargada; pero a tendencia xenética das nosas xeracións, son de tipo esférico e alongadas con gorxa estreita e de barriga ancha. Este tipo de nasa primitiva viría vindo coas tribus para utilizalas nas pozas das rías e beiramares sen correntes. Por estas zonas pescarían nécora, camarón barbada e cangrexos.

Cando estes homes deciden quedarse para sempre ó pé do mar son pois os primeiros mariñeiros que terán que aprender a pescar. Nacen pois as primeiras embarcacións das rías de construcción estreita e longa. Todos estes mariñeiriños das rías durante séculos evulocionarían moi pouco pola circunstancia principal que era a falla de redes.
A medida que os tempos viñan vindo de maneira lentísima, estes ribeireños que vivían en pequenas casiñas de pedra e outros en foias de zarzo, notaban que de corenta en corenta anos, ciclos que aínda hoxe se manteñen, xa sabían escribir o seu pasado e aspiraban alcanzar unha vida mellor.

Cando xa aparecen os teares tecendo os longos fíos para facer redes de cáñamo e cordas de esparto e liñas de liño, tódolos portos cataláns, cántabros, asturianos, vascos e galegos, comenzarían a rexurdir daquela precaria vida que lles tocaba vivir. Polo que a nasa quedaría como arte de ocasión e de menos importancia pola presencia e poder do aparello que evolucionaba cun só formato de pouca altura e dun só pano tal como os rascos ou coma a badexeira (angarello), para pescar os peixes dos ríos e da costa que xa collían nas liñas e que vían desde terra.

A nasa non desaparece dos portos, queda para coller na súa época todo o marisco que criasen as rías para consumo de cada unDon Eladio Rodríguez González, no seu “Diccionario Enciclopédico”, dinos que o nome do rasco xa ven desde o século XV
Partindo desta data e vendo o que o mestre nos enfila, os nosos mariñeiros despois de descubrir con estes rascos, unha especie de angarellos ou volantas de pouquiña altura, e collendo valor a lagosta, o cereixo e, a cangrexa, a nasa evolucionaría para ser reconstruida con outras amplas dimensións.

A nasa xa non sería dun só embudo pola cabeza coma as do río, levaría dous, un por cada lado, e toda ela pechada de varas e de barrotes e ben encebadas e con esta construcción tentarían con seis ou sete nasas en cada bote pois efectivamente collerían lagostas a esgaia desde maio ata o rabego de agosto. Neste paso lento, as nasas dentro das nosas rías, foronse termando porque en cada época de camarón, nécora e cangrexa, aparexasdas ós aparellos que tiña cada mariñeiro, era de gran axuda para aquelas todas familias pescadoras que vivían precariamente nas cabeceiras das rías .

As lanchas que se adicaban exclusivamente ós rascos, era raro, moi raro, que embarcasen as nasas. As rasqueiras eran as embarcacións que máis tempo botaban traballando no mar. Era decotío o seu faenar. Desde o romper do día vogando e cambeando os aparellos de mar en mar ata as tres, catro e cinco da tarde que chegaban á casa. Esta era a vida que lles tocaba de vivir. Había outras bucetas que tamén se adicaban ás nasas. Eran as que tiñan de dous a tres homes e nos veráns só se adicaban á lagosta cereixo e cangrexa. Non tíñan máis que dous reseiros de 7 e de 8 nasas.


                                    FRANCESES E CEDEIRESES
Sobre o 1880 unhas rasqueiras de Cedeira, que estaban levantando os rascos na beira de Teixido viron que no mar de Guzmán había xa dúas semanas que vían dous valandros franceses e que non se ían de alí. Ese día estaba calma chicha e as valandras non podían faenar por falta de vento, entón dixo o patrón desta rasqueira cedeiresa: “Veña, hoxe parece que temos a ocasión de escabecharlles as redes ós franceses e a ver se se van de aí dunha puñetera vez” “Vogade forza, imos mirar a ver con que clase de aparellos andan”.

Cando chegaron á zona onde estaban os franceses, o patrón desta rasqueira e a súa tripulación, viron que cada valandra tiña máis de 50 boias ó redor dela. Todas estaban escagalladas tal como se fosen zarandas largas para o camarón. Vendo que os franceses non se podían valer, este patrón cedeirés procedeu meter as boias a bordo da súa lancha atopándose coa sorpresa, que en vez de ser aparellos como eles pensaban, atoparonse con unhas nasas que nunca viran. Toda esta dotación cedeiresa, actuando ó bule bule, escabecharonlles as nasas diante deles nun santiamén.

Resultando que cada boia tiña unha só nasa e estaba encarnada con trapos mollados en aceite. Os franceses vendo o atrevimento e o abuso descarado polo patrón pirata, diron a berros chamándolles “capitán pobre” porque vian que lles estaban usurpando as lagostas das súas nasas diante dos seus propios ollos.

En cada nasa daquelas viñan a dúas e a tres lagostas. Cando remataron de levantalas todas e de meter a bordo máis de noventa e pico de lagostas, os pobres franceses desafiaban con coitelos e con fouces ó patrón desta atrevida fechoría. Pero o patrón cedeirés vendo que os franceses o desafiaban de morte, respondeulles con outra amennaza, onde lles daba a entender por acenos, que para a próxima vez que os vira naquela zona, que lles picaría todas as boias.

Despois dos desafíos o patrón da rasqueira tomaba rumbo cara ós Gallos da Candieira, traendo as noventa e pico de lagostas e cinco nasas na bancada para examinalas a ver que tal estaban armadas. ó chegar a Arealonga, e despois de botarlles ben o ollo todos os piratas da intrépida rasqueira, viron que eran o doble máis pequenas e cun só embudo pola parte superior e polo resto, todas elas pechadas.

A pesar de velas máis lixeiras e ó cen por cen máis pescadoras, os naseiros deste porto cedeirés, non quixeron facer caso do invento dos franceses, polo que seguiron traballando coas españolas que tiñan un embudo por cada cabeza e como dixemos, o doble de grandes que as dos franceses.

Ata o 1950, a flota dos naseiros aguantáronse coas nasas do país. A partir desta data a lagosta tomou máis valor no hámbito hosteleiro, polo que neste mesmo ano José Ponce García, patrón do “Cristo de Candás”de Cedeira, despois de comprovar que as nasas francesas pescaban á mitade máis que as españolas, ordenou desembarcar as que tiña a bordo e tiralas en terra e armarse de francesas.

Podemos dicir sen lugar a dúbida que Ponce, foi un dos grandes capitáns da lagosta. O ano 1952, en tres meses, capturou 4986 kilos e durante os anos que andivo a ela, sempre pasou de 4000.-kilos na costeira de 3 meses.

Os mariñeiros que andaban a esta pesqueira tódalas semanas tiñan partixa; mentres que as demais lanchas que andaban a outros oficios, a terían ou non.
A esta pesqueira a mediados de maio xa se ían largar os primeiros reseiros. Cada lancha solía levar de tres a catro reseiros de 45 nasas cada un, en cambio outros, preferían telos de 60 .

O calamento que usaban estas embarcacións era de esparto e de sisal.
Por todo o longo do calamento ían os desvíos das nasas distanciados un de outro sobre tres brazas e cuarto que nos cales ían amarradas as nasas. Os chicotes destes desvíos de braza e media de longo en forma de pé de galo, amarrábanse a cada cabeza da nasa. Esta era a nasa española con un embudo por cada lado de maior a menor e cun desvío de dous chicotes amarrados cada un a cada cabeza da nasa para traela desde o fondo ata a bordo, en posición totalmente horizontal.

          As nasas francesas eran diferentes. Aproximadamente un cuarenta por cento máis pequenas cas nosas e cun só embudo. Este embudo de entrada estaba na parte superior e central. Os desvíos para estas nasas xa non eran con pé de galo. Eran directos cun só chicote que ía amarrado no aro da cabeza da nasa, logo na parte central, ó pé do embudo había outro aro, e neste estaba amarrado un matafión que facía estrobo no que polo ollo deste pasaba o seno do desvío co fin de que a nasa viñese desde o fondo ata bordo en sentido horizontal e tamén o día que a nasa prendese no cuberto, con tirar dela un pouco máis do debido, rompese o matafión. Esta era unha das finalidades para que a nasa non se perdese baixo calquera enferradura. Este estrobo dun simple matafión posto no aro central da nasa como acabamos de dicir tiña o fin de equilibrar a mesma para que desde fondo viñese de modo horizontal.

Os barrotes que nós coñecimos para armar estas nasas eran de eucalipto aínda que había algúns de pino polo medio deles, pero estes non valían polo simple feito de que se enchupaban moito e pasaban a ser moi pesadas e outra, que partían e fallaban polos nós que tiñan.

Cando viña a tempada da lagosta, polos primeiros días de maio xa se embarcaban as nasas para ilas largar, e como os barrotes estaban secos, na parte inferior por dentro da nasa, a oito dedos de cada cabeza, metíanselle catro pedras de máis de dous kilos cada unha. Despois dunha semana cando as nasas xa estaban enchupadas, íase alternando o peso de cada nasa quitándolle algunha pedra.

Nos puntos en que se colocaba a carnada era polas partes de detrás do embudo.
Polas datas que estamos apuntando e aínda máis para atrás, as artes de fondo deixábanse largas dun día para outro.

Hai que pensar que polo ano 1947, xa se lancicaba polo día e a cada reseiro dábanselle dúas horas e media de descanso.Con esta forma de pescar collíanse máis lagostas, pero traballábase o cincuenta por cento máis .Había lances que en algunha nasa viñan ata tres lagostas, pero nunca se tivo a noticia de coller nunha nasa soa cinco ou seis lagostas xuntas.

Como todos sabemos unha das máis ricas plataformas da costa española tanto de marisco como de criadoiros de merluza, é a de Ortegal. Pois nestas augas as nosas naseiras aló polos cedos de maio, íanse ós mares de fóra tentar cos primeiros reseiros ás 40, 60, e 80 brazas.

A medida que os animás viñan vindo para terra buscando a calor das augas, as naseiras tamén viñan vindo con elas. Por aquel entón había exemplares atroces, téñense collido lagostas ata de cinco kilos. Unha destas colleuse pegado á auga branca do Farallón de Teixido que ata houbo que desatracar a lancha cun remo da pedra, para poder meter a nasa a bordo coa marabillosa lagosta.




                     A NASA CAMARONEIRA
                            Arte de pesca menor, fixa e de engado
As nasas camaroneiras son aquelas que pescan só camarón. As nasas pequenas de madeira ben cheas de cebo, tanto pescan camarón como nécora, santiaguiño, cangrexa, polbo, congro etc etc. Sen embargo, á que nosoutros nos imos referir, non lle pasa iso. A nasa do camarón non leva cebo. Está aberta pola mitade de ambas cabezas da nasa. Leva o embudo na parte superior e central igual que as francesas.

Por dentro vai toda forrada de cope ou de tea dos sacos de esparto. Estas nasas cando se están levantando veñen para riba mediante un pè de galo, é dicir, un desvío con dous chicotes amarrado cada un a cada cabeza da nasa para que veña desde o fondo en sentido totalmente horizontal e así, o camarón que esteña dentro, non se emborque para ningún lado. Estas nasas han de largarse nas partes fangosas para que no termo de quince días as varas esteñan cubertas dunha pequena capa de limo. Logo sumados outros 8 días sen tocarlle, a nasa comenzará a botar as primeiras puntas de barba sobre as varas nas que o camarón lles gusta comer e durmir.

Se a barba de limo chega a facerse grande, o camarón desiste dela e vaise buscando calquera pao tirado que lle dea amparo. Este pequeno crustáceo cando as varas da nasa como toda a rede van criando lodo e puntas de limo, de forma intuitiva os camaróns que haiba ó rededor dela, xisgarán para dentro da nasa para comer e nela abrigarse. Nas zonas en que esta nasa esteña fondeada, se hai camarón entrará todo; pero primeiramente entrarán os grandes mailos medianos, mentres que a quisquilla, manterase por fóra ó redor dela porque os que están dentro na deixan entrar.

Despois de estar o camarón como o rei na cesta e de saber que ninguén lle ataca a non ser un pouco o corbelo e a barbada, despois de oito en oito días, verémolo ir medrando dentro da nasa. Neste proceso de alimentación e de acubillamento en plena quietude, unha nasa que esteña en boa sendeira e sen que ninguén a mova do siotio, en quince días e se hai a sorte de que non se meta o mar, esta nasa pode xuntar máis de cinco kilos de camarón do mediano e do grande. ¡Esperiencia que nós vivimos e que practicamos!


A NASA “PULPEIRA”

                            Arte de pesca menor, fixa e de engado

Da nasa de ferro pouco temos que comentar, pero dicir que ten as mesmas características que as francesas. Sobre o 1947 e 1952 por varias rías galegas empezouse andar con nasas pequenas de madeira á nécora, á cangrexa e o camarón.

Por aquelas datas a ninguén se lle pasaba pola imaxinación que pola costa adiante desde a rompente ata as trinta brazas para fóra houbese tanto polbo.
Daquela as naseiras da lagosta ordenaban botar todas as nasas españolas en terra e embarcar o modelo francés que eran o doble máis pequeno.


Estas pequenas nasas de madeira foron as que primeiro descubriron o polbo polas beiradas e cubertos da costa. Esta foi unha das razóns polas que as motoriñas de pouco caballaxe cando largaban por fóra das rías, ás nécoras grandes, como ó camaronazo como tamén ás cangrexas, atopáronse co polbo grande; pero cremos que hai outra razón máis evidente e con máis firmeza dentro desta analítica plantexando a gran abundancia deste sabroso molusco.

Sabemos que xa fai máis de dez ou de doce anos que o rape e a xuliana (peixe sapo) mermou en tódolos mares onde el se criaba e se reproducía máis dun 99 % polo tanto a fallar o rape e a xuliana o polbo por lei, debe multiplicarse por todas as partes da nosa plataforma. Esta xuliana chamada “marroquín”desde o ano 1920 ata o 1950 pola zona de Ortegal e tamén doutras rías galegas, estaba extendida case por todos os limpos e cubertos dos nosos mares.

Como o polbo maila pota foron sempre o bocado preferido deste animal e agora ó faltar do mar este peixe, o equilibrio ecolóxico dunha destas especies ten que multiplicarse en gran maneira para que a outra se beneficie e se engrandeza no seu ámbito natural; pero neste caso, somos nós os que nos beneficiamos deste sabroso molusco que é tanto ou máis abundante e sabroso que a xuliana.


En vista da gran riqueza xurdida fai aproximadamente doce ou trece anos, por toda a costa galega, e como as lanchiñas pequenas foran as primeiras en andar pescando polbo logo despois escomenzaron a ir as de máis caballaxe. Desde fai estes anos, as flotas polbeiras levan adquirido mois bos resultados económicos. Pois a partir de aquí, case todas as lanchas de baixura trataron de facer nasas de ferro. A razón de facelas foi que resultaban máis lixeiras, máis duras, máis económicas e que aínda pescaban mellor.






                          A NASA DO PEIXE
                            Arte de pesca menor, fixa e de engado
A nasa do peixe aparece sobre o ano 1970 e 1973. pola costa de Ortegal. Ten forma de media cuba. Está formada por dous aros de ferro, superior e inferior de tres a catro metros de circunferencia e van soldados a varias barras en forma vertical, tamén de ferro que miden sobre 60 a 70 centímetros de alto.

Sobre o medio da nasa parten dous embudos que van sair por cada lado e por fóra da nasa, polo que os tales veñen a ser as entradas. Estes embudos amárranse un a outro e entre ambos, queda unha distancia de vinte centímetros. Logo leva dúas filásticas ou matafións atravesados por dentro da nasa para colgar os pendullos do engado. No fondo da nasa leva unha xareta corrediza para cando haiba que baleirar o peixe ó momento de abrila, saia rapidamente para fóra.

Os aros das nasas tanto o superior coma o inferior, van forrados de cabo para que non se roce coa pedra e non rompa a malla da rede ficheira e grosa que envolve toda a nasa. Os embudos que leva son do tipo español. Esta arte é propia para fondeala sobre os fanequeiros e sobre todo naquelas pozas onde o patrón seiba que hai congros.

Pero tamén se pode largar ou fondear ó chou. As lanchas que anden ás nasas do peixe deberán levantalas todos os días, unha porque a comicilla acabará coa carnada e outra que se vai o peixe delas. Esta nasa non disfruta de coller moita variedade de peixe, xeralmente case sempre pesca: fanecas, congros, cabras, saiñeiras, e ás veces algunha bertorella; pero o que diariamente colle, son fanecas e congros.


                                       O TRAMALLO
                     Arte de pesca menor, fixa, con tres panos e de tumbo.
Esta arte de pesca está composta por tres panos, o pano do medio que é a veta e por cada banda, un de esmallo. O número da malla da veta é de 9 centímetros de nó a nó e o do esmallo de 25. O tramallo como outros aparellos de malla, sempre se suxetaron a idea de cada armador. Segundo o patrón de cada lancha así se armaba o aparello. Sen embargo polo regular, sempre tivo a mesma altura xa que nunca pasou nin disminueu de braza e media.

O tramallo aparece na idea do enguedello; finalidade para que todo aquel peixe que tumbe no pano do medio, quede embolsado, e sobre o anseo que leve pegado á malla do esmallo, non logre sair. A malla do esmallo neste aparello é a única que impide que fuxan os peixes.

Esta arte de tempos pasados cando se fixo quedaba difinida para calquera peixe que embestira no aparello e mediante o esmallo de ambos lados, e con doble anseo da veta, fosen os aparellos en que mellor se enguedellasen os peixes.

A malla da veta pesca exactamente o peixe do seu tamaño, sen embargo, a do esmallo, só ten a misión de enguedellar a calquera peixe que traspase a súa malla, sen embargo, ten habido veces de enguedellarse nas mallas deste esmallo peixes que non cabían por esta malla. Estes peixes grandes tal como as candorcas teñen vido presas e envoltas polo rabo. Agora ben nas partes onde se larga solen existir peixes pequenos e medianos. Moitas veces a estes mamíferos ós que nos acabamos de referir, por querer comer as maragotas, merlóns e sargos que estaban mallados e aínda dándolles ó rabo e ademais en pleno día, teñen caido no aparello tanto os que nosoutros lles chamábamos candorcas, como tamén os botiños.

No principio estes aparellos con menos ou máis altura naceron nos pobos ribeireños do Río Miño onde os adicaban á pesca do sábalo; pero segundo o pano do medio ou do esmallo que levase, collería a mesma clase de peixe do que hoxe colle o da actualidade. Pola zona de Ortegal foron os naseiros quenes o usaron máis porque a non ter con que encarnar as nasas, largaban o tramallo para abarrotar de maragotas, de merlóns e de bogas.

Estes peixes frescos lañábanse para encarnar as nasas, os amos das lanchas daquela época, ordenaban ós patróns que todo este exquisito peixe tiña que ser esclusivamente para o engado das nasas. Había unha orde estricta que porohibía, aínda que todos os mariñeiros de a bordo pasasen fame e comesen o pan só e esbárdigo, non lle tocasen a un peixe destes. Logo máis tarde por parte de algunhes mariñeiros en este caso, particulares, fóronse facendo con algunha peza para sair a pescar nas súas bucetas.

Nas partes por onde se largan estes aparellos non é de cobizar.
Lárganse polas alladas, polo medio das baixas, polos carreiros, polas bocas das furnas e polas puntas e vispóns da costa. As zonas por onde se faena co tramallo son as máis perigrosas do mar..Son os sitios onde se parten e se estrellan os grandes golpes de mar. Cantas veces se teñen largado estes aparellos crendo que por onde se deixaban non ía romper o mar; pero na volta da marea, ademais de súpeto, xa non ser capaz de botarlle a man ó aparello, por medo e por precaución a que non che rompese unha baixa no lombo.

En moitas ocasións xa se ten picado o aparello rapidamente antes que te matase o mar, mais en outras ser o mar podre cal lediciosos momentos para saltar en calquera baixa e cargar a chalana de percebes, pero de repente meterse o mar e xa nese instante, había que botarlle a man ó tramallo que senón en dez minutos o mar nolo tiraba en terra. A xente que andaba ó tramallo ten levado moitos correlos co mar. Ten habído días de ter que saltar nas baixas para desenguedellalo da pedra.

No tramallo a non ser que se largase por fóra na moita auga, sempre había un punto de perigro perto da rompente. Xa nos ten tocado de ver desde a bordo as robalizas e os sargos mallados e colgados nas penas sen poderlles botar a man porque onde estaban os aparellos, encabanaba o mar. Pero a pesar de todo, outras veces temos vido contentos e victoriosos con media bancada de peixe.

Todas as pesqueiras cando se pesca ben son bonitas e divertidas; pero o tramallo como o embalo, son ofícios do mar moi pobres porque en verdade hai que traballar nas partes másis perigrosas da costa. Mais sabemos que é un placer ver alumbrar o peixe quen ven mallado por todo o aparello, no momento en que se ven halando para a bordo e que vas tirando na bancada toda esta variedade de peixe: bicudas ou maragotas, pintos, bogas, sabogas, sargos, saiñeiras, panchotes, robalizas, chepas, fanecas, douradas, panchos, xurelos, corbelos, zarretas, cangrexas, nécoras, santiaguiños, cereixos, cabras, doncelas, salmonetes, meigas, dentóns, gaiáns, fodóns, cariocas, longaiños, linguados sollas e“tapaconas”.








                                 “NAS CASTELLANAS.”
Isto nos aconteceu andando ó tramallo. Daquela como había moito peixe fomos tentar á terra dos Cabalos, (Cabo Prior). Despois de dar dous lances vimos que tíñamos na bancada dous cestos de merlóns e outros dous de maragotas. Isto fora pola mañá cediño porque aquela noite dormíramos nas pedras do coído que hai pola cara de nordeste deste mesmo Cabo.

Secaba o mar. Como as robalizas moitas veces frecuentaban as Castellanas, e como era o mar bo, levounos a vida cercalas e darlle unhes senos ás outras baixas que eran moi abundantes de sargos. Asi foi, fixemos o tempo aló en terra e despois de dúas horas de descanso, non sei como nos fixamos que vimos o aparello cunha pila de peixe mallado enriba das baixas.

Sabíamos que eran robalizas e sargos. Pero estaban na caramocha das Castellanas e alí rompía o mar. A secante tirarao encima das baixas porque se metera o mar; pero facía falla un valente para saltar en ditas baixas e descartar das penas o aparello. Ninguén quería saltar. Todos tíñamos medo a que nos matara o mar. Queríamos picalo e que se perderan aquelas catro pezas que faltaban.

Pero o dono do aparello que lle doía máis que a nós, dixo: “Bueno, cando veña unha boa acente ciades e botádesme na baixa. Veu a acente e botámolo. Pero nadamais fixo saltar e desprender o aparello, a baixa formou tal cabana de mar que se non vogamos con toda a forza para nordeste, perecemos todos. O dono vendo tamén o que lle viña encima, lanzouse ó mar tras nosa.

Veu nadando deica nós, saltou a bordo, quitou a roupa e despois de secarse escomenzamos a levantar o tramallo que nos quedaba. Neste lance colléramos seis ou sete robalos bos curenta e opico de sargos. Cando acabamos dixemos: “todo este peixe que temos, vale máis ilo vender mañán a Ferrol”. “Veña logo, voguemos hata Cabo Prioriño”. Así, o acordamos.



                      A TOXEIRA QUE EMPEZOU ARDER
            Serían as tres da tarde cando chegamos aló por terra deste Cabo. Estábamos rendidos de vogar e tíñamos fame. Largamos o tramallo e ordenamos saltar en terra levar o pan e o aceite e fritir peixe no pedregal. Cando eu xa tiña unhes carabulliños e unha pouca de leña que atopara polo valado da ribeira, e a tixela ben asentada en dúas pedras e co aceite botado nela, díxenlle ó meu “Curulo”: “Ricardo, párteme esa toxeira que tes diante de tí e traima que me fai falla para acender o lume, e tamén hasme deixar a caixa de mistos”.

            Naquel momento non sei que idea lle pasou pola cabeza que en vez de partila e traerma, acendeu un misto e prendeulle lume á toxeira, que con tan mala fortuna que as longas linguas das chamas prendían na braña do monte que era máis alta que os homes.

           De tal maneira que cando nos dimos conta o lume ía avanzando polo monte arriba coma se fose o demo cando anda coa galleta nos seus fornos. Rapidamente collimos os remos da lancha entre os catro, e comenzamos atallarlle ó lume por largo para cercalo, e así apagalo totalmente.

              Os tarrafeiros de Ares, de Redes e de Sada, que pasaban para ter o axexo en Campelo, dicíannos con acenos burlescos que nos ían levar presos. Cada un de nós ía por dentro da braña facendo unha zanxa para que a chama do lume que viña encima de cada un, non poidese saltar na outra braña que seguía polo monte arriba. Pois debido á salvadora zanxa que cada cal ía facendo, ordenado por un servidor, puidemos matar e apagar o lume que houbo de comernos. Cando acabamos de vencer as devoradoras chamas e apagar as brasas e os tizóns que quedaban fumeando pola longa extenxión de monte queimado, eran as 10 da noite.

            Saltamos a bordo, ciscados como fogoneiros e xuntos lamentamos o sucedido, pero tamén a victoria por vencer a longa e peada extensión de monte comida e devorada polas impresionantes chamas. Levantamos o tramallo e viñemos vindo vogando lentamente e roendo unha codia de pan seca sobre a longa ría de Ferrol, ata chegar ó peirao de Curuxeiras onde arrimados a el, asentamos o peixe para vendelo ó día seguinte na lonxa de Ferrol. Logo despois fúmonos a pé ata San Xurxo da Mariña e ó día seguinte volvimos outra vez. Cada un púxose ó seu remo vogando co afán de largar de novo nos cabalos do Cabo Prior.




                                 A CULLER (A “Cuchara”) 
                                     Arte de pesca menor, fixa e de engado
               Esta clase de arte non é moi coñecida en algunhas rías galegas. Amosaremos pois a súa composición e as suás características.
Toda a relinga superior de chicote a chicote pode alcanzar unhas dez ou doce brazas de ancho. Nela van metidas aproximadamente de 250 a 300 cortizas un pouco máis pequenas que as da tarrafa. A pedreira mide sobre 7 brazas e leva metidas unhas chumbadas repartidas por toda ela suficientes para que chegue ó fondo rapidamente.

Os copes van desde a relinga da cortiza ata a da predreira, e miden de doce a catorce brazas de altura. Nas dez brazas da relinga da cortiza, van entrallados quince copes de cen mallas cada un. Por cada ourela das bandas da culler leva unha reineta de catro dedos de ancho e cada unha destas bandas van entralladas ó tercio. Nesta reineta que acabamos de mencionar vai entrallada unha relinga delgada chamada “xareta” que é pola que se ha de halar despois de levantar a pedreira.

Contra a pedreira leva unha reineta de media braza de alto para que o cope non se trice coas pedras do fondo Tamén pola relinga superior, leva outra reineta dunha cuarta de ancho e de fio groso bastante ficheira para que non se roia a malla mestre e tamén para que non enmallen os peixiños miudos. En cada chicote da relinga da cortiza, leva unha gasa para amarrar as calas dos pendullos ou rizóns e mais as chamadas xaretas que son dous ventos de relinga delgada para centrar a chalana coa culler.


FONDEO DA CULLER
Para fondear a culler primeiramente situamos a chalana no sitio onde lle teñamos fe. Tiramos un rizón ou un pendullo ó mar. Deste rizón sairán 25 brazas de cala que iremos largando en liña recta ata chegar ó seu chicote. Cando se remate o chicote da cala do rizón, amarrarémolo á gasa da relinga da culler cunha volta de escota doble e dous cotes. Coa mesma, largaremos a culler e portarémola ben.

Logo na última gasa da relinga da cortiza, amarraremos o próximo chicote da outra cala coa mesma volta de escota e esta última cala irémola tendendo ata chegar ó rizón que despois de portalo a tope, deixarémolo ir ó fondo.
Acabado isto iremos ó centro da culler e amarraremos o chicote do retedor á relinga da cortiza do que tenderemos sobre cincuenta brazas sempre centrado ó medio do aparello e despois de ben tendido e ben portado tiraremos o rizón.

Despois disto iremos ó centro da culler a desmarrar o chicote do retedor. De aquí, palmearémonos pola cortiza para alcanzar de cada esquina a súa xareta. Logo halaremos para a bordo os panos da culler que están no mar e irémolos aclarando por encima das bancadas. Unha vez ordenada a copeada na chalana, halarémonos polo retedor adiante ata tender por completo todo o aparello da culler.

No punto ata onde chegue tendida a culler, faceremos firme a chalana ó retedor. Logo un home a proa e outro a popa portarán cada un a súa xareta ata que a embarcación quede totalmente centrada ó medio do aparello. Despois de tanta manobra colleremos as bacías mediadas de mixillón e os machucos, e procederemos a machucar. Cando o mixillón esteña machucado lanzarémolo en bolos envoltos en area mollada sobre o centro da culler.

Así iremos engadando e despois de dez ou de quince minutos, procederemos a levantala un home a proa e outro a popa o máis rápido posible. Unha vez a pedreira metida a bordo da buceta ou da chalana, irémonos palmeando e metendo os panos na chalana pouco a pouco ata chegar cerquiña da relinga da cortiza, e miraremos para o fondo do aparello a ver se ven peixe, e se viñese, aviñarémolo e meterémolo a bordo.

Tamén como en todas as artes de pesca queremos deixar sabido a varidade de peixes que entran ó engado nesta arte. Os primeiros son os pións, logo os munxes, despois os xurelos, á tras destes as fanecas, os panchos, corbelos, calamares, doncelas, xibas, chocos, polbos, congros agullas e cabaliños de mar. Esta manobra que acabamos de expoñer realízase cunha só embarcación; pero no seu principio eran dúas chalanas onde resultaba a faena da culler máis cómoda, rápida e pescadora, pero a medida que a pesca foi decaendo, onde eran sete ou oito culleres en cado porto cos esquilmadores tempos e co aumento das miserias do mar, desapareceron todas estas artes.


             CARACTERÍSTICAS DE CADA PEIXE E MOLUSCOS DAS RÍAS
                    Á HORA DE ENTRAR A COMER ENGADO NA CULLER.
O PANCHO.-Limitarémonos ós peixes que veñen visitar as rías de ano en ano e tamén ós que se manteñen durante as catro estacións dentro de cada porto. Temos o pancho que é un dos peixes máis zunentos e zorribados que atopamos para que entre ó engado. Ás veces aínda que esteña aduecendo de fame e desexoso por entrar a comer, prefire termarse no sítio e ser fiel á súa terquedade antes de dicidirse a comer coma outros peixes. Nesta sintonía silenciosa este peixe, é capaz de botar máis de dunha hora mirando para a comida e non querer comela. Non se corta limento tanto con carnada do anzol, coma da culler ou do medio mundo; faise o desentendido, sen embargo, cando se decide a comer, é un peixe dos máis devoradores.

Cremos que a sombra da rede é o asombro do seu medo, e por iso, retense por fóra do aparello. Os panchos teñen a característica que cando queren eles comen, e cando non, anque lles metas a carnada na boca non hai maneira de que traguen bocado. Pero, en outras ocasións sen saber por que nin porque non, entran todos xuntos e nun só lance cóllense todos os que había ó redor da culler. O mesmo sucede coa liña, tan pronto chegan as carnadas ó fondo, xa están devorando os anzols ata o punto de que xa non collen máis no champelo.

A zuna que padece este animal é extraordinariamente excesiva, tanto para comer coma para deixar de picar de repente. Á parte das súas zunadas, distingue moi ben a sombra dos aparellos, por iso, é capaz de estar comendo as miaxas do debullo do engado que cai das mallas para fóra da rede, antes de entrtar a comer con xeito. Empérrenchase de tal maneira que se cansa de mirar para quen come. E coa mesma forza negativa que el se impón a se mesmo cando non quere comer, e derrepente poñeraia en positivo para devorar a carnada ou o engado, nun santiamén. O pancho entrou na picaresca da xente do mar. Por exemplo: Calquera parella que se via pasar amartelada ó caer a tardiña, e outros ó velos en confianza ou polo medio dos dentes podíalle dicir ¿qué? “agora é cando pica o pancho eh” .Isto quería dicir que xa era hora de facer algo ás escondidas. Todo isto ovedecía a influencia deste peixe porque no momento en que se puxese o sol, ou media hora antes do axexo, esta era a hora propícia e determinante para que o pancho dise a despedida comendo.

O pancho na cuciña mariñeira tanto a bordo coma na casa, un dos pratos máis ricos era que tan pronto se chegaba da culler ou da rapeta e se escamaban, tixela ó lume, e despois de ben fritidos e estarruxados, con molete e viño, sabor de gloria.


O XURELO.-O xureliliño pequeno (Chinchín), este, aínda que é moi zunento, é máis rápido que o pancho nas súas decisións. Non lle ten tanto medo á sombra do aparello. Métese a comer sen reparo porque á verdade, como din os mariñeiros: “non teñen sentido”; pero aínda que é pequeniño e teña un sabor de gloria, tamén se sabe limpar a tempo. Sen embargo, o xurelo sardiñeiro tanto nas entradas como nas saídas é moi veloz e para pouco a comer; pero témolo considerado como un peixe de pouca picardía á hora de estar comendo no engado.

Este xurelo que nos estamos a referir frecuenta pouco as rías a menos que nas invernadas recale polo mar vivo ou por andar ó rabo da pesquería, entón a quedarse o mar, pódese coller coa bogueira ou coa culler nas partes mansas da ría. Pero polo regular, non frecuenta as rías no verán, máis ben pódeas visitar nos invernos polo que acabamos de dicir.

Na cuciña mariñeira o xuleliño pequeno ou chincho, recen collido tanto na culler como na rapeta, fritido, é mel do mar. Sen embargo o xurelón, sabe de tódalas maneiraso: frescal asado nas brasas, cocido con aceite en crudo e cebola. En escabeche con colorete de pigmento en aceite e con patacas cocidas sen pela. En toros fritido como tamén enteiro. Asado ó forno. Desalado e cocido con patacas con pela. Curado con pan de broa. Enlatado en aceite.etc. etc. Este querido peixe chamado xurelón ou chicharro, grande despois da Guerra Civil librou a máis de media Galicia da fame; pero principalmente ás familias mariñeiras porque carecían de carne. En cada casa das aldeas da nosa Galicia a que podía, mataba un ou dous porcos ó ano, sen embargo, as familias mariñeiras como carecían do chancho ou galufo, salaban o xurelón para comelo con patacas cocidas durante o ano e se había un chancho na corte vendíase para outras cousas moi necesarias.
.

O CALAMAR.-O calamar ten un carácter moi agresivo. Se lle gusta o que ve , non repara en lanzarse como unha bala e cos seus tentáculos a devorar a esa presa caprichosa que el vai vendo entre augas camiño do fondo. Aínda que na culler se collan poucos calamares dos grandes, como tamén dos “chipiróns”, tanto os pequenos como os grandes, cando divisan ese obxeto que a eles os enlouquece, entran en avalancha para devoralo. O acto máis espectacular deste agresor, é cando se ve cercado por alguén superior a él.

Sucede que cando o cercamos na rapeta, sexa “chipirón” ou calamar medianeiro, todos eles veñen diante da fisga, e antes de que esta chegue en terra, deciden meterse dentro da rapeta. Tan pronto nota a man do home nos panos da copeada, tanto “chipiróns”, potas, xibas, chocos e calamares, todos eles se cagan de forma masiva, que en infinidades de veces nos teñen posto a cara coma un tizón. Sabemos que este molusco en curta distancia é moi veloz, por tanto aínda que dous ou tres calamares estivesen ó pé das nosas canelas e a auga nos dira polo papo da perna, sería imposible poder atrapar algún. Co salabardo ou trueiro pode ser pero isto sucede cando xurden ó pé da lancha aloucados polas poteiras, pero na praia hai que ser moi rápidos para capturalos porque tan pronto chisquen a tinta, esquéncete deles porque a zona onde eles estaban, quedará totalmente negra e o calamar xisgará a outras augas máis tranquilas.

Os pratos que se poden combinar coa carne do calamar na cuciña mariñeira son extraordinariamente lediciosos. O máis rápido se son calamariños ou chipiróns serán fritidos na súa tinta. Os máis recachadiños aínda que se poden poñer igual, tamén se poden amañar en rodaxas fritidas molladas en ovo e logo en fariña... Simplemente con arroz non seco senón xugoso e humidecido con aceite de oliva nunha tarteira de barro e a lume lento. En salsa de zebola a medio fogo dentro do forno e recheos de múltiples masas e de sabores. Enlutados na súa tinta lentamente ó forno. Con patacas novas en guiso troceado con moita cebola. Con patacas e xudías frescas e aceite de oliva, etc. etc.

A XIBA.-A xiba é un animal lento, ademais de lento é comenenciudo porque rapiña as miaxas de outros peixes. Cando ve ós demais comer o engado dentro da culler, de zorribada mira desde lonxe a ver que peixes saen morrongos e aparvados para lanzarlles as ventosas e chupalos de camiño. Non é nada preocupada pola súa mantención, sabe que á sombra dela se abrigarán moitos peixiños miudos e deles ha de vivir.

As xibas onde saen mal paradas é cando van de señoritas contemplando as flores das algas polo fondo do mar. Teñen a costume dir mirando a ver se atopan algún mexillón ou caricola; pero a pesar de ser tan rápida en curtos espacios e de dar repentinos xisgazos en triángulos como en liña recta, ante os botiños non teñen alternativa, porque en dous garapaldos quedan sen cabeza e o seu corpo xurdirá sobre a superficie do mar para que o resto do corpo sirva de alimento para calquera gaivota ou para calquera mariñeiro que pase ó rente dela e a colla para comer. Para os botiños as xibas é un bocado exquisito como tamén son os polbos e os chocos. Polo tanto non nos estrañe ver a estes botiños envestigar as golfadas das alladas e sobre todo recorrer, pola pouca auga das rías. Da carne deste molusco son varios pratos a combinar, pero un dos máis sabrosos é o salpicón de xiba. Con cebola ó forno, e en caldeirada mariñeira.


A FANECA.-As fanecas son igual que as piricas, zunentas, tercas e mansas. Por onde vai unha van todas. Moitas veces temos fondeado encima da fanequeira e despois de media hora engadando, nin unha. A faneca é un peixe que se move moi pouco porque está acostumada a vivir en pichocas. Nos invernos cando as penas non crían xebras bótanse a comer polos limpos. Pola causa destes pastos as fanecas das rías, son as máis sabrosas do mar.

No segundo lance que sempre ven a ser o mellor, a medida que o tempo vai pasando a feneca vaille perdendo medo á sombra do aparello, polo que cando unha ou dúas se van adentrando na culler, as demais vanse poñendo en fieiro, unha trás outra, ata que entre todas elas formen un boliño no centro da culler comendo engado.

Neste manso proceder o fanequeiro queda sen fanecas porque todas elas pasan a gozar do festín. Estes peixiños teñen unha peculiar característica que para entrar a comer o engado dentro da culler, hanse poñer en fieiro pasando todas polo mesmo sitio exactamente igual que as pericas no monte, así, desde as pichocas ata o centro do aparello,e todas nunha piña, convírtense nunha “tintura” castaña que parece barro. Consumado este acto, dentro da arte e debaixo do punto onde se lles tira o engado, todas elas can na rede como anxiños de mar. As fanequiñas da ría hanse comer sempre fritidas.

A DONCELA.-A doncela entra en seguida ó engado. Sempre está atenta á presencia de quen a poida visitar. De cotío sempre está máis que periposta cos mesmos vestidos con que se viste o fondo do mar. É un dos peixes que máis pequena ten a boca. As doncelas son unhes peixiños encantadores que entre as flores das penas e recunchos dos corais engaiolados polo pan do mar, fan un mundo de ensoño por debaixo deses fondos dourados onde elas viven. En calquera allada da costa onde haxa golfada e cale ben a culler, se hai doncelas e gaiáns, en dous ou tres lances pasan todas para a bancada. Ó cebo do anzol entran sen prexuizo e cando comen, fano sempre en repeniques. As doncelas hai que fritilas e quitalas da tixela semi estarruxadas para comelas con pan ou con patacas peladas.

O MUNXE.-O munxe sabe ler e escribir. Por natureza é o peixe máis veterano que se move sobre a superficie das rías e igualmente da costa. Temos dúas clases de munxes, (o albor e o poteiro). O albor é un peixe moi espadarte e está nacido para saltar de calquera maneira e de calquera rede. Distínguese do poteiro por ter polas bandas da cara unha mancha amarela-ouro, como tamén por unha boca máis beizuda, sendo a súa pel gris e abrancazada. Sen embargo, o poteiro, ten a pel máis escura ademais de ser máis curto é panzudo. O poteiro aínda que chega a ser grande e gordo, non chega a alcanzar a longura do espadarte e a penas salta. Cando lle ven o inverno encima, algunhes emigran para aquelas rías máis tranquilas; pero a maioría deles quedanse nas augas onde eles viñeron á vida. Nas invernadas este animal vive máis polo fondo que nos meses do verán que en estes, case sempre quer andar pola toneira. Escóndese máis pola costa debido a que as augas están un pouco máis doibas e mornas. Pero o máis común deste peixe é que case vive sen darlle ó rabo, non ten falla de traballar pola razón de que sempre está á viqueira da mougada que berten os porquentos canos, polo tanto, é mínima a súa emigración e a razón está no alimento.


Sen embargo, aquel munxe cando toma a decisión de marcharse da ría para as alladas da costa, nestas paraxes terá que traballar duro para ganarse o sostento polo medio das refusías quen se poñerá talado e espadarte igual que un pao seco; pero ó final sairá victorioso porque para os pescantíns como para as pescaderías, pasará a ter máis valor.

Pero os que deciden quedarse na rías onde naceron, estarán suxetos a comer todos os noxos habidos e por haber. Terán que chuchar igual que os porquiños da corte os líquidos das taxeas e dos canos e tamén espenicar os trapos e as piolas encostradas de morca. Este munxe estará descansado e vivirá sen preocupacións mentres viva a non ser que o trinque algunha londra.

A familia dos munxes á hora de andar xuntos, fano por edades; os maiores van por separado, os medianos son os que mellor se relacionan e consiguen facer máis mada, mentres aqueles que son como pitillos, o placer deles é andar polo baballo da marea e ir no bico con ela río arriba.

A gran habilidade do munxe albor é que se burla de calquera que o queira pescar con rede. Xa pode haber máis dunha chalana de munxes dentro de calquera rapeta, bogueira ou volantilla, que se queren eles, non se colle un. Tan pronto recoñecen a sombra de calquera aparello, hai algúns que son capaces de saltar ó aire máis dun metro.

Pero a desgracia do munxe é cando se emborracha co gueldo. Na costa é o lugar onde mellor come e morre contento baixo os seus caprichos. Sábelle tanto este cebo que perde toda a súa astucia. O munxe cando morre mallado no aparello, non pensemos que morre por torpe como o resto dos peixes, non, morre por pasarse de listo, porque querendo pasar pola malla que lle parece que pasa, non chega a calcular ben o seu calibre, polo que ten que morrer esganado por crerse pillo, pero neste último intento de fuxe, o .-99, 99.-por 100, aínda se colan polas mallas. A carne do munxe en moitos portos de mar non se come. A maioría da xente tenlles noxo por velos comer nos desaugues que desembocan nos ríos, pero sen embargo, os munxes que se pescan na costa tanto da cana como do embalo ou do tramallo, estes si que se comen derado porque están mantidos con alimentos sen contaminar, ademais son peixes grandes e teñen bo toro polo que asados ó limón no forno, chupan os dedos.







O CORBELO.-O corbelo é un peixe serio, moderado e pachorroso. Durante o día fai moi pouco recorrido. Está a velas vir, porque sabe que á caida das penas máis altas da súa pichoca, sempre lle ha de caer algún debullo. Sempre ten a cara mal humorada polo que os seus veciños tratan de non molestalo por ser un individuo de poucas palabras. Sabe observar sen moverse do sitio todas as cousas que pasan baixo os seus domínios. Antes de entrar a comer o engado da culler, aínda que teña a fame de sete días, primeiro haio pensar a ver de que modo vai entrar a comer.

Aínda que a carnada caia cerca del, parece que non lle interesa comela; pero de alí a un pedazo, irá mirala a ver que valor ten para o seu buche. Despois de vela, da volta e vaise. Se nota que a carnada é sabrosa ó seu paladar, no próximo asalto entrará como un lóstrego sen titubear. O corbelo cando vai sendo maior pasa a ser paliota, zarreta e badexo. Logo de aquí, pasará para os mares de fóra onde vivirá como badexo para logo pescalo as lanchas badexeiras. O corbelo ten poucos pratos para elixir. Na cuciña mariñeira só se fritía ou ben se poñía en caldeirada.



O VELLO.-O vello é da familia das bicudas, pero abunda moi pouco e entra cando ten fame regañada. Quédase quedo antes de entrar. Párase moito a mirar as cousas que can da superficie. Só está no cuberto e á caída del. O vello é un peixiño que non se familiariza con ninguén. Case sempre come por fóra da culler e cando os demais peixes se van entra el .Os tramallos acabaron con esta escasa especie; pero tan pouco estes vellos gozaban de ter un gusto especial. O vello aínda que non ten aló moi bo sabor, ben estarruxadiño aínda se vai comedo ben.


O PIÓN.-O nome deste peixe para os mariñeiros é o pión de escama ou sen sangue, pero non se lle chama “peixerrei”(pejerrey). Os piós de escama son os primeiros peixes da ría que entran a comer engado. A maioría das veces non fan caso á sombra do aparello. Eles viven felices comendo. Sempre se atopan poucos cando un vai en busca deles, pero ás veces aparecen máis dos que pensa un.

Cando se empeza a engadar hai que esperar a xuntalos e no primeiro e segundo lance xa se sabe o pión que hai ó redor da culler. Unha das razón o por que este peixe non se colla máis na culler, é porque sempre se aguanta sobre a superfíci e os panos da culler están no fondo apousados.

Hai unha cousa sabia que todos aqueles peixes que se crían no fondo do mar e viven baixo o seu entorno, á hora de ser cercados por calquera clase de rede, todos eles tirarán para ese fondo que é o único lugar que eles coñecen. Polo que da mesma maneira lles pasa ós da superfície; pois cada un tira á hora de fuxir, cara ós seus domínios ou lugares onde se criaron.

Se este peixe comese sobre o fondo onde se atopa o aparello, nun lance colleríanse todos. As ventaxas que ten o cullereiro sobre este peixe, é que mentres hai engado entra sempre a comer. Este peixiño sen sangue cando se ve cercado e se quere ir do aparello, trata de irse sempre polas esquinas da culler,ás que nosoutros lle chamamos (“os cornos”).

Nestas partes é onde solen mallar máis, pero cando enmallan moitos, hai que proceder a sacudir a rede e descabezalos a todos. Os piós dentro das rías galegas son os señores da superficie tanto polo día como pola noite.

É un dos peixiños que mellor vive das rías debido a influencia ou circunstancia de ter sempre o seu prato cheo de larvas. Vive coma un rei que é. Sempre lle gusta estar nos lisaios e nas calmas. Para el sempre está en pequenas madas e recreándose baixo o resplandor das farolas de cada porto e inclusive se engaióla cos destellos que lanzan as luces dos Faros. Os peiraos e as praias son as fontes surtidoras destas larvas para estes peixes e despois son os desperdícios dos peixes que tiran todos os barcos cando chegan do mar. Algunhes rapeteiros ó acabar de vir da rapeta os primeiros peixes que botaba na tixela para fritir son os piós, os linguadiños pequenos e o xureliño miudo. Toda esta miudaxe que acabamos de mencionar, recén chegados da rapeta hai que fritilos e comelos quentiños e estarruxados con pan de choca porque é unha gozada.


A AGULLA.-O carácter das agullas parece ser un pouco máis cauto que todos cantos aparecen a comer ó redor da culler. Nunca quere ser intrusa, observa desde lonxe dando voltas ó aredor do aparello finxindo ter fame; pero como en verdade a ten, padecerá mirando como os demais peixes embuchan e farrean comendo engado. Mais mentres ela cauta e indecisa, trata de manter unha seriedade un tanto fictícia e indiferente a todos os que comparten o festín. Pero como a fame é máis poderosa que toda a súa apariencia, e hipocresía, non ten máis remedio que seguir dando voltas en torno ó aparello.

Sentíndose solitaria ante o magnífico banquete que está a presenciar, encolerizada e de valente entra comaunha logromanta tal como un vento sutil e culebreante para embuchar os pedazos máis grandes do banquete. Nese éxtases parece que se queda pelexando coas talladas máis grandes querendo embuchalas de presa, pero o seu talante nervioso xógandolle mala pasada, esta agulla atragantada quedará esganada nas mallas da reineta. Pero polo regular, as agullas, sempre se van desta arte e estamos por asegurar, que se van de todas as demais inclusive ata se van por encima das cortizas das tarrafas.

Son peixes de superfície, solitarios, individuais e independentes. Por esta razón raras veces aparecen pola culler a comer engado. A carne deste azulado peixe a xente dos portos de mar na querían, ademais os mesmos mariñeiros tirábana ó mar. Sempre se tirou das lanchas de tarrafa a menos que o exemplar fose grande entón lañabase e salábase para logo comela cocida con patacas tanto sen pela como peladas. Salábase porque estes peixes cando teñen bo toro por toda a parte da barriga teñen algunha graxa e por elo pódense e chegan a saber ben. Hoxe xa se preparan con outros ingredientes que antes non se chegaban a eles. Hai que dicir que é un dos peixes máis azules do mar polo que a súa carne é dun sabor moi soso, e carece de laimo.

A SARDIÑA.-A sardiña ainda que entra nas rías non é un peixe que entre a comer carnada e para máis, meterse dentro da sombra da rede. Pero sí coa luz pode entrar algunha porque xa as temos collido. Colleríamos máis nesta arte se este peixe non fose tan rápido. A sardiña é un dos peixes máis veloces do mar en curta distancia. Chega a facer a imaxe dun lóstrego cando se limpa das logromantas bocas das merluzas e do encerre da toliña. Fai coma un espello de luz cando se escapa dos nosos ollos.

Ainda que lle gustase acudir ó engado por influencia dos demais peixes, o carácter dela non llo permite xa que se manten doutra clase de alimento e tampouco non é unha especie que lle guste pararse a mirar e logo comer. Sen embargo, cando ollea a luz potente que se pon a unha cuarta da superficie, as que entran tontean igual que os demais peixes que chegan a emborracharse de resplandor. Pero como dicimos este prateado peixe non é de comer carnada ó pé da sombra dun aparello, senón de alimentarse das diminutas larvas que lle cría o mar.

Cando os señoritos escomenzaron a comer as sardiñas comíanas cos trenchantes ata que un día se enteraron que os mariñeiros as comían cos dedos, entón tamén eles fixeron o mesmo.

A sardiña para algús mariñeiros é un dos peixes do mar que mellor lles sabe. Se houbese pouquiña sardiña no mar este sería o que máis había de valer. As sardiñas asadas a hora de comelas deberanse coller cos dedos das dúas mans unhes polo rabo e outros pola cabeza, logo atravesada lobaráse ata os beizos para comerlle a primeira pancha e cando se acabe esta, virarémola para zambrarlle a outra. Esta é unha das formas máis enxebres e orixinais de comer as sardiñas asadas. Tamén en segundo plano están as rebanadas de pan onde as apousaremos para ilas comendo a gusto de cada un e xa fartos e cheos delas, remataremos comendo ese sabroso pan mollado coa graxa delas. Sempre con molete, con patacas cocidas con pela e viño tinto do garrafón, e a fartarse delas.




O POLBO.-Este molusco cefalópodo que todos o coñecemos como “pulpo”, pouco temos que comentar sobre el. Pero saber que é un ser que só lle interesa nadamais que aquilo que é agradable ós seus ollos. Se lle gusta o que está caendo cerca del intentará por todas atrapalo. Se ve que lle é dificil alcanzar a presa fai un alto no camiño poñéndose case dereito coas puntas dos raios de forma pantasmal e impresionante, como para lanzarse igual que un proxectil cara ó obxeto que el ve e que lle está levando a vida e caéndolle os ollos. É unha criatura bastante independiente, parece que dentro da súa comunidade non se coñecen. Cada cal vai para a súa cova a vivir separado da súa familia. A estes cepalópodos non hai maneiora de velos a catro ou a cinco xuntos xisgando cara a unha determinada cova. É un animal serio e cun talante prepotente e desafiante. Sempre se sinte extraño en todos os aconteceres. En terra ou en seco, sobre a poza de calquera coído ou pedregal, gustalle durmir e quentarse á raiola do sol. Cando se mete na nasa faino como todo ser vivo obligado pola fame, ignorando as artimañas do home. Pero dentro do seu mundo cando este elemento toma unhas medidas desproporcionadas, podíamos dicir que é un dos grandes e persumibles colosos do mar.

Aquí na ría ó pé da pedra nas tres brazas de calado tan pronto o cebo apousa nas mallas da culler, nun raudo e veloz asalto cos seus tentáculos apresará a carnada e na súa tranquilidade pachorrosa, con aires de poderoso e fanfarrón, poñerase a comela dentro da rede polo que en este momento tamén é sorprendido por estas artimañas. Este sabroso e popular molusco, o prato máis coñecido que temos del é o“pulpo á galega”

                    MORTE DUN BOTIÑO POR UN “POLBO”
Este animal de violencia tardía con ollos de ogro desafiante, feroz e atrevido imolo mirar xa verán que fixo... Fíxense Vostedes: Un día víñamos da bogueira faldeando a golfada do coto de Pantín, (ría de Cedeira), e como por estas augas acostumaban vir con moita frecuencia as candorcas e botiños, debeu de suceder que un destes mamíferos nun mergulle observativo, en busca dalgunha xiba ou de algún polbo pequerrechiño, non fose sorprendido por un destes grandes moluscos. No fondo das augas contra a beira ou entremorrados, cando o mamífero quixo botarlle a boca o polbo na súa alta visión, astucia e lixeireza, lanzaríase de modo vertixinoso sobre a boca do botiño quen lle iría sacando o alento pouco a pouco ata afogalo.

O pobre botiño tan desesperado co polbo pegado na boca, non cesaba de dar saltos tan altos, que todos nós nos estrañamos da maneira que os daba. Eu aínda era un rapaciño e non me decataba polo que podía ser; pero meu pai en seguida se deu conta e díxo berrando: “Fixádevos nenos, “¿a ver que é o que lle vedes ó botiño sobre a súa moleira cando pegue o salto?”. Efectivamente, segundo a explicación que nos ía dando o noso pai, cando o animal saltou vímolle un polbo moi grande zochado pola parte de enriba da boca coa pretensión de afogar ó desesperado mamífero. Contamos unhes oito ou nove saltos, pero o polbo non se lle ía ó botiño dos morros.

O espectáculo duraría cerca de vinte minutos e cada embarcación das que estábamos presenciando o caso, intentába salvar ó pobre botiño do afogamento. Todas as bucetas que había naquela mañá pola ría, xuntaranse a ver aquel raro suceso entre o polbo e o botiño, o cal, días máis tarde, aparecería morto e varado na Volta, praia desta vila, coas gaivotas encima del. Deume tanta lástima cando o vin que naquel momento aínda me acordaba do que loitara o pobre animal para fuxir da morte. Naquel intre apeneime del coma se fose unha persoa e pensei que da mesma maneira lle tocara de morrer a el podíame tocar a min si efectivamente puidese pasar por alí. Ou morrer afogado pola man dun asesino tapándonos a boca e os furados do fuciño... Así fixo o polbo co botiño que lle pechou totalmente a abertura nasal ata afogalo por completo. Collino polo rabo que case non podía con el, e á rrastro leveino ata os marauzóns, (no cimal da praia) e alí entre os xuncos, fíxenlle unha zanxa bastante fonda e dinlle agarimosamente sepultura coa inocencia dun neno. Non por ser un simple peixe, senón polo que o pobre pelexou contra o polbo para salvarse; tal como podería facer calquera home para salvar a súa vida e non morrer afogado pola man como dixemos, dun asesino. A carne deste mamífero tamén hai quen a come. A estas encantadoras criaturas por ningún concepto ninguén as debera lastimar. Deberíamos darlles todo o noso apoio ata tratalas como se fosen persoas.

O CONGRO.-Os congros son uns seres moi especiais. Cada membro desta familia vive endependente un de outro. Este individuo de cotío anda mal humorado. Por ser separatista e induvidual. Os seus comportamentos son dun ser acomplexado. Só ten ó cereixo moitas veces como fiel amigo e criado quen máis da mitade do ano, vai comendo do que este lle trai para a súa pichoca. Este cereixo fai a vista gorda, deixo ir engordando para logo nun tempo prudencial, cando o congro esteña ben torudo e non poida sair da furada para fóra papalo. Así o cereixo sen escrúpulos, iráio despedazando coas súas estranguladoras patadoiras no que de primeiras partiralle o espiñazo logo irálle ós ollos e ó testuzo e así, devoralo a gusto e ó placer del ó lado da mortal pichoca do congro.

Raras veces sae o congro da súa pichoca pero cando o fai, ou ben, é polo acoso do cereixo que o botou fora da furada para meterse el, ou porque o obligou a fame a sair. Por todo isto este ser melancólico e acomplexado, cando está vendo desde o seu furado os pedazos de xurelo, xarda, sardiña ou gorxas de bonito caer na culler, neste momento caeranlle as bágoas de anguria igual que as do cocodrilo; pero como a fame é máis poderosa que a furada na que está metido, lanzarase e irá morrongo ás ras do chan sen a penas receo en ángulos silandeiros para tragar o que ve caer da superficie.

O placer do congro é comer deitado e despois durmir. Cando sae da furada por necesidade embusca de alimento, é cando él corre perigro porque non sabe andar ceibo e de parvo cai en calquera trampa. Ten moi mal humor cando lle entra a fame. Temos estado engadando na mesma beiriña da baixa do Merlo e da viseira do Quechemarín, (porto de Cedeira), e saber a cencia certa de que alí, había algún congro; pero neste caso, nin un daba a sinal de querer entrar a comer por dentro. Este individuo prefire ir por fóra e por detrás da culler a comer todos os peixes mallados e devagados do aparello.

Moitas veces cando os pións e xureliños pequenos quedaban mallados pola parte de dentro da rede, este logromante ten vido a roernos os panos da culler. Neste caso, o congro é igual que o tiburón que traba moi enfadado para tragar a carnada e ó tempo, roer a rede a estruchóns. Sen embargo, cando de raro en raro aparece pola cara de dentro da culler, entra amodo e silandeiro, que parecendo un vergoñoso mételle a boca á carnada e trincandoa coas súas robustas maxilas, vaise lixeiriño e nadando coa súa elegancia metese na súa inseparable furada.

O congro parece como se en outras eras tivese patas porque cando traba faino tirando para atrás igual que se fose un can de presa, pero á parte disto, ten outra facultade extraoprdinaria que cando come calquera carnada que esteña presa en diverso aparello, faino coa boca pechada sobre a presa coa extraordinaria e peculiaridade xirando sobre se mesmo desde a punta do rabo ata a cabeza de xeito cal se fose un torno dun mecánico ou un eixo de cola de calquera barco. Todo isto faino baixo o seu instinto e co afán de arrincar os peixes do aparello ata que moitas veces noi consigue; pero a espodar as mallas vaise. Se non é capaz de conseguir o que el instintamemnte ve e cre, no caso que apuntamos, deixará a mostra e sinal do que nosoutros lle chamamos un churrillo, que é un rabo de aparello retorcido igual que un tercio dun cabo cun peixe esmagado dentro das mallas.

Ten a manía ou astucia que cando lle bota a boca a un peixe que está mallado, malmente nos aparellos de enmalle, a non poder arrincalo das mallas, primeiramente vaino mamando ata non deixarlle nin carne nen case espiñas. Neste proceso mamélico, é cando este solitario e mal humorado animal, rotará sobre se mesmo para que a presa se vaia esmagando, e a carne deste soltándose das mallas a base de torniquete. Por tanto quedará unha marca como dicimos no aparello, que todo mariñeiro no momento de vela, xa se da conta de que alí estivo un congro. A carne deste peixe é moi sabrosa. Prepárase en empanada, caldeirada, fritido, en arroz con centos de sabores, como tamén en toros dourado ó forno ó limón.




               EIXES QUE NON ENTRAN NA CULLER A COMER ENGADO
A ROBALIZA.- A robaliza é un peixe que por moita fame que teña, en certos sitios non entra. Pode estar morrendo de fame e desde lonxe husmando a carnada que a comería derado, pero quedandose quieta coma se pensase, non entrará, e irase do lugar pola sombra e á rastreira porque sabe que alí morrerá irreversiblemente como antes morreron as súas compañeiras. O carácter deste animal é cauto e disciplinado; por veces parece que ten intelixencia tal como un humano, por iso aínda que lle leve a vida pasar a comer coma outros peixes dentro da culler, o seu modo de ser mándalle que se vaia polo ras do fondo buscando aquelas partes onde abunden cangrexos brancos, miñocas, larviñas do limo ou o famoso “manxón”que será a mellor lambetada para ela.

A robaliza aínda que pode comer a carne doutros peixes, como é a do lirio, sardiña, xarda ou parrochiña que lle gusta moito, o pasto diario dela cando está dentro da ría, está polas praias ó pé dos golpes de mar e por todas as partes como dicimos, onde se crien eses pequerrechiños cangrexos brancos e todas as miñocas que viven debaixo das areas da praia. No inverno pola costa gústalle moito o patexo. Pero nos veráns cando veñen os costeos da parrocha, aquí fai coma todos os peixes do mar, vai tras dela porque comela para elas é outra lambetada.

A robaliza quizabes sexa o peixe máis embaladizo do mar .Cun pequeno peto irase rapidamente da parte onde esteña. Unha simple presencia que non lle guste, da media volta e vaise. A robaliza ten unha vista extraordinaria e intuición á sombra dos aparellos, pero pola noite parece despreocuparse da súa astucia causa da que lle fai caer nos aparellos coma calquera peixe. Sobre estes camiños é donde ela morre, e cando está enganchada nas mallas do aparello parece lamentarse do seu doble instinto e disciplinado modo de ver as cousas antes de darlle ó rabo. Pero de día, hai que cercala totalmente para que malle no aparello.

Cando na praia son cercadas pola rapeta, tanto denoite coma de día, todas elas intentarán irse por debaixo das pedreiras, e inclusive facerán sucos sobre as areas da praia para limparse no intre de estar por terra dos calóns, que en realidade non hai nin dous milímetros de auga. Pois aínda que non houbese nin medio dedo dela, iranse facilmente sabendo para que parte está o mar

Como dicimos, isto sucede de día, pois ningunha entra na copeada da rapeta ata recoñecer o andar dos pés dos rapeteiros. Fíxense vostedes quen é a robaliza que mointas veces tense ido algunha por terra dos calóns coa barriga á rastro fendendo á rea mollada pero totalmente en seco de todo, e dandolle ó rabo, ten logrado escapar. A robaliza desde sempre foi moi perseguida tanto cos tramallos coma cos embalos e despois coa dinamita. Os estoupamentos deste explosivo na xenética deste astuto peixe marcou tal desconfianza, que ata sinte os pés da xente cando andan polas praias como tamén o rinchar dos remos cando os mariñeiros van vogando nas chalanas.

Por isto e por outras cousas máis, este peixe déixase ver moi pouco aínda que sempre está ó pé da pedra e da beira da onda. Sen embargo, todas estas virtudes que rodean a esta astuta criatura parecen desplomarse cando isto sucede. Moitas veces de día sabemos que onde estamos pescando hai robaliza e que non quer comer porque non lle da a gana; pero, ¿por qué? Evidentemente pode ser polos motivos que acabamos de dicir. Si, ¿pero cal son as razóns que a obligan en pleno sol a comer á cullerilla ou o chivo? ¿A fame? ¿A zuna? Se durante o ano ten varias tempadas que pasa fame doente, e por conseguinte está vendo a carnada diante dos ollos e na come, e así, de repente un día inesperado quentando o sol a paxaro morto, ou ben de treboada, entran ó chivo, a cullerilla, e ó que lle poñas por diante. ¿por qué?

Os pescantís de robaliza cando non comen din que non están para comer, e cando comen, din o contrario. Sabemos que todo ser vivo depende do seu alimentos e cando lle falta, trata de buscalo a toda costa. ¿Cal é pois a conclusión de que este peixe cando ten fame non come? Tódalas criaturas que viven dentro deste planeta están suxetas a padecer como seres vivos, as súas enfermidades e os peixes tamén se debilitan e enferman; pero ós nosos ollos, como os vemos vivos e coleantes, parécenos que esta clase de seres, nunca enferman.

A nosa opinión estriba en que o animal cando isto lle sucede pode estar verdadeiramente transido de fame, pero ó estar imbadido pola desconfianza, terrible enfermidade da robaliza, o pobre animal non está para comer como din os robaliceiros. Pero temos que deixar ben claro para todos os mariñeiros e pescantís de terra, alí, onde haiba peixe sexa da clase que sexa aínda que non coma en todo o día ou nunha semana, nunha simple volta da marea que ven a ser a “repunta” (ou o escomenzo do fluxo), comerá a degollo.

Tanto mariñeiros coma os pescantís de terra, han de saber que o efecto da auga de chea para todos os peixes do mar, é unha das maiores influencias para que eles entren a comer. ¿Por que? porque desde que este planeta da volta, as correntes mariñas foron e seguen sendo as encargadas de traerlles nos seus regazos as abundantes caldaretas co almorzo, co xantar e coa cea. Por todas estas eternas costumes que se fan realidade baixo o poder da natura, a robaliza como o resto dos peixes do mar, que dependen do que lles traiga a marea, comen sempre nas augas de chea. A robaliza presume de ter unha carne sabrosa e exquisita, por todo elo, case sempre en todos os mercados, mantivo un alto prezo. Prepárase de varias formas.: Sempre enteira, ó limón, á plancha, ó sal, e en salsa. Tamén fritida ó mariñeiro bañada con salsa de cebola pan de molete, alvariño e que aproveite.


O SALMONETE.-O salmonete é un peixe moi manso dentro do seu ambiente familiar. Armonízase moi ben coa súa irmandade. Nas partes das rías onde se crían e se criaban estes acantopteríxios, estaban abastecidos de ricos ingredientes alimentícios e se mantiñan a corpo de rei todas aquelas significativas madas que se repartían por varios cebadoiros ou criadoiros ó longo das rías galegas.

Hoxe a contaminación tapoulles aquelas zonas onde eles coas súas propias liñas postas nos seus beizos, pescaban as súas diminutas larvas. O salmonete é un peixe moi dócil; se se chegase a criar pola beira da onda, poderíano collelo os cativos coas mans. Cando lles cai a terrorífica volantilla diante das súas barbas, non se enteran e non queda un.

Os salmonetes cando se ven cercados, son tan irmáns que se poñen nun bolo todos xuntiños que ata que a rapeta non chega en terra, non saen de diante da fisga da rapeta. Teñen o mesmo instinto que as robalizas o intentar irse por debaixo das pedreiras que por sorte, moitas veces consiguen o seu propósito. Eles saben que son as partes por onde poden fuxir. O salmonete é un peixe que non entra a comer engado. Non se imuta aínda que as embarcacións tiren o debullo de calquera peixe ó mar. A todo isto non acuden para nada. Os salmonetes é unha familia moi pegada a se mesma. Sempre se ven en maduchiños todos xuntos e ningún anda por separado.

Os fondos das rías para estes animás coma para a maioría de todos os demais é unha das mellores despensas para reproducirse; por eso sabemos que eles coma o resto dos peixes que entran nas rías, mantéñense nos cebadoiros que son varias zonas do fondo que crían certas xebras e estas unha gran cantidade de diminutas larvas para que todos os peixes coman desa despensa. A todas estas zonas de gran alimento ou pastos chamámoslles “cebado”.

Pero como dicimos, ó salmonete sobraríanlle alimentos nas rías se non estivesen as súas augas contaminadas. Na nosa acordancia non está memorizado de que collésemos salmonetes na culler. A este peixe tan pronto chega á cuberta da embarcación o primeiro que lle fan os mariñeiros, é escamalo para que despois dunes minutos se poña encarnadiño ou roxo coma as brasas do lume. Pero senón se escaman quedanse no seu pálido cor. A carne do salmonete é moi apreciada. Un dos pratos máis sabrosos deste peixe é asalo ó forno a fogo lento; pero para outros prefiren comelos fritidos con molete e viño.



O CREGO.-O crego antiguamente segundo un dito, era o peixe que comían os curas. É da familia da liberna. Hai quen dí que son libernas pequenas e que nunca medraron máis ...De carne branca e moi apreciada. Abunda moi pouco. As partes que el frecuenta son as zonas máis duras das rías. Ten que rastrear moita praia para poder manterse. Cando arriban os grandes costeos de patexo e se meten nas rías, estes cregos engordan e aínda que nos pareza mentira saben mellor. Ademais as súas crias morren menos pola abundancia de alimento. Por este proceso multiplícanse máis as súas crías.

O crego tampouco acude ó engado xa que os seus alimentos están á ras do fondo, polo tanto é moi raro que suban á superficie a non ser que vaia á tras do pión do rodaballo, e este ande algareado. Polo regular este animal sempre anda pola arrastreira. Cando o patexo vai desaparecendo dos limpos das rías estes cregos sometense a pescar coas súas barbas que teñen debaixo do bico. Este peixe na actualidade polo que se ve en case todas as rías galegas está case estinguido. A carne del é branquiña e nas caldeiradas sabe que esmecha.


A BARBADA.-A barbada segundo un dito, disque di, que para pescalas, hai que asubiarlles. Os parláns que ían a elas polas pozas das penas cando non lles picaban, ese tempo perdido pasábano asubiando. Moitos pescantis fai moitos anos cando ían pescar á costa tiñan o costume de levar o can con eles. O pobre do can nunca foi moi amigo do mar a senón que o obrigaran. Mentres que o dono pescaba e o canciño quedaba só sentado na herba, o amo para saber se o can estaba no sitio e viñese para xundo del asubiáballe. Se logo neste momento do asubio picaba algunha barbada, o pescantín xa se lle metía na moleira que para pescar barbadas habíalles que asubiar. Os peixiños teñen as súas horas para comer e fano cando teñen esa necesidade, e por conseguinte son nos intres do desembalo e como dixemos, coa influenci da repunta da marea. Non necesitan nin queren asubios nin queren pétos, o único que necesitan as barbadas é comida augas craras e silencio.

Raras veces entra na culler a comer engado; pero nas zarandas entra con facilidade, maiormente a comer a carnada salada. A barbada é un peixe que para alimentarse ten que servirse das súas canas de pescar que son as barbiñas que ten pola parte inferior da boca, as cales deixaraias cando ela se enterre sobre a toneira da fangueira ou da area branda, quen pescará tamén larvas para estoupar de chea.

A barbada só vive en augas repousadas, ou nas pozas dos pedregais en coídos da costa ou tamén nas partes das rías onde se apousan tódolos lixos das augas mortas. Alí onde podreza a xebra e os fondos se convirtan en areas brandas. Este é o sitio ideal para elas onde toman un corido verde-amarelo. A carne da barbada é riquísima, pois para saboreala con pan fresco e sidra hai que fritila.


    SALGAZÓN DA SARDIÑA
          Foi un tempo de moito trafego, de moitas coitas que pesaban nas costas de tantas e tantas familias mariñeiras. Un tempo de esmago na escura senda da contínua procura de acabar coa fame de vestir os osos e as caveiras de carne.

          Nas fábricas de salgazón cando se salgaba o peixe tanto de sardiña coma de mocarte, había que ter un tino moi bo ou unha técnica sobresalinte. Non todos os que andaban nas fábricas sabían equilibrar o punto exacto da salmoeira. Para facer esta salsa de sal e auga, primeiramente escollíanse os píos nos cales íamos encher de mocarte ou de sardiña. Na esquina de cada un colgábase un paxe con sal e logo cunha mangueira íase derretendo. Cando este se acababa, cunha pa, íaselle botando máis sal no paxe e así sucesivamente ata poñer o pío un pouco menos da mitade de salmoeira ou a que un quixese facer.

          Para saber con exactitude se a salmoeira estaba a punto, tirábaselle unha pataca a ver se nadaba, e si esta nadaba, era que a salmoeira estaba no seu punto. Sen embargo, había outras persoas un pouco máis excrupulosas e expertas, que á verdade non se fiaban da pataca porque algunhas veces con este procedemento teñense perdido parte do peixe de algunhes pios. A proba estaba que unha vez a sardiña asentada no tabal, víase que toda a parte da cabeza por todo ó aredor da gala, aparecía acorbatada (ensanguentada) e desta maneira representaba moi fea, e por esta presencia e razón, venta ó público, perdía valor.

Había fabricantes que tiñan a persoas moi entendidas e competentes nesta materia. Estes encargados de salgar non se fiaban da pataca ainda que era unha das bases principais do salgado. Facían igual que os captadores de viños, no que collían unha pouca de salmoeira nun cazolo e paladeándoa entre beizos e lingua, que se o captador de salmoeiras se dicía que valía, dexábase sazonar unhes días. Logo cando se quería usar collíase un longo remo e coa súa pa “repaleabase” toda ela e ó intre de ila revolvendo saía do pio un cheiro que recendía á gloria.

Por isto xa se sabía que a salmoeira estaba en perfectas condicións para salgar, ademais cos seus correspondentes 24 e 25 graos de salinidade. Pero ás veces a salmoeira tamén se picaba e se perdía. Había que tela moi limpiña e non chegase a estar barrenta. Tiña que estar sen ningún escamallo e sen rascallo de tripas polo fondo do pio. Había algunhas mulleres que polo seu cheiro e pola súa cristalización ou nitidez auguenta que contiña a salmoeira, xa sabían de anteman que este líquido salínico xa estaba en perfectas condicións para botarlle peixe; por esta razón estas persoas, preferían levala á boca e asegurarse ben para que o peixe non se perdese.

          Cando se mercaba o peixe cando os barcos viñan do mar, as lanchas destes tarrafeiros viñan atracar ás praias para descargalo. Entón acto seguido as mulleres metidas ata os peitos no mar, e pegadas ás dúas bandas de cada lancha para que os homes chantados no peixe íanlles enchendo os paxes e poñéndollelos ás mulleres na cabeza tanto que fosen de mocarte, de xurelo ou de sardiña. Estas mulleres viñan desde a beira do mar directamente ata as fábricas; pero antes de emborcar a sardiña nos pios, había que medila por un caixón cunha capacidade de 50 kilos; pero o peso total e oficial dunha medida, eran 2 caixóns, 100 kilos.

          A medida que a sardiña se ía emborcando no engaretado de táboa que estaba situado encima doutro pio, un home ou unha muller cunha patela na man íalle esparexendo sal de forma redonda e así fose collendo sal. Logo cun rodo íase tirando ó pio e coa pa dun remo, procurábase “repaleala” para que non se formasen bolos de peixe, senón que debía quedar ben solta e nivelada procurando sempre que o peixe nadase ben folgado dentro da salmoeira sempre coa procura de que non aparecesen despois dun par de semanas, bochos dela pola superficie.

Despois de estar o peixe na salmoeira ben distribuido e ben aparexado, pechábase todo o pío cunha boa capa de sal ata o pundo de que non se quería ver nin a simple punta da cabeza dun peixe. Ás dúas semanas de estar a sardiña na salmoeira malmente no mes de agosto, había que quitala do pío pasala por auga doce e ben decorrida en tibérios, (caixiñas con dúas asas e aberturas para decorrer) xa se podía empacar nos tabais e acto seguido pasala á prensa.

           A capacidade dos píos non se axustaban a unha medida determinada, habíos de 30, 50, 80, 100. medidas. Igual pasaba cos tabais grandes que con sardiña parrocheira, podían meter ata 650, sen embargo, o tabal máis pequeneiro ás veces con sardiña grande non collían máis de catro centos. Por esta parte de Ortegal a sardiña prensada en tabal chamábanselle “arenque”e estaban á venta por todas as tendas de comestibles. Tamén eran transportada para todos os puntos de España.


                       SALGAZÓN DO MOCARTE
          Sabemos que os italianos foron os pioneiros da exquisita elaboración da anchoa e que entraron en Galicia sobre o ano1902 e 1905 tempos en que as traiñas foron desaparecendo das rías galegas para tomar poder a nova arte da tarrafa. Eran os italianos quen poñían en marcha o proceso da elaboración da anchoa, polo que a partir do ano 1925 segundo o meu benquerido amigo e compañeiro “Josechu” quen recolleu esta información para a Revista “Litoral Norte” que entre os dous con moitos debezos durante seis anos fúmola editando.

Pois destes italianos entre a última data que apuntamos “foi o fillo de Francesco Virzí, Giovani Virzí, o que chegou a Cariño como encargado dunha fábrica de salgado situada nun lugar chamado “o forte” ”. “Gracias a esta información de francesco Virzí, descendente de italianos principalmente de Sicilia (Trapani e as illas Egadas)” Tamén a Cedeira, sobre 1930 chegaba outro italiano chamado Angel Bosco Geolini, quen merca a fábrica de salgazón dos de Martínez que estaba no cimal da praia desta Vila, hoxe no centro da Praza do Paseo Marítimo. A pasar a fábrica para o Señor Bosco, este bautiza co nome de “A Tripolitania” quen se adicaría por completo á salga da sardiña e do mocarte. Vendo os bos resultados da laboura deste home durante varios anos, a xente pasou a chamrlle á grande nave : “A Fábrica do Italiano”, ademais disto, era a que mellor traballaba e a que máis fama tiña.

          Salgar o mocarte requería moitos coidados para elaboralo ben. O primeiro proceso era igual que o da sardiña. As mulleres desde as lanchas que estaban na beira do mar descalzas e molladas, eran as que carrexaban en paxes ou en caixas o mocarte para as fábricas. Dentro da fábrica por parte da compaña do barco, había dous mariñeiros para contabilizar o numero de medidas de peixe. As mulleres que viñan desde as lanchas que estaban metidas no mar, ó chegaren ás fábricas cos paxes na cabeza, estes dous mariñeiros, quitábanllelos das súas moleiras para ir enchendo o caixón da medida e á vez contabilizando. Ó momento de estar cheo o caixón, os dous homes birábano no chan dun engaretado de táboa que estaba situado ó pé do pio onde se ía botar o peixe.

          Nisto, e acto seguido, unha muller encargada de salgar o peixe cunha patela ou bandexa de pau chea de sal, lanzáballo polo aire en forma de nube para que todo aquel peixe que biraban sobre a táboa, quedase todo el cuberto de sal da mesma maneira que se lle caese un chuvasco de granizo por encima del. Logo cun rodo en forma de media lúa e cun mango curto, íase tirando para o pio. A medida que se ía tirandoo mocarte na salmoeira tamén se ía esparexendo sal por encima del. Cando xa se acababa o peixe da lancha viña un mariñeiro acompañando á última muller para dicirlle ó fabricante que xa non quedaba máis peixe a bordo. Despois disto, procedíase a pechar o pio cunha boa capa de sal polo menos de tres ou de catro dedos de altura. Logo despois de dúas semanas xa se podía elaborar. Había fabricantes que despois de acabar de cubrir o peixe de sal sobre toda a superficie do pio, poñíanlle unhas táboas atravesadas no pio e por riba destas, unhas pedras grandes para que o peixe fose baixando.

          O mocarte para quitalo do pio usábase uns salabardos de longos mangos. Tiñan forma de cazo e con malla de alambre sobre a circunferencia do ferro, todo colocado na punta do couce. Con estes salabardos íase botando en tibérios que eran caixiñas pequenas con dúas asas e con aberturas polos lados para que decorrese o peixe, e para que as mulleres o baleirásen nas mesas. Logo había que estripalo e despois disto, pasalo por auga doce; e unha vez decorrido dentro dos tibérios, xa se ía levando para as barricas onde as mulleres o ían empacando dentro cunha vía de sal e outra de mocarte. Así, sucesivamente ata sobrepasar unhes catro dedos por enriba da boca ou do aro da barrica. Isto facíase porque ó derreterse o sal, o peixe ía baixando e moitas veces, se había que engadirlles mocarte, engadíaselles.

Sen embargo, outros fabricantes preferían ilo nivelando todos os días ata que todo o corpo do peixe estivese máis prensado dentro da barrica. Acabadas de poñer e sobresair as vías de mocarte por enriba dos últimos aros das tercias e das barricas, xa se procedía a peñerlles unha pequena tapa de madeira que se chamaba “espiche”. E despois de espichadas todas as barricas e tercias, xa se lles ía poñendo os grandes pelouros que xa estaban separados encima deste espiche. Se a barrica era de 300 kilos había que poñerlle un peso aproximado de 170. e se era de 150, sobre 90 a 100 .Había moitos tipos de barricas que ían desde 30, 150, e 300 kilos.

Despois de todo isto, había que ir ver as barricas todos os días e regalas con salmoeira vella para que así tomase maior sabor o peixe. Por iso era menester conservar a salmoeira vella para conseguir o gran sabor da anchoa. Pasada unha tempada cando xa o filete do mocarte ía collendo a cor da carne, xa se dicía que o mocarte estaba madurado. A partir da quí, os fabricantes xa o podían vender a outros mercadeires e estes ilo colocando polas tentas tal como ía na barrica; pero tamén se comercializaba á parte das barricas, en bombos de 25 kilos. Anos máis tarde xa serían outros novos industriais conserveiros quenes virían mercalo a estas fábricas de salgazón cos seus camións para levalos cargados de barricas e de bombos para logo elaboralo en latas pequenas con aceite puro e refinado.



                     ELABORACIÓN DO ESCABECHE
          Tanto o xurelo sardiñeiro como o xurelón, a industria conserveira elaborouno moito tempo nos primeiros albores do escabeche. Era empacado en bombos de varios tamaños. Habíos desde 2, 3, 4, 5 e de 11 kilos cada un.
Este peixe ó chegar do mar ía directo á fábrica tanto desde a praia como do peirao. O peixe poñíase nas mesas ou á carón do limpo e baldeado chan da fábrica. Logo estripábase e unha vez o peixe sen tripa, pasábase por unhas tinas con salmoeira, e cando o peixe collía o suficiente sal, pasábase por auga limpa para que fose ben limpiño, e unha vez decorrido, asentábase moi aparexado en parrillas de alambre. Cando xa había varias cheas, metíanse no cocedor, e unha vez o peixe cocido quitábase do forno e deixábase enfriar. Se era xurelo sardiñeiro, xa se empacaba moi escabechadiño directamente da parrilla ó bombo. Só levaba vinagre rebaixado en auga, unha póla de loureiro e media cabeza de allo. A este xurelo poucas veces se lle engadía colorete de pigmento en aceite. Sen embargo, ó xurelón (chicharro grande), despois de pasar por todo o proceso de limpeza coma o xurelo sardiñeiro, igualmente ía ó cocedor e unha vez este xurelón cocido e totalmente frio, xa se metía nas pailas a fritir. Cando xa este peixe ía ben estarruxado, xa se procedía a quitar as pariillas das pailas. Despois de aquí levábanse ata as mesas para ilo empacando nos bombos.

           Estes bombos cando ían cheos un pouco por enriba das tapas, cun cazolo íaselles botando vinagre rebaixado en auga, logo colorete de pigmento en aceite, loureiro e allo. Estes ingredientes eran os que nós lle chamábamos a “prebada). Despois disto, os bombos pasaban por unha máquina para pechalos por completo. Rematado este proceso, tódolos bombos había que ilos metendo no cocedor para que collesen certa temperatura. Cando xa quitados do vapor se nestes bombos aparecía algún bocho, xa se ían separando para picalos e quitarlles o aire. Acto seguido, había que pasalos polo soldador e cunha gota de estaño pecharlles o furadiño. Para ultimar a faena, os bombos pasaban de novo para outras mesas onde se lles limparía con serrín de pino toda a graxa que durante todos os procesos ían arrastrando. Pois con serrín e cun trapo limpo, quedaban os bombos brillantes e relucentes. E todos eles segundo o seu tamaño, íanse poñendo en castelos onde daba xenio velos polo ben que quedaban dentro das fábricas.



             ELABORACIÓN DA SARDIÑA EN ACEITE
          Naqueles precarios tempos era cando máis sardiña había nas infinitas chaeiras dos océanos. A sardiña, xurelo, mocarte, xarda e badexo, supoñían a maior riqueza dos nosos litorais. Mais o aceite veu a ser despois da nosa Guerra Civil, un dos máis grandes apulos para a nosa industria conserveira, gloria a saber que abasteceu tanto a Galicia como ás diferentes provincias de España.

Nesta parte de Ortegal cando a sardiña chegaba do mar despois de mercala os fabricantes, ía directamente ás fábricas. Aínda que todo era monótono e o traballo das mulleres era o mesmo para os oillos da xente, moitas veces había diferentes matices que te conmovían en ver a criaturas convertidas en tranporte humano. Eran as pobres mulleres tanto viuvas como rapaciñas preñadas, que se tiñan que meter no mar ata a barriga e outras veces por debaixo dos peitos.

Elas tiñan que termar dos seus paxes e das súas caixas pegadas ós corredores das lanchas para que lle los enchesen de peixe. Unha vez cheos os paxes, dous homes de a bordo, axudábanlles a erguerlles e a poñérllelos encima do seu molido que era unha rosca grande de trapo que as mulleres poñían na cabeza para non lastimarse. Así, dez ou doce escravas por cada lancha, e con dúas ou con tres caixas á cabeza, todo este peixe transportaban. (escravitude)...

Isto pasaba cando as lanchas viñan moi cargadas e quedaban moi fóra da beira onda. Polo tanto as mulleres tiñan que someterse a entrar no mar e resistir a friaxe das augas nas súas fracas carnes que existían naquel tempo, pero a necesidade afanaba aquelas mulleres e cativiñas a poder conseguir un par de pesetas para mercar un par de libras de pan para comer os seus irmáns ou os seus fillos.

          A medida que as mulleres ían chegando co peixe á fábrica, dous mariñeiros do barco, un por cada lado do caixón de medir o peixe, íanlle quitando a caixa ou o paxe da cabeza a cada muller para baleirala en dito caixón. E á vez, tiñan que ir contabilizando as medidas do peixe. Cando este ía cheo os homes birábano no limpo e baldeado chan da fábrica, mais cando era pouca cantidade botabase nas mesas. No intre en que se baleiraba o caixón, a sardiña quedaba extendida sobre o chan, e neste momento con unha patela foulábaselle sal polo aire para que quedase -como dixemos no outro apartado,- ben cuberta o mesmo que se lle caera por encima dela un chuvasco de neve ou de granizo.

           Logo as mulleres comenzarían a escabezala e a estripala. Despois de aquí, íase botando para un pio de salmoeira. Unha vez que a sardiña tomaba o sal, quitábase do pio cun salabardo na que se ía botando en tibérios. Logo había que pasala por auga doce e acto seguido, unha vez decorrida, xa se asentaba nas parrillas e por conseguinte, xa se metían no cocedor. Despois de vinte ou de trinta minutos dentro do forno, había que sacar as parrillas do cocedor e unha vez estas fóra, había que deixalas enfriar para que a sardiña non partise á hora de empacala.

A estar a sardiña fría, con esmerado coidado, xa se ía empacando nos bombos. Despois de empacada deixábase un día á mollo (repousar) e ó día seguinte xa se pasaba a botarlles o aceite puro e refinado (transparente). Despois de estar outro día en aceite, xa se pechaban os bombos cunha máquina, e unha vez todos pechos, xa se ían pasando para o cocedor para que collesen certa temperatura e esta descubrise o aire acumulado que cada bombo podía ter.

A medida que os bombos se ían quitando do cocedor, xa se ía mirando para cada un a ver cal deles saía con bochos. Os que saían con estes bultos xa se ían separando para un lado e sen demora, xa se procedía a picalos cun punzón para quitarlles o aire. Logo se lles aplicaba o soldador e cunha gota de estaño, tapábanlles os furadiños. Cando todo acabado, os bombos pasábanse para unha mesa co fin de quitarlles a graxa pegada a eles con serrín e cun trapo limpo, para que quedasen brillantes e relucentes.


                       A TRIPA DO PEIXE E O SAL DE RESALGA
          A tripallada de todos os peixes que se elaboraban nas fábricas tanto de conseva como de salgazón, tirávanse na tripeira que estaba nunha cabana de madeira ou de ladrillo, á cal botábaselle sal para que non criase bermes e así podela vedender ós labregos como a bono para as súas leiras. Moitos señores das aldeas viñan cos seus carros de vacas a mercar sal de resalga e ían cargados de sacos.

          Ó lado desta gran pila de tripa misturada de morca, había outra máis grande de sal de resalga que tamén se vendía para as aldeas, e así, o gado bebera máis cantidade de auga e desta maneira suplira mellor a fame que cada animal puidese padecer durante o día. Entón co sal os animás comerían mellor o seu caldo de berzas e a auga deste, chucharíana ata deixar o baldre en seco. Tanto a xente coma o gado mentres bebían e tiñan a bandoufa chea de auga, nos transía a fame.

          O sal de resalga era o que se quitaba dos pios. Viña a ser aquel que antes había salgado a sardiña e o mocarte. Cando había que renovar a salmoeira de calquera pio, o sal vello que estaba no fondo de cada cal, habíao que quitar debido a que xa non valía e perdera case a totalidade de graos de salenidade ou de forza salínica. O sal de resalga saía dos pios de cor amarelo pola influencia e cantidade de graxa (saín), que despedían os peixes. Esta graxa pegaxenta ó traveso dos meses que nadaba pola toneira da salmoeira formando capas compactas, no que se convertía en masa chamada morca, polo tanto a morca como toda a tripallada que se tiraba na tripeira, chamabase mougada.





                                  A CACEA PRIMITIVA
                                      Arte de pesca menor e de arrastre
Esta arte de pesca procede da simple e primitiva liña da que durante séculos, os mariñeiros pescaban de forma vertical. Desde o paleolítico cabernario os peixes sempre lle insinaron a pescar ó home. Polo que viría un día en que había de nacer esta cómoda modalidade de arrastrar as liñas pola popa das embarcacións horizontalmente. No devalo dos ventos, das correntes, das agarras, na caida das agaxes e dos algaretes aquelas embarcación descubriron esta comodísima maneira de pescar.

Este sistema traería a gran ventaxa de poder desprazarse para tentar e ir a voga lenta, a distintos mares de peixe. Os mariñeiros terían máis liberdade para atopar os peixes e non estar fondeados horas e horas perdidas esperando a que o peixe lles viñese a picar ás liñas. A medida de que este xeito de pescar acadaba ventaxas económicas, aínda que tamén supoñía un gran esforzo ter que vogar unha mañá enteira, ou todo o día de Deus, e a pesar de que o traballo era a base de remo e vela, cada ano había máis embarcacións adicadas a esta pesqueira. Por tanto, esta arte tan práctica, cómoda e divertida, ó traveso dos tempos foise facendo universal.













                     A CAZEA DO BONITO
                            Arte de pesca maior e de arrastre por superficie
A cazea do bonito é para usala sobre a superfície de tódolos mares, polo tanto só vale para arrastrala por esta auga, pero as demais, están feitas para traballar con elas entre-augas, ou polo sobrefondo que é a parte por onde mellor traballan e por conseguinte desde as 65 brazas de profundidade para terra. As primeiras cazeas do bonito escomenzaron a usarse nas lanchas de remo e vela nas que andaban de sete a nove homes de tripulación nas augas do mar Mediterráneo, logo do Cantábrico e Atlántico. A maioría das cazeas eran armadas con chumbo e sen el, pois por conseguinte, as que primeiramente agarraron os bonitos foron as que non tiñan chumbo, ademais, en vez de poñerlles o lazo roxo poñíanllo branco.

Estas antigas ou tradicionais cazeas, que comenzaron cun só anzol logo pasaron a ter dous acompañados dun trapiño branco. A medida que os anos foron psando o lazo branco foi desaparecendo e impoñendose o roxo. Con estas figuras de distintos cores, sigueuse pescando con elas ata o ano 1949, 1955, e sen variar case nada as caprichosas figuras con que se pescaban os primeiros bonitos. En esta costa de Ortegal antes de que chegasen os barcos de vapor os nosos mariñeiros só coñecían o famoso e antigo “chivo” que como dixemos, estaba formado por un peixiño de chumbo, con barba de cabra que metida dentro da barriga deste, saía para fóra do rabo unhes 5 centímetros co fin de taparlle os anzois. Logo había as que tiñan forma de sardiña, de mocarte e de parrocha, e a súa medida oscilaba desde 8 a 10 centímetros de longura cada un.

Estas últimas figuras chamadas tamén chivos, os mariñeiros deste litoral antes de escomenzaren a pescar con elas, tíñanos que rascar coa cota da navalla ata poñelos brillantes igual que a prata para que dentro do mar parecesen peixes vivos. Sen embargo, na cazea do bonito non aparece a palabra “chivo” senón “pé”que está formado por dous anzois unidos, unha folla de mainzo e esta debe ser a que está pegada ó grao da espiga, e dita folla debe convertirse en cabelos dourados e ben peinadiños ó par do seu lazo roxo e se queremos tamén branco coas correspondentes cinco ou seis brazas de alambrada para rematar o “pé”.


Todas as cazeas que acabamos de mencionar perteneceron ós vellos albores de cando reinaban as antigas artes de pesca. A partir dos anos 1955 e 1957, a maioría dos boniteiros escomenzaron a levar cazeas de tansa e cada patrón de pesca dispoñías ó gusto del. A popa ían cinco liñas: dous codos e tres moscas. A proa por cada banda un “chingolo”con dous pès, caendo estes debaixo de cada vara. Logo as dúas varas en forma de alas a caer por cada costado e cada unha non debía pasar da longura do barco. Estas varas ían provistas de catro cazeas chamadas: punta, segunda, terceira e couce.

Os peixes halábanse a man, pero cando se chegaba ó alambre ou a alambrada, habíaos que “codear” (guiar a liña mediante a punta dos dedos e tamén coa punta dos codos había que halalos para que a forza do bonito non che puidese xuntar as mans). Hoxe xa non se halan as cazeas á man, son os haladores hidráulicos quenes halan os bonitos e tranos ata o costado do barco e con só darelles gancho basta. Imos pois sumar as caceas que normalmente levaba un boniteiro normal.

Son 17 pés de 15 cazeas deste boniteiro que acabamos de diseñar.: catro pés dos dous “chingolos”, catro de cada vara, dous codillos, dous das dúas moscas, e un da mosquiña que é a cazea máis curta que vai a bordo e que vai xusto encima da roda de popa. Na actualidade os pés para o bonito siguense facendo máis ou menos igual, pero á parte dos pés do bonito e dos chivos antigos e tradicionais, hai tal abundancia e variedade de figuras modernas, que xa un non sabe cal delas ha de escoller.




                          OS VASCOS E NOSOUTROS
                                      A punto de abordaxe
Corría o ano 1957. Aquel día do mes de xullo nosoutros estábamos sós.Andábamos caceando coas varas e de cada viravolta íamos aferrando algún bonito. Serían as sete da tarde cando un boniteiro vasco vén vindo para a nosa zona.Parou e comenzou a engadar con parrocha viva e regar coas mangueiras. Logo botaron as canas ó mar e ó pouco tempo xa metían a bordo os bonitos que querían. Nosoutros que non pescaramos case nada, tamén o necesitábamos .¿Qué fixo o Cuca, patrón de pesca?, mandoulle ó de costa que era Herminio del Río, que se aproximase a dito barco.

Así foi que ó pasaremos ó pé del vímoslle toda a cuberta abarrotada de bonitos, e nisto, saltaron as liñas das nosas varas: puntas, codos, chingolos, moscas e máis que houbese. Metémolos a bordo e volta de novo. Pero esta vez pasamos máis cerca deles, que nos berraron ó pasar. Nisto, a eles, de repente, váiselles o peixe. Nosoutros que aínda non acabáramos de meter a bordo os bonitos da última viravolta, vimos vir a toda a marcha aquel barco con rumbo a nosoutros e cos homes a proa con coitelos e barras de ferro nas mans facendo acenos de matarnos e de botarnos ó fondo.

Nosoutros ó ver tal semellante amenaza démoslle máis avanate, pero como andaba máis que nós cada vez estaban máis preto de nosoutroa. De alí a un pedazo dous barcos máis que eles os chamaran por telefonía sumáronse como corsarios atrás nosa para botarnos apique. Así fomos a toda a marcha na proa deles uns dez ou quince minutos.

Pero vendo que aquilo podía ser moi grave e acabase nunha sanguenta abordaxe, tentouse abrirlle toda a marcha ó motor; pero nin con iso éramos capaces de fuxir deles, polo que cada vez os tíñamos máis encima de nós e case nos saltaban a bordo. Tentando outra alternativa o patrón de costa díxolle ó motorista berrando desdo o ponte: “Pepe, vale máis que lle arrinques o precinto ó motor. Veña, quítalle a variña que nos van saltar a bordo”

O motorista fixo o que lle mandou ;entón a lanchiña empezou a saltar de proa como se fose un cabalo.En seguida notamos que nos afastábamos deles de maneira superior, mais logo con acenos burlescos fúmolos deixando na manga do Vendo que estábamos zafos do ataque daqueles vascos o tripulante Adriano do Cuca, xurdía do rancho porque antes escapara de medo ós coitelos.

Pero outro tripulante que era Manuel o “Neto”, sen que ninguén lle mandase, baixou os pantalóns e insinoulles o cu como burla do dersafío. A noite veu enriba, ceamos e ata o outro día. Pola mañá, en pleno amanexo, cando estábamos botando as varas ó mar, non sei como miramos e outra vez vimos vir o barco pantasma rumbo a nós pola cara de popa, pero antes de chegar a quentarnos, fuximos del.

De alí, a unha semana fumos vender á Coruña e cando íamos atracar ó peirao, vimos o barco que nos quixo botar ó fondo. Saltamos en terra e en seguida lle mandamos un recado ó patrón de dito barco por un tripulante del no que lle encarecíamos que saltara en terra porque queríamos convidalo a tomar unhas copas...Catro da nosa tripulación agardábamos en terra a ver se o víamos vir. Veo o mariñeiro e díxonos: “A bordo no está, debe de ir en tierra”.

Miramos e volvemos a preguntar pero no demos atopado. Foi mellor así...gracias que os grandes enfados tamén pasan. Unhes meses máis tarde o patrón de costa Herminio del Río, estando na Comandancia de Marina de Ferrol, atopouse co patrón do barco que nos quixo botar ó fondo, os dos falaron e o patrón vasco recoñecendo o seu fallo, pideu perdón.











                              O PALANGRE DO CONGRO
                             Arte de pesca maior, fixa e de enganche.
A arte do palangre ten tres variantes: de fondo, volante e sobre fondo. Está constuida por unha longa e delgada relinga con brazolíns, mamotes e anzols. O longo de cada palangre é de 5 fuxas (madeixas) de corda que tenden 150 brazas de longo. Os brazolíns que teñen media braza de altura, van distanciados un de outro dúas brazas. Os anzois desta arte oscilan desde o número 3, 4, 5. Os mamotes engarzados nos anzoios, non pasaban de catro dedos de alto.

No seu principio a relinga do palangre chamada “nai”, era de cáñamo como tamén os brazolíns e mamotes. Esta arte aínda que colle diferentes peixes, foi feita exclusivamente para o congro. Xa corrían os tempos modernos e aínda se seguia pescando coa corda de cáñamo, sen embargo, os mamotes deste fiame, pasaron a facerse de algodón por ser máis resintentes ós dentes do congro.

Durante moitos centos de anos a carne do congro abastecíaa a moitas prazas e mercados nacionais. Aínda nos días de hoxe a empanada de congro está nas primeiras filas dos bocados exquisitos. Polo que en todos aqueles tempos cando se falaba do palangre era falar do congro.

A partir do 1943 esta arte evoluciona en diversas variantes. Os mariñeiros acostumados de toda a vida a pescar o congro ó pé da costa, non se lles pasaba pola imaxinación que polas 100, 150, e 200 brazas dos cantís, e as caídas dos grandes picachos dos mares de fóra, habería congro, ademais do da barriga branca. Ó pé da costa xa se sabe que é bo sitio del porque durante o ano solta comida das penas da que arrincan os fortes golpes de mar. A maneira de atoparen estes peixes foi cando algúns mariñeiros se foron facendo cos seus barcos capaces de lovalos ós mares onde os nosos avós non poideron chegar. Pero bastante fixeron ademais con doble valor máis que todos os presentes, que xa antes de nacermos todos nós, coas súas lanchiñas de remo e vela, deixáronos todo descuberto.

Sen embargo, hai trousos en esta costa como en outras que non dan un peixe durante o ano. Pero por regla xeral, á caída dos picachos, e nos cubertos de ricos petoutais, como alí onde van a parar todos os esqueletos dos peixes como tamén polas beiras das longas manchas de fango. Por etes paraxes sí, que é sitio de congro, ademais do da barriga branca. Sábese que desde as 200 brazas en plataforma de pedra ata chegar ás 25 e 30, cría congro da barriga branca e desde aquí é todo negro ata tocar coa costa.

Pero sen lugar a dúbida a mellor sendeira deles é alí onde se atopen cascos dos barcos que están afundidos desde a Primeira e Segunda Guerra Mundial. Os resultados do que dicimos están recollidos a 8 e a 10 millas a Nornoroeste da Estaca de Bares, pola Sagrada Nuevo, un barco de Cedeira que só en dous cascos e ó redor deles nunha só levantada, capturou máis de 30 000 kilos de congro da barriga branca.

A clase de carnada máis importante que usan os mariñeiros para esta pesca son: sardiña, calamar, pota, xiba e xarda. Pero para pescar á xogada (manualmente), os bos pescantíns de congro prefiren o calamar porque a comicilla non lle ataca tanto como á sardiña. Pero sen lugar a dúbida o mellor cebo ou carnada do mundo para todos os peixes do mar, é a sardiña.

Os peixes que esta arte traía para terra nos seus primeiros albores, eran de gran fartura e de gran valor económico. Eran tempos que corrían moi empobrecidos e que tiñan que atravesar as nosas familias mariñeiras. O palangre sempre pescou peixes de gran releve porque aínda recordamos cando chegaban os barcos do mar con toda a cuberta abarrotada de todas estas especies preciosas e por conseguinte querémolas nomear: congros de quince a trinta kilos, bertorellas coma badexos, rodaballos de dez e de doce kilos, raións que case non se podían con eles, chuchos, mantas, sollos igual que os rodaballos, melgas e cazóns de grandes como medios tiburóns. Pargos, libernas, meros, moreas e escarapotes, pola cuberta dos barcos, todo estrelado, xa daba noxo.



             O PALANGRILLO DO BADEXO
           Arte de pesca maior, fixa, de pedra e bola e de enganche.
O palangrillo de pedra e bola e neste caso o do badexo, aínda que forme pontes, sigue sendo unha arte fixa. As súas características son moi parecidas ás do palangre pai. O número da nai deste palangrillo vai desde 170 a 200 milímetros e os dos brazolíns do 60 con braza e media de largos -O número do anzol é do 2/0 e 3/0. Sen embargo, no palangrillo do besugo hai que usar anzois do número 1/0, e brazolíns de 40 centímetros de longo cunha braza de distancia dun a outro. Desde a pedra á bola hai un espazo facendo ponte de 9 a 10 anzois. As bolas que usaba este palangrillo no seu comenzo eran de cristal medianas, logo as de plástico seguiron coa mesma medida; sen embargo, as que mellor se adaptaron no seu equilibrio sobre o, foron as bolas chamadas “penedo”.


O modo de pescar con esta arte é rigurosamente precisar perfectamente ben as pozas, covas e paredes onde o badexo se abriga, come e descansa. Os anzois deberán caer coa máxima precisión e esactitude nas zonas que estamos indicando. Cando a embarcación está levantando o palangrillo e en calquera momento veñan dous ou tres badexos xuntos, arriarase unha baliza nese punto de mar porque o patrón sabe ben que hai máis de tres. No momento en que volvan aparecer outros tantos peixes, valizarase de novo..., e así, sucesivamente. As balizas son referncias para volver a largar o palangrillo sobre estas zonas das que estamos falando.

O badexo ten un carácter moi peculiar, cando pasa a ser adulto; é un peixe bastante lento; pero en corto espazo é igual que un lóstrego. Entre eles son moi familiares. Cando o mar lles surte comida sobre as súas pichocas ou parilleiras, aguántanse cautos e quedos no sitio. No carácter zunético que teñen, son o mesmo que as fanecas, se come unha come a compañeira, e se ningunha sae da furada, quedanse todas.

O badexo cando está parado parece que está tonto ou enfermo. Está mirando para o patexo como move as patas. Cando o patexo se cansa de nadar colgado do anzol e rendido de patexar, engruña as patas e da a sensación que está mortiño. Entón o badexo vendo que antes lle daba ás patas e agora parecéndolle que está morto, de repente cos beizos procura movelo para saber se iso é verdade; pero a non moverse, o badexo vaise medio enfadado, sen embargo, o patexo sen moverse moi quietiño faise o morto. Nisto o badexo desde lonxe sen quitarlle ollo de encima, obsérbao minuciosamente, mais o patexo que non ve a ningún ogro diante del e que todo está calma e silencio, trata de fuxir de novo. Comenzará a nadar, entón neste preciso momento é cando o badexo nun culebreante asalto, meteralle as gadoupas para papalo ata o buche.


O ascenso desta arte veu vindo nunha evolución paulatina pasando por diversos calibres dos fios de cáñamo ata atoparse cun palangrillo de tansa que aparecería polos vieiros de Portugal e logo pola Guarda aproximadamente, sobre o ano 1954, l956, no que supoñería económicamente un avance de benestar para o mariñeiro de baixura. Con este sistema de pesca moitas lanchas durante anos nas invernadas, teñen traido para terra bastantes cubertadas de badexos e de outros peixes.Ten habido mareas para algunhas lanchas que teñen collido nunha soa levantada de 800 a 1100 badexos. As carnadas que usaban estas lanchas para este peixe era o patexo, sen embargo, sen pedra e bola, collían de todo.

Cremos que aínda que houbese outros cebos como é o pión do rodaballo para pescar este peixe, non hai outro que lle poida compitir ó patexo vivo. Xa dixemos que era un dos mellores cebos do mar. O palangrillo do badexo non disfruta de coller moita variedade de especies pola razón de que todo o aparello está nadando sobre o fondo; pero si se larga no cuberto sen bolas pódense coller os seguintes exemplares: pargos, besugos, dentóns, saiñeiras, merlóns, maragotas, bertorellas, libernas, congros, moreas, fanecas, gaiáns, raias, escarapotes, roxas, cazóns, san martiños, canexas, bicudos, e cabras.

Agora ben, se lle quitamos as bolas e o largamos polo limpo ou polas beiradas, os peixes que se poden coller son estes: raias, rodaballos, sollos, libernas, escachos, san martiños, rodos, congros, mantas, panchos, longaíños, fanecas, sollas, chuchos, cazóns, pepitos e canexas.



                O PALANGRILLO DA ROBALIZA
                  Arte de pesca menor, fixa de pedra e bola e de enganche.
De todos os palangrillos este é o máis perigroso. Haino que largar con patexo vivo e case sempre ó pé da auga branca. O anzol que se usa para a robaliza é do 2/0 e do 3/0.
Xeralmente este peixe vive e se recrea a maioría do ano polo medio da auga branca e sobre os penedos do fondo do mar, pero como dicimos, empre cerca da rompente e da refusía que forman as baixas da costa.

Por esta razón os mariñeiros non teñen outra alternativa que largalo ó pé da auga branca que é donde mora este peixe. Cantas veces se teñen deixado largos co mar relasco e para o outro día ilos levantar pero polo mar vivo non poderlles botar a man. Como tamén estar mirando para os robalos enganchados no aparello e polo mar vivo ter que deixalos por imposible. Os mariñeiros que andan á robaliza co palangrillo aínda que ganasen ben de cartos, sempre se están xogando a vida. A proba está ó longo das costas galegas os homes que leva comido este oficio.

As lanchas que andan á robaliza acostuman a levar de cinco a sete cestas de palangrillo, pero durante o ano perden moito aparello por culpa do mar vivo. O cebo debe ser sempre patexo do día, sen embargo, cando no houbese poderíase encarnar con radio de polbo ou con talladas finas de xiba ou ben con pixolos de longueirón. O palangrillo da robaliza ten as mesmas características que as do badexo; pero o único inconveniente é que só colle robalos, sargos e saiñeiras. Para alcanzar bos lances de robaliza, non queda outra alternativa que largar estes aparellos polas partes máis delicadas da costa, que por desgracia sempre cheiran a morte.







 PALANGRE DO MARRAXO E DO ESPADA
                        Arte de pesca maior, volante e de enganche
As agaxes como as escorrentadas xogan un papel moi importante sobre estas artes porque da maneira que elas anden así correrán os aparellos. Por esta razón aínda que os peixes husmen a carnada a grandes distancias, por esta razón os aparellos atoparán mellor o peixe sobre as augas da superficie. A larganza ou espazo que hai de anzol a anzol é de 7 brazas, mentres que o número del é do 17/0. Tanto o marraxo como o espada que son peixes da altura, durante varios anos para a nosa flota pesqueira, foron e siguen sendo un dos grandes apulos económicos para os nosos portos.

Temos estado mirando amoitos barcos descargando no Muro de Leste de (A Coruña), no ano 1963, e cada un daqueles marraxeiros, non botaba un peixe en terra que non pesase máis de 200 e 300 kilos. Hoxe aínda quedan algunhes pero peixes coma aqueles xa van comidos. O palangre do marraxo e do espada sempre diron moi bos resultados. As carnadas máis preferidas para esta pesqueira sempre se procura meter xarda e a sardiña, pero a moitos patróns gústalles máis encarnar con xarda que con sardiña porque ten máis toro e solta tanta ou máis graxa.


          O PALANGRILLO DA MARLUZA ( pincho)
                 Arte de pesca maior, fixa, de pedra e bola e de enganche
O palangrillo da merluza, chamado “pincho” non sei por qué , é outra variante do palangre(pai). A nai deste aparello, é de 150 kilos. Os espazos entre a pedra e a bola, oscilan desde 17 a 20 brazas. No seu principio as bolas eran de cristal e medianeiras. O número do anzol é do 3/0 e a distancia que hai de brazolín a brazolín é de 3 brazas, sendo a súa altura de unha braza.

As boias eran unhs barriles, pero era raro que se lles meteran ós aparellos porque ás veces había que largalos no limpo e outras no cuberto; por isto nunca levaban a mesma cantidade de boias os reseiros. O palangrillo da merluza largábase e síguese largando en diferentes profundidades porque alí onde arribe a merluza, alí poderá estar este aparello polo que ata as 200 ou más brazas pode traballar esta arte.

A carnada para este aparello prefírese sardiña fresca do día; pero cando na hai métese conxelada. A maioría dos pincheiros empezaron con 8 e 10 cestas; pero vendo que se pescaba ben, remataron levando o doble. Sobre a zona de Ortegal e de outras tan ricas como ela, para todos aqueles pincheiros chegou un día en que xa non había mar para tanto anzol.

Esta modalidade de pesca creou bastantes conflitos neste litoral entre pincheiros de Cariño e volanteiros de Cedeira e doutros portos que estiveron a pique de abordarse entre ambas flotas nas augas dos cantís a discutir... Sen embargo, a maioría das autoridades de mar pretendían darlles a razón ós pincheiros crendo que o anzol era máis selectivo que a volanta.

Por este descoñecemento por parte de certas autoridades, formouse tal pañega que houbo que ila descartar a Madrid. A base pois de exemplos máis que contundentes, demostrouse en menos de dous anos e medio, a esquilmación dos caladoiros, onde a merluza mareaba desde a eternidade. Estas pozas dos cantís onde se cruzan as agaxes coas desbordantes correntes mexicanas, é o lugar do encontro para os grandes festíns dos bancos de mocarte, sardiña e xarda para logo enriquecer á gran familia merluceira.

A razón foi que despois de acabar co peixe nestas zonas, os pincheiros, saían derrotados dos seus empobrecidos argumentos expostos nos medios de comunicación. Pero a conclusión caeu en que estes criadoiros quedaban sen peixe de mar. Logo despois aínda que se recoñecía que o palangrillo era unha arte destructiva, sigueuse pescando e aínda se segue coa mesma idea acabando coa pouca merluza que queda nestes mares.

Sen embargo, naquel entón a volanta, recuperaba a súa identidade artesanal. Pero a pesar da súa atrevida e consentida malla ficheira, saía victoriosa. Quede pois no convencemento e na lembranza para todos aqueles que loitaban polo pincho, que o palangrillo da merluza en vez de seleccionar as especies, destruias e acaba con elas.

E para aqueles que lles parecía entender de mar, que recoñezan que só os auténticos homes deste sector, son os únicos que en verdade entenden e que lles hai que dicir ós que din que saben, que virá un tempo en que no mar só se poderá pescar con liña e con malla. E por moito que as autoridades pataleen e discutan uns contra outros e boten as contas a favor ou en contra, o mar sempre botará as súas.



                 O PALANGRE DA PALOMETA
                        Arte de pesca menor,volante e de enganche.
No seu principio a relinga, brazolíns e mamotes desta arte eran de cáñamo. A distancia que había dun brazolín a outro eran de 50 centímetros e a súa altura un codo de alto. Os anzois eran do 1/0 e do 2/0. Os barriles que eran as boias, colocábanse en espazos de trinta en trinta anzois. A carnada que se empleaba ou que se emplea neste palangrillo a non haber “corcito”(alpabarda), hai que encarnar con talladas de sardiña ou de xarda.

A praza máis importante de venda para defender este peixe era A Coruña. A palometa ou castañeta roxa sempre tivo moi bo precio, sen embargo, o valor da gris, sempre foi moi inferior. Os nosos patróns sabían traer boas mareas de palometa dos mares virxes e foranos. Recordamos e lamentamos aqueles mares da altura abarrotados de palometa roxa e gris e aqueles grandes bancos de “corcito” Hoxe xa estamos noutros tempos e parécenos que é outro mundo e que o mar xa non quere redes.




                                O EMBALO
                  Arte de pesca menor, fixa de tumbo e de tres panos
Como se sabe esta arte deriva do tramallo. A variante ou evolución que tivo o tramallo foi aumentarlle o doble de altura para que cando se cercase o peixe en calquera allada da costa, non se fose por enriba da cortiza superior. Os primeiros embalos que se armaron despois de deixar o tramallo, eran de tres brazas de alto mais agora xa os hai de tres e media e de catro.

Con este aumento esta arte acadou unhas ventaxas máis que extraordinarias. Alí nas alladas onde os robalos estaban sempre e o tramallo por pouca altura nos collía, foi a razón de facer o mesmo aparello máis alto. As largas do embalo tanto se fan de día como denoite; pero cando se traballa pola noite sempre se pesca máis cantidade de peixe pola razón que este non ve como de día, sen embargo, en pleno sol como se cerque ben o peixe sexa cal sexa a allada procedendo a facer un bo embalo, todo canto peixe haiba dentro do aparello, morrerá todo. Neste caso amostrarémolle ós nosos lectores como se fan as largas deste aparello.


                        COMO SE DEBE LARGAR O EMBALO
Cando estéñamos chegando ó sítio onde imos largar o embalo, iremos vogando amodiño e sen petar. Colleremos o cabeceiro de riba do aparello e se vale o mar deixarémolo en seco enriba da pedra. Logo iremos vogando amodo e sempre coa procura de que ningún chumbo pete no courel da embarcación no intre en que se vaia largando a pedreira. Cando se acabe de largar o embalo, o último cabeceiro tamén deberá quedar o mesmiño que o outro.

Logo recorreremos de punta a punta petando cos remos, mentres un home cun pendullo amarrado a unha boza iráeo tirando ó mar para que choupe a medida que a barquiña vaia vogando. Todos os mariñeiros que vaian a bordo, todos deberán petar aínda que sexa cos pés para que o embalo sexa perfecto.

Despois de recorrer o espazo de mar que acabamos de embalar recorreremos pertos do aparello dando o último embalo para que o peixe que aínda esteña sen tumbar que tumbe por completo. Logo iremos coller o rabego que máis nos conveña a maneira que a enchente ou a secante sexan favorables para levantalo.

Como o peixe no embalo non malla que se enguedella e tumba, cada un deles que veña, irémolo descartando dos panos tanto de día como de noite. Queda pois aclarado que alí onde os robalos, robalizas, reos e inclusive sargos que se podían ir por enriba da cortiza superior do tramallo, agora co embalo non haberá problema.

Como imos poñendo as especies que collen as demais artes de pesca, tamén poñeremos as que colle o embalo: robalos, merlóns, maragotas, panchos, xurelos, corbelos robalizas, bogas, sabogas, reos, sargos, zarretas, douradas, chepas, dentóns, saiñeiras, munxes, agullas, doncelas, gaiáns, cabras, fanecas, e “tapaconas”.





                          O CHAMPELO
                          Arte de pesca menor, fixa e de enganche
A esta arte de pesca, pola zona de Ortegal, Ferrol e por outras rías galegas, chámase “champelo” que está formado por unha liña delgadiña de calquera fiame e sobre a punta desta longa liña pode levar desde un ata vinte anzois cun pendulliño de pedra ou unha chumbada que vai amarrada pola parte da baixo dos anzois para que así, chegue axiña ó fondo e dalí non se mova. Logo despois con calquera carnada xa se pode pescar de fondo.

Este “champelo” que só é unha simple piola con dous ou con tres anzois na punta, en varios diccionarios galegos, vemos que apuntan para unha arte chamada “angarello”. E dito “angarello”, por toda a provincia da A Coruña e Lugo, veu a ser unha arte de pesca maior e de enmalle, (antiga volanta de fio de cáñamo que se usou en toda a costa galega desde o século XV ata o ano 1958 )

O “champelo” é unha das artes de pesca máis rudimentarias do mar, debido á súa simple forma de pescar en vertical desde a man do home. A postura desta arte sempre foi en perpendicular cara ó fondo, e só sufreu a mínima variante de engadirlle á liña máis anzois dos que no seu principio se lle poñían. Agora ben, aínda que o champelo sexa moi sinxelo de armar, as artes de pesca deberán facerse sempre azosas e coa procura de que pesquen ben.

Cando se armen champelos terase en conta que os brazolíns non se enchurren coa nai e os anzois non se enguedellen uns cos outros. Para que este problema non exista e o champelo pesque mellor, é necesario que os mamotes sexan o máis curtos posible. Con dez centímetros que o mamote salga da nai basta. Con esta larganza o mamote non domeará e á hora de descartalos, a manobra é rauda e veloz.

Sabemos que o peixe cando ten fame come de calquera maneira; pero como dicimos, o brazolín deberá ser curto nunca máis de 10 centímetros de longura. Con este formato é como se deben de armar aínda que o champelo teña trinta anzois e se enguedellen unhes cos outros e se envolvan coa nai. champelo é pois unha das artes máis sinxelas e oportunas na longa e pretérita vida de mar de todos os mariñeiros.

Veremos pois varias maneiras de pescar ó champel ou pescar de fondo.Cando os mariñeiros ían pescar a este oficio dicíase que ían pescar de fondo. Cada patrón ou mariñeiro que lle gustaba esta pesqueira, tiñan ben metido na moleira as marcas dos seus “fanequeiros”ou “fanequeiras”.

Na boca da ría de Ferrol como nas de todas as rías galegas e medianías da costa de cada porto, estas pozas ou morteiros de fanecas tíñanse ben en conta para ese día que un quixese ir pescar. Os sobresalintes pescantíns de Mugardos, como algúns de San Felipe, aparexados ós de Cedeira, Ares, Sada e tantos que non coñecemos de tódalas Rías Baixas, as “fanequeiras”eran os mares preferidos para as bucetas ou dornas daquel entón.

Supoñía unha axuda tanto para os mariñeiros que mediante ás súas mulleres íanas vender anunciándoas en voz alta polas rúas ós señoritos daquel entón. Dos fanequeiros non só se surtían os mariñeiros senón tamén calquera particular que nas mañanciñas dos domingos podía ir con calquera amigo mariñeiro, buscar á súa segreda fanequeira, un carabel de fanecas e de peixe variado para comelo durante a semana.

Pescar de fondo sempre foi divertido porque era raro o día que non se fose de champelo que non se trouxese para comer. Recomendamos pois que cada champelo debe estar independente da liña pola razón de que en calquera momento que esteñamos pescando cun modelo de anzol que non é adaptado á boca dos peixes que nos están picando, e non enganchan, pois rapidamente desengancharemos este que temos para poñer outro adaptado a ese peixe que imaxinamos que hai debaixo da dorna, chalana ou buceta. Pois nos mares de fóra faceremos o mesmo que se estivesemos ó pé da costa. Cantas veces temos sentido picadas de outros peixes e por non ter á man os anzois adaptados a esas bocas que nós sentíamos, habíaos que deixar que nos paparan a carnada.



              O  CHAMPELO DA MERLUZA
                            Arte de pesca menor e de enganche
Falando dos champelos neste blok de notas que temos diante de nós, vemos que está apuntado outro champelo inventado polos asturianos para a merluza e ten as mesmas características que as dun champelo de man. Esta orixinal arte non se suxecta a ter sempre os mesmos anzois. Tanto leva dez, como vinte ou trinta. No couce da liña leva un pendullo pequeno. Deste pendullo parten os anzois que distan un de outro unha braza. Sobre a parte superior, mesmo no chicote do último anzol, leva unha pelotiña flotante con suficiente forza para portar do champelo dentro da auga e así se terme sempre dereito.

Desde esta pelotiña parte unha cala delgadiña a que balizará ó champelo. Estes mariñeiros asturianos antes de largar todos estes champelos, primeiramente tentan por distintos baixos e picachos. É dicir, unha vez recoñecida a profunda poza ou pozo do picacho, como as paredes do mesmo, e se lles parece ós mariñeiros que a merluza está desovando por estes lugares ou algareada pola pesquería sobre outros mares, largarán os champelos que procedan na idea de cada patrón, de tal forma balizadas o mesmo que se fosen zarandas largas para coller camarón.

A razón de asemellarse esta arte a un champelo, é porque a súa forma de pescar orixínase en vertical e aínda que os anzois vaian repatidos sobre a liña de braza en braza ou a como se queira, esta arte será sempre un champelo da merluza Hai outro tipo de champelo que usan os mariñeiros cando están denoite ó devalo polos mares de fóra.

Este tipo de campelo é de “deriva” ou “volante” que só pesca os peixes pequenos ou grandes segundo o anzol que se lle empate á liña estes poden coller: marraxo, espada, tiburón, xarda e palometa. Pero o champelo tradicional, o de catro ou de cinco anzois na punta da liña ese colle case todos os peixes do fondo do mar:

Fanecas, xurelos, panchos, fodóns, doncelas, besugos, sargos, meros, chepas, douradas, maragotas, longaíños, merlóns, saiñeiras, congros, pargos, barbadas, san martiños, dentóns, corbelos, xardas, cabras e gaiáns.



                  BOGUEIRA OU VETAS
                      Arte de pesca menor, fixa e de enmalle
Na zona de Ortegal a esta arte chamóuselle bogueira pola razón de estar a costa plagada de bogas. Sen embargo, polas Rías Baixas a este aparello, chamábanlle vetas. Esta arte no seu comenzo era de cáñamo logo pasou a ser de algodón ata que chegou o nailón para convertila na famosa volantilla de fio desta mesma fibra e rematala de tansa.

Estes aparellos non eran todos iguales. Habíaos de 150, de 90 e de 60 brazas de largos. As súas alturas oscilaban entre unha e media, a dúas brazas. A malla era do cinco e do seis. Esta clase de arte só as usaban as chalanas, dornas e bucetas por dentro das rías e cando viña o verán íase polas alladas en busca das bogas que era un peixe dos que máis valía pola razón da grasa que contiña.

As bogueiras eran famosas nas invernadas cando viñan as duras baixas de mar. Entón as rías cubríanse de xurelo e de boga. Nesta ría de Cedeira como en outras da nosa longa costa galega, moitas veces xa non se collía coas embarcación e cos seus aparellos largos. Daquela cunha boga e un cacho de pan ía un home traballar todo o día.

Desde o ano1905, xuventude de meu avó, a boga xa era escollida entre os demais peixes do mar pola razón que acabamos de dicir. Desde os tempos máis antigos todo aquel peixe que tivese grasa era escollido para consumilo durante os fríos dos famélicos invernos tanto fresco como salgado. A sardiña, xarda xurelón e boga, como o congro, cazón, raia e melgacho, eran os peixes que máis se perseguían para comercializalos e sirvesen de mantención do noso pobo como ó de Castela e León.

A maioría destes peixes case sempre se comercializaban salgados e transportados en cabalos ou en mulas. O peixe sen grasa ten habido veces de ter que tiralo ó mar. Tanto o torno, corcito, mocarte, agulla e sable, nin as traiñas nin as tarrafas xa non lles largaban os aparellos porque estes non tíñan venda, e se algún barco traía deste peixe para terra escollíase un pouco para fresco e o resto habíao que tirar ó mar. Inclusive o xurelón que nas casas dos pobres ocupaba o sitio da carne de porco. Moitas veces pola gran abubdancia deste peixe resultaba que non había a quen vendelo, polo tanto habíao que levar de esterco (mougada) para abono do terreo. Sabendo isto os das aldeas cercanas e lonxanas, viñan cos carros de vacas e íanse cargados.

Á parte dos peixes de grasa que eran os que máis se consumían, había outros considerados de maior importancia á hora de comercializalos sobre outros mercados de ámbito exterior que era o badexo, congro, raia, melgacho, cazón e roxa, a escepción do badexo que había que sagalo e logo pasalo a secar, os desmais despois de lañados e lavados pasaban a ser colgados en tenderetes para que se curasen entre os vafos do vento e os raios do sol.

¡Comer melga curada e ben amañada, era comer a comida dun rei!. A consecuencia de salgar o peixe era a falla de aceite de oliva. Menos o rodaballo, sollo, san martiño e liberna que case se comen crudos, o resto do peixe miudo non tiña aceptación. As fanecas das rías só as comían os enfermos pola razón de non ter grasa. Os peixes comíanse cocidos ou asados, sen embargo, os curados tíñan a ventaxa de podelos comer tanto crudos como amañados. Pero fritidos só os ricos o podían comer. Por tanto os peixes que contiñan saín eran os que termaban da xente de todos os niveis sociais.

Por conseguinte ó mariñeiro convíñalle ter esta arte para termar un pouco da súa economía aproveitando as ocasións dos invernos e tamén as dos veráns. No correr dos anos esta arte mantívose bastante viva ata o 1955 aproximadamente; a partir de aquí, comenzou a dar as as primeiras boqueadas; pero sobre o 1962 coa chegada do “naylón” paulatinamente desaparecerían as mallas de cáñamo, sisal e algodón e de todas as artes do mar. As largas deste aparello tanto se facian polo día como pola noite. Cando era o mar bo, aproveitábase para ir polas alladas da costa (á peta peta). Íase lancicando pola costa adiante. Ás alladas habías que cubrir de punta a punta e cada cabeceiro habíao que deixar en seco napedra para que por eses extremos non fuxisen os peixes.

Ao acabar de largar, saltábamos no pedregal a encher os corredores da buceta de pedras e o pedazo de mar que estaba cercado pola bogueira, íamolo invadíndo a choupazos coas pedras e tamén petando cos remos atravesados sobre o courel da buceta. Meu pai prefería tirar pelouros que andar co pendullo arriba e a baixo. ó acabar de embalar coas pedras e cos remos, procedíase a levantar o aparello.

O motivo de recorrer as alladas durante os veráns era porque os pedregais cubríanse de xebra e esta ó requentarse na súa fermentación podrecía criando pulgas, vermes e larvas do mar. Polo tanto as bogas nas augas de chea viñan como parvas a comer pulga e xebra verde remillada que levantaba a marea da putrefacción.

E nos invernos como xa dixemos cando viñan as fortes mareiras tanto o xurelo sardiñeiro como as bogas recalaban nas augas mansas das rías e sobre as noites de escurada a medida que un ía levantando a bogueira tamén se ían desenmallando as bogas e os xurelos. Aínda que as vetas (bogueiras) naceron despois dos “angarellos” (antiga volanta), nosoutros estamos falando sobre a pesca da boga nas rías desde os anos 1938, ata o 1955 e aínda neste último tempo valía unha boga cinco motas.

Seguindo os recursos da bogueira polos mese de abril e de maio cando as rías non teñen un peixe, íase en busca de munxes que aínda que non sabían moito,os das rías tiñan grasa e vendíanse ben. Nesta búsqueda de munxes si se atopaban ou ben en escaraboullo ou ben en axada, tíñamolles que largar por largo para non embalalos.

A larga era en circunferencia no que pechábamos un cabeceiro co outro para que non se fose un peixe. Logo de telos cercados metíamonos dentro do cerco e procedíamos a embalar (ä peta peta) isto era cos remos e con pendullos. Pero como o munxe é tan astuto e tan “albor”, moitas veces aínda que cercásemos un barco deles, polo seu instinto non mallaría un.

Os munxes tan pronto ven diante deles unha sombra tratan de librarse dela pegando un salto moitas veces máis ca dun metro. Pola necesidade que pasaban os pobres moitas veces aínda que vira un que era un crime tirarlles un boliche de carburo a catro ou a cinco cestos de munxes, máis crime era que os nenos destes mariñeiros estivesen tristes de fame esperando a ver que seus pais traían do mar.






                          O GUELDEIRO
                         Arte de pesca menor, manual e da pé.
Esta arte está formada por unha galla de madeira de castaño ou de salgueiro, cunha boca aproximadamente de 1,30 a 1,50 centímetros. Cada lateral ou brazo da galla tamén ten de 90 a 100.-centímetros .O mango ou couce do gueldeiro tanto pode ser de 50, 60 ou de 80 centímetros. De punta a punta de cada ángulo da galla, leva unha travesa de táboa delgada con relación ós brazos do gueldeiro. Logo todo o contorno da galla e anchura da travesa vai entrallada ou cosida unha tea de pano fino e moi tupido que só fai coar a auga e nel queda embolsado o gueldo.

Dita tea vai facendo un saco de dous metros ou máis de longo que vai á rastro por detrás do home e este andando a paso lento, remangado e metido na auga, leva o gueldeiro diante del apañando o gueldo igual que se fose a boca dunha balea, papando ou bebendo este incomparable engado que enlouquece ós peixes do mar.

O gueldo por regla xeral sempre está sobre a beiriña da onda. Canto mellor sexa o mar máis gueldo hai na beira do mar. Co mar vivo xamais aparecerá este engado. O geldo é unha clase de engado composto de camarón diminuto e de peixiños que case non se ven cando van nadando sobre a auga e tamén de certas larvas que cando se misturan con estes seres vivos, parecen lixos miudiños a unha cuarta por debaixo da toneira do mar.

Esta arte ó longo dos tempos tería moitas cousas que contar. O gueldeiro pasou pola man de moitos pescantíns bulgarmente chamados “munxeiros” en vez de “pescantíns da costa” pois nesta zona de Ortegal como tamén de outras rías galegas, o gueldo foi e sigue sendo un dos engados máis poderosos do mar.

Este engado vale para tódalas partes da costa e inclusive desde calquera buceta, dorna ou chalana se se quixese engadar por algunhas partes das rías. Sen embargo, onde non vale é alí onde habiten correntes ou resacas, porque entón, estes seres tan miudiños e tan diminutos, desaparecerían de repente das augas onde estivese situado o pescantín.

Para engadar co gueldo unha vez apañado e posto nun carabeliño cunha berza por encima para darlle frescura, o pescantín collerá a cana e o carabel e partirá cara ó penedo onde el lle teña fe. Cando o pescantín esteña no punto da pena que él elixiu, comenzará a engadar desde o alto do penedo. O gueldo colleráse coa punta dos dedos en pequenas porcións e así pouco a pouco, irase engadando ata xuntar o peixe. A berza que está tapando o gueldo non debe quitarse do carabel para que este non morra.

Os munxes da costa son moi frebudos e a súa carne resulta moi sabrosa. Estes serán os primeiros en recoñecer a lambada do gueldo; pero ollo, deberedes ter coidado de que nos vos caiga ningunha escama ó mar porque non quedará un munxe ó lado da pena onde estéñades pescando. Logo aparecerán as doncelas e as cabras. Os sargos, merlóns e maragotas, entrarán despois a probar a lambetada; pero comerán sempre por debaixo dos munxes.

Si houbese algunha robaliza ou robalo polo medio dos munxes, o pescantín deberá estar preparado para agarrar a estes peixes co anzol e cebo adecuado (tal como camarón mediano; ou o famoso “manjón”). Co gueldo moitos pescantíns teñen deixado carga de peixe ó pé da ribeira por non podelo subir. Calquera pescantín de gueldo aínda hoxe, é raro o día que non vaia á costa, que non traiga media sacada de peixe.

As horas de ir apañar gueldo cando sexa o mar bo, a de ser pola mañan cediño ou pola tarde ó axexo. Hai que dicirlles ós namorados da pesca malmente que co gueldeiro xa se teñen collido pola beira da praia bastantes rodos, sollas e pequenos rodaballos. Estes vellos e veteranos pescantíns (malmente ós munxeiros como solemos chamarlles ), ó ir pisando coa palma dos pés polo fondo sobre a area, e ó intre de sentír unha solla ou un rodo debaixo de calquera dos pés, de repente había que meterlle a bica do gueldeiro e ñao, solla para dentro. Para moitos que lles gusta a pesca, se non houbese que remangarse e meterse pola mañán cediño na auga fría, moitos máis dos nosos pescantíns irían a coller gueldo; pero tamén hai que dicir que este incomparable no hai sempre.





                             O XEITO
              Arte de pesca menor, de deriva ou volante e de enmalle.
O xeito aínda que hoxe o describamos como arte menor, no seu esplendor ou plenitude, chegou a ser a arte más extendida dos nossos mares. A súa economía sostiña e acubillaba a miles de embarcacións que plenamente se adicaban a este oficio e neste desenvolvemento mantiña a unha inmensa dotación de familias pobres, pero capaces de ordenar perfectamente á única arte do mar que collía a sardiña.

Pero cando a tarrafa escomenzou a ocupar o espazo das badías e prais da costa, o xeito foi desaparecendo paulatinamentelegas das rías galegas. O xeito é unha das artes máis antigas do mar. Don Eladio Rodríguez González, no seu “Diccionario Enciclopédico” dinos que o nome do xeito parte desde o século XIV. Foi feito exclusivamente para coller sardiña e xeralmente na abra das rías.

No seu principio o enmalle deste aparello era de fio de liño e a súa malla facíase á man. A relinga da cortiza como a da pedreira, eran de liño e de cáñamo. O fío era do número 210/04 e 210/05 .A malla era de 5 centímetros de nuo a nuo, e dicir, 2,5, de cada lado da malla. As pezas do xeito eran diferentes unhas de outras. Cada dono do aparello facías ó antoxo del polo que resultaba que cando se empataban unhas pezas con outras notábanse estas diferencias tanto de altura como de largo; pero isto non lles quitaba de pescar.

O alto deste aparello oscilaba segundo as brazas de calado que houbese en cada ría. Había pezas de xeito que non tiñan máis de catro ou de cinco brazas de altura, sen embargo, outras tíñan ata 23. Os boureles ou cabuxas que ían amarrados á relinga da cortiza cunha separación dun a outro de oito brazas, eran para aguantar do aparello nos intres en que cando houbese moita sardiña enmallada no xeito, termase dela e así, non se apalastrase no fondo.

Cando se largaba o xeito primeiramente tirábase un pendullo ó mar que ía amarrado ó pé de galo do primeiro cabeceiro do xeito, o cal, facía de poutada ou de rizón para que desa prte o aparello non devalase. Acabado de largar o xeito, a cala deste último cabeceiro ou rabego, amarrábase á cornamuza da buceta e logo deixabase ir un ó devalo.


Nesta andaina de séculos achegandose ó 1911 ata o 1950, o xeito veu fomentando unha situación de perigro para toda aquela nova navegación de vapores que entraban e saían tanto de axexo como de amanexo todos os días de cada porto. O perigro estaba en que os xeitos estaban atravesados no medio das entradas de cada ría galega entón as hélices dos barcos facían grandes estragos ás lanchas xeiteiras; si, pero as desgracias persoais co perigro que había para estas para tantas xeiteiras, e nas escuras noites, estaban pendentes de sucederen.

Isto pasaba porque ningunha xeiteira estaba provista de luz. Todas as manobras se facían baixo a luz da noite. O xeito marcou na historia das rías galegas un papel económico de gran importancia, maiormente para a vida dos mariñeiros máis pobres.

Benigno Rodríguez Santamaría no seu “Diccionario de Artes de Pesca de España y sus Posesiones”, escribe entre os anos 1922 e 1923 sobre a gran importancia que tivo o xeito no ano 1883 cando o cerco chegaba ás Rías Baixas, sen intención de acabar con dito xeito. E nas súas investigacións coméntanos como o cerco ou tarrafa, foi acabando co xeito:

”Hará unos veintidos años que este arte empezó a funcionar en Galicia, puesto que fué importado del Cantábrico en 1900 en donde se usaba ya desde el año 1882 declarado legal para todo el norte de España por real orden de 10 de agosto de 1883 y su implantación en las Rías Bajas produjo, serios disgustos entre los partidarios de este arte moderno y los del antigo jeito o sardinal.

Esto dió motivo a varias resoluciones, a muchos informes y hasta a visitas oficiales, incluso la del señor ministro de Marina, a las Rías Bajas para estudiar sobre el terreno el problema que tanto apasionó los ánimos en todas aquellas rías; pero, al fin, se impuso el buen sentido, se declaró legal el uso del cerco y, por tanto, triunfó este procedemiento de pesca, quedando el jeito tan sólo para la gente más obre”.

E segue engadendo noutros párrafos: “Surgieron protestas de todas partes, alborotos, amenazas y hasta a veces, atentados” “Existen 5000 embarcaciones de jeito sobre las rías gallegas, sin embargo, en las altas 1800 con unha dotación de 9800 hombres.”

Gracias ó Señor “Santamaría”, por deixarnos narrados estes feitos históricos acaecidos ó longo das rías galegas porque naquela época miles de familias mariñeiras vivían cun 30% da labranza e cun 70% do mar. O xeito era o maior medio de vida para toda esta xente, era a arte máis extendida sobre as rías galegas e resto de España.

Aínda que o cerco era un gran adianto para os armadores ricos, sen dúbida era un avance para a industria da salga, sen embargo, a economía do pobre mariñeiro quedaría mermada e empobrecida polos séculos. Así a todo, esta industria abastecería de peixe salgado en certa medida, á maioría dos pobos e cidades do centro de España, como tamén ás aldeas remotas e pobos da nosa mariña.

Anos máis tarde, a industria conserveira tomaría novos rumbos cara a outro mundo de exportación e sorprendente explotación destes peixes: latas de sardiña en aceite, bombos de xurelo en escabeche, latas e bombos de bonito e de anchoa en aceite refinado. Polo tanto a industria de conserva tomaría poder económico mentres a de salga a pasos paulatinos dos anos, iría desaparecendo.




                           O SALABARDO
                                  Arte de pesca menor e de envase.
O salabardo é un pedazo de aparello que vai entrallado nun aro de ferro e sirve para diversos traballos do mar. Desde o seu nacemento tanto para o servício da rapeta como da traiña e tarrafa, foi necesario que ó tempo destas artes nacese o salabardo e fose o único instrumento útil para poder envasar a sardiña nas lanchas sen que o seu aro prendese nas mallas do aparello.

Para estas primitivas artes de pesca que acabamos de mencionar, era necesario un utensilio para meter o peixe a bordo de cada embarcación, á hora de ter a sardiña no preseiro ou na copeada de ditas artes. Daquela había cestos, banastras, paxes, carabeles e goxos, mais con estes instrumentos aínda que forrados de rede ou de saco, algo podían facer. De todos modos, era un suplicio tanto de tempo como de incomodidade ter que meter a sardiña ou xurelo a bordo mediante un paxe cunha boza amarrada en cada asa para lanzalo desde a bordo ó preseiro e logo dous homes subilo e baleiralo na bancada.

Como a idea sempre rebeira pola imaxinación do mariñeiro, nacería o salabardo cun mango de madeira de tres brazas de largo. Un aro de ferro da mesma abertura que o paxe, e o seu aparello, con máis de media braza de saco.

Un salabardo similar viuno este servidor dormido nunhas vigas cheas de teas de araña nunha fábrica vella que estaba á beiriña do mar e media en ruinas na vila do Vicedo (Lugo)

O que acabamos de dicir sucedeu nos albores das traiñas. E tocante ás rapetas o salabardo non era tan necesario porque unha vez o peixe apreseirado na copeada, un só home podía facer moi ben a manobra cun cesto desde o preseiro ata a chalana, dorna ou buceta.

Mais cando se rapetaba nas praias e se collía pouco peixe, a copeada da rapeta arrastrábase para terra. Alí e seco, unha vez emborcado o peixe na area, poñíase o cesto á beira do peixe e todos os rapeteiros escollían o bo para o cesto e o malo tirábase con el.

Desde o ano 1920 ata o 1957 pola boca dos nosos avós, sabemos que había outra clase de salabardo con rede máis grosa e que se usaban en varias rías galegas para apañar xebra e que esta servía de abono para os terreos.

Estes tiñan o aro achatado pola cara de diante. O mango era máis curto e o saco como dicimos, de aparello máis groso. Tamén había outros para pescar xibas. Na actualidade hai salabardos que son de boca moi pequena e úsanse con carnada dentro deles para coller camarón e nécora pola noite entre as furadas das penas.

Percorrendo o vieiro dos salabardos, a maioría das lannchas tanto merluceiras como badexeiras, usaron case sempre un salabardo de mango largo e de boca estreita co fin de coller calquera peixe que xurdise ó pé da lancha medio morrongoso ou arrebentado do aparello.

Na actualidade tamén sirve para apañar as bolas que se safan dos aparellos.
Logo está o famoso salabardo dos percebelleiros con mango de eucalipto, galla de salgueiro e aro de castaño. A vara como a galla destes paos menos o mango, han de enqueirarse ó lume a gusto do percebelleiro. A galla pode pasar sen enqueiro; pero a vara de castaño haberá que ila domeando pouco a pouco coa calor do lume ata poñela redondiña a gusto do cachador e amarrándoa curiosamente a cada brazo da galla.

Logo para que os percebes nos leve a refusía, haberá que entrallarlle unha braza de cope ó redor da vara de castaño, deixándolle aproximadamente unhes 30 centímetros de saco.




                       A RAÑA OU GARABETA.
                      Arte de pesca menor, de arrastre e de enganche.
Esta arte usouse con bastante frecuencia por moitas rías galegas ata que chegaron as nasas de madeira e logo as de ferro. A raña está composta por un coio de tres ou de catro libras de peso e por dúas variñas de ferro en forma de galla que saen por detrás do pelouro facendo gancho como se fosen anzois para enganchar ó polvo.

Estas variñas con ganchos van trincadas ó coio, e enriba del leva un cangrexo de río ou de mar como carnada para atraer ó polvo. No intre en que a raña veña rañando polo fondo e o polvo atrape ó cangrexo, entón o que teña a liña tirará por el rapidamente para metelo na bancada. Tamén había quen armaba as rañas cun pao atravesado no cume da pedra para que o polvo vise mellor o cangrexo.

Esta pesqueira realizouse sempre sobre os limpos e beiradas das rías, anque ás veces algún mariñeiro intentaba meterse ó cuberto, pero os anzois ou os ganchos da raña, no permitían.

Nosoutros non coñecimos outra maneira de pescar ó polvo nadamais que coa raña ou garabeta e tamén simplemente co gancho da man.
As nasas de ferro como de madeira no modelo francés, viñeron a descubrir as miles de toneladas de polvo que se extendían sobre a costa galega e que se podían capturar coa maior facilidade tanto ó peiño da costa como polos mares de terra.

Ata aquí o polvo que se consumía era o do limpo e dos entremorrados.
Unha das rías máis afamadas deste molusco era a de Mugardos, logo Muros, Corcubión, o Grove e Finisterre. Pero ó vir a nasa tanto a de madeira como a de ferro e largalas polas cercanías da costa, a raña ou garabeta en Galicia, pasou ó rexistro do pasado. Esta arte non só se coñece en Galicia, senón que tamén se atopa en Yucatán e en Campeche, (Méjico) Pois centos de chalaniñas na actualidade en estes pobos, pescan o polvo con esta arte. Para pescalo usan un cangrexo chamado “ocol” parecido a un queimacasas, pero esta garabeta mexicana non leva ganchos nin leva anzois.







                             A PIONEIRA
                        Arte de pesca menor, fixa e de enmalle.
A pioneira é unha arte de pesca pouco usada e coñecida debido ós
precarios resultados que nos seus lances consigue. Da gusto andar a ela por ser moi azosa e lixeiriña.

A súa altura oscila entre dúas brazas e media a tres. O fío é un pouco máis groso que o do xeito e a malla, é de dous e medio a tres centímetros. Esta arte foi feita para pescar o sabroso “pejerrey”, o pión de escama ou pión sen sangue.

A pesar de que este peixe aparece con máis abundancia na primavera e que a súa máxima reproducción comenza desde abril ata agosto, pero a pesar das circunstancias que acarrean para eles as augas frías dos invernos mantéñense en pequenas madiñas todo o ano sobre as augas das nosas rías. Este bonito e case familiar peixiño das rías galegas, sempre o temos apegadiño ó pé dos peiraos comendo nas larvas que soltan os limos e no debullo do peixe que cai das redes dos nosos barcos.

Mais pola noite metidos xa no centro do inverno, podémolos ver ó pé do baballo do resplandor que infunden as farolas de cada porto e tamén sobre os lisaios que inventan as calmas das rías. Alí onde hai tranquilidade é por onde se vai apousando sobre as augas que parece que o adormecen. Ata para desenmallalo é un santo porque nin ó rabo lle da , so far retembrar un pouquiño; ademais ata é feliz en morrer porque nada tarda.
Sempre foi o primeiro peixe despois de vir da rapeta fritilo e comelo.

Nos veráns tamén vemos como pandillas de pícaros e inclusive de homes maiores disfrutan con zarandas ou con pequenos mediosmundos, tratando de coller unha presa de pións para fritir. A pioneira fíxose para atrapar coa malla a este peixe por aquelas partes das rías onde a rapeta non se podía traballar. Na actualidade aínda hai algunha destas artes pola banda de Mugardos, ría de Ferrol, Cedeira, e outras rías galegas.










                                O GANCHO
                            Instrumento útil de mar e de enganche.
Aínda que non chegue a ser unha arte de pesca menor, o gancho que leva máis ou menos o mesmo tempo de mar que o mariñeiro, non queremos deixalo por esquncido porque a súa laboura en cada embarcación na que estivo, sempre foi extraordinaria e sobre salinte.

Polo tanto con honor e orgullo mariño, o gancho é merecente de estar ó pé de tódalas artes de pesca da nosa costa por contribuir e aportar a súa gran valía ós mariñeiros en diversas circunstancias resolvendolles problemas insospeitados e infinidade de traballos ó longo de tódolos tempos sobre as manobras do mar. Cantas veces él sirviu de brazo largo e de man salvadora para tantos mariñeiros que en certos momentos mergullaban para ir morrer ó fondo do mar.

            Queremos pois que compareza este querido e sinxelo instrumento que está formado por un mango de madeira de dous a tres metros de largo e un pedazo dunha variña de ferro metido na punta da asta facendo a curva de se mesmo un pouco afiado. O gancho en calquera embarcación sempre deberá estar á vista e á man de todos.
Este instrumento para o mar é imprescindible. Ata agora ninguén o sistitueu a menos un pouco este novo garampín que se está usando para coller as boias cando fai mal tempo.

            Os primeiros en usalo fai dous anos, foron os barcos do Gran Sol, mais agora xa os teñen os de baixura. Este garampín é un rizonciño de aceiro inoxidable con catro ganchos, dúas cuartas de varón e cun só kilo de peso.
Aínda que este garampín colla as boias cando hai mal tempo non quere dicir que o gancho perdera a súa incomparable eficacia.

            Este primitivo instrumento de enganche estará sempre presente nas embarcacións aínda que se sumen máis garampins como tamén máis salvavidas. Sempre facerá falla para un peixe que xurda ó pé do barco arrebentado do aparello ou para calquera outro menester repentino que pode xurdir cando un menos pense.

            O gancho fíxose para meter os peixes a bordao debido a que a man do home foi sempre insuficiente por non dicir imposible ante o acontecemento de meter a bordo un peixe coa man. Este instrumento é tan eficaz que é o único que está presente en todas as manobras rápidas. No momento en que un seno dun cabo se vai indo para o fondo e fai falla collelo rapidamente.Un peixe que xurde ó pé do barco e vaise escapando dándolle ó rabo lentamente. Unha boza que se espurre.Unha boia que acaruma. Un home que cai o mar, en fin, que recoñecemos a laboura en todas as flotas pesqueiras día a día metendo as boias a bordo dos aparellos largos e que vive co home desde que é mariñeiro..

            Que sería dos boniteiros se non levasen ganchos para meter o bonito a bordo. Aínda que se poden inventar diferentes utensilios para meter os peixes na cuberta, de momento a imaxinación do mariñeiro non atopou outra cousa máis rápida e lixeira como o gancho.
Debemos deixar na lembranza para os nosos lectores que o gancho en calquera manobra do mar é o brazo máis longo e máis seguro que de calquera tripulación dun barco.O seu servicio é incomparable.

Un dos primeiros auxilios cando caía un home ó mar, era coller rapidamente o gancho ou unha xisga.A lancha biraba a toda a marcha para salvalo e neste apuro, aínda que houbese temporal e arrotas, o gancho poñeríaselle nas mans do náufrago para que se agarrase ó ferro, pero se este non tiña xa forzas para agarrarse a el, dábaselle gancho por debaixo dun brazo, pero se perigraba de afundirse, antes de perdelo, daríaselle gancho por onde fose, porque así estaba concebida esta idea en moitos patróns.

Dicían:“Vale máis un home gravemente ferido que se pode salvar, antes de deixalo ir morrer ó fondo do mar e que o coman os peixes. Antes disto, daráselle gancho por calquera parte do corpo antes que quede no mar”.

Parece ser que se está estudiando un plan para vestir a cada mariñeiro dun traxe salvavidas e así se poida desterrar para todas as familias mariñeiras o medo de morrer afogado en poucas horas calquera dos seus seres queridos. Importante sería que este plan se levase a cabo. Pero a pesar de todo, o gancho deberá permanecer no mesmo sitio de sempre e á vista de todos porque en calquera momento inesperado facerá falla
aínda que os homes se vistan de traxe. Este vello instrumento aínda que non sexa unha arte das que pesque peixe, queremos que compareza ó pé das demais artes de pesca sobre os nosos litorais.






                                   A VOLANTA
                                  Arte de pesca maior, fixa e de enmalle
No ano 1923 “Benigno Rodríguez Santamaría” recolle perfectamente tódalas artes de pesca que estaban dentro da lexislación marítima. Describe unha volanta que para nós ven a ser o “angarello” que xa dicíamos no principio do libro que habíamos coñecido a este aparello con este mesmo nome e que estaba bastante extendido polas rías da provincia da Coruña. O lector ha de saber entender este fenómeno das artes de pesca que sendo as mesmas e para o mesmo fin, tanto en Asturias, Vascongadas, Cantabria ou en Galicia, en orixe, nunca se chamarán igual.

No “Diccionario de Artes de Pesca de España y sus Posiciones de Benigno Rodríguez Santamaría”, como dicimos no encabezamento da volanta é que atopamos unha aparello moi similar ó que nós lle chamábamos “angarello”; pero non nos di de que fio estaba armado. Pois así o explica na páxina 804 :

”Los de Galicia”.-“La volanta de Galicia es también un arte de forma rectangular, de 40 a 50 metros de largo por seis de alto, y malla de seis centímetros el lado del cuadrado. En la relinga superior, que llaman cortiza, lleva unos 100 corchos redondos o cuadrados y en la inferior llamada chumbeiro, lleva en unos sitios plomos y en otros, y esto es lo más frecuente, piedras, llamadas pendulleiras, de unas tres libras de peso, amarradas a la relinga con unas rabizas, a distancia de braza y media una de otra, y ambas relingas son de 36 y 30 milímetros de grueso”.

Queda pois descartado que a volanta é unha arte de pesca fixa pola razón de que as relingas inferiores van cargadas de pedras e de chumbo, un peso soberano que as termará practicamente no fondo desde o axexo ó amanexo, sen que se movan do sitio. Sen embargo, se fosen volantas de “voar”, de ir ó devalo, nin o chumbo nin as pedras farían falla. Se así fose, largaríanse sen peso, entón os aparellos derivarían para onde as correntes os levasen.

A esta arte aínda que se lle chame “volanta” nada ten que ver que estes aparellos sirvan para voar entre augas. Estamos seguros de que esta arte sempre foi fixa, ademais, cai do seu peso, porque en todos os tempos pasados coa malla que amostramos non había necesidade de que os aparellos se largasen pola superfície. As conclusión están craras porque sabendo os peixes que viven sobre a superfície do mar, así hase de armar o aparello para pescalos. E como a rede de tansa chegou sobre o ano 1960, pois ata aquí, todos os aparellos eran de cáñamo, polo que nada hai escrito na história que sobre a superfície do mar houbese aparellos de enmalle a escepción do xeito.

De sobras sabían os mariñeiros da antiguedade que o mar ata onde eles chegaban que fervía de badexos e de ollomol porque primeiramente as liñas con anzol e patexo e outras carnadas, foron quenos os descubriron. Aínda que todas as vacas e bous traían boas mareas de merluza para terra, a forza deste peixe non se coñeceu ata que chegou a volanta e o palangrillo (pincho). Polo que este aparello desde o seu nacemento só se adicou a coller badexo, besugo, merluza e cazón.

Á parte da “volanta” que armaron os franceses para o bonito, toliña e parentelas do tiburón, vemos que para a malla da antiga volanta, non atopamos en toda a superficie dos nosos mares peixe para ela. Son pois volantes ou volantas porque hainas que levar dun sitio para outro cando non se pesca. A xente que anda dun lado para outro e non ten sitio fixo é volanteira.

O orixe desta arte está no concepto da verba e na raiz etimolóxica que nace propiamente dos aparellos que se non se pesca, como dicimos, hai que levalos dun lado para outro. Pero tamén atopamos outras razóns que nos poden levar a un punto certo.

            Cando se armaban as artes de pesca tanto nas Vascongadas, Cantábria, Asturias, como en Galicia, calquera mestre redeiro con fala castelá no momento en que tiña que mandarlles ós seus mariñeiros para que os aparellos fosen pescadores, todos sabemos que se a estas artes se non se lles mete anseo non pescarán nunca, por tanto terían que dicirlles: “¡Oye Arsenio, a esa pieza hai que darle más “vuelo” porque está muy aspada!” (portante) Igualmente o noso mestre redeiro diríalles igual pero con outro tono: ¡Oiches oh, a esa peza hai que darlle máis anseo!¿Ou na vedes que está aspada? ¡Mételle máis “vo”! Exemplo dun mestre cántabro: ¿Tú sabías que el aparejo de Antonio tiene más “vuelo” que el nuestro? Sen embargo, o mestre redeiro galego diría: ¿Vosoutros sabíades que o aparello de Antonio tiña máis “anseos” que o noso? De todos modos, veña onde veña o seu nome, como xa dixemos, esta arte está basada con oríxes fixos para pescar peixes do fondo e nunca da superfície ou de entre augas.

A partir do 1960, o nome da volanta faise universal. Primeiramente aparece a de fio por este mesmo ano, que en verdade bebía os badexos mellor que a de tansa, pero a partir do 1964, a volanta de tansa extenderíase por todos os continentes. As que primeiro fumos coñecendo foron as que se mercaban na capital de A Coruña, e na Guarda, (Pontevedra) e que viñan armadas así: A malla era de trece centímetros e medio como tamén de catorce e con cincuenta mallas de alto.(as primeiras)

Na relinga superior xa non traían cortizas redondas nin cadradas, senón bolas de cristal, sen embargo, na relinga inferior que aínda se lle chamaba a chumbeira, traían as mesmas pedras, e os mesmos matafións e coa mesma larganza, pero vendo que así non pescaban case nada ordenouse facer chumbadas de ollo para colalas pola relinga onde quedarían fixas para sempre.

Logo a partir de aquí, calquera lancha que levase de 30 a 50 pezas de volantas para o mar, era moi raro que non trouxese a cubertada chea de merluzas. Con estas datas finalizaría para sempre a arte do “ angarello” nas rías galegas e alí onde ela nacera para tomar poder e auxe poderoso o antigo nome da volanta por toda Europa, Sudamérica e Asia.

Por elo, queremos deixar fidegdina referencia dos primeiros albores da volanta de fio, l958 e logo despois a de tansa no 1963. Este novo fiame remudaba ás vellas bases da antiga volanta, alcanzando un dos mellores filóns de ouro mariño que ditas flotas de bauxura aproveitarían ó máximo pero caendo nun deploreble punto de abuso e de despilfarro da tan preciada especie.

Os barcos viñan cargados de merluza, ás veces con peixes desde 6, 7, 8, e ata de 12 kilos cada un, pero o burlesco prezo descompensaba toda a riqueza que os barcos traían para terra. O afán de traer peixe para vendelo era terrible e desesperante. Ningunha autoridade competente se lle pasaba pola imaxinación o gran desequiulibrio ecolóxico que se estaba a fomentar sobre os “criadoiros” de merluza para un futuro inmediato. Pero enterándose o arrastre desta abultada ganancia que a flota volanteira ingresaba no seu haber, os bous tomarían cartas no asunto collendo outros rumbos para que ós armadores da volata non se lles esfondasen os petos cos cartos.

A partir de aquí, os ataques nocturnos por parte dos bous arrasarían partindo e esfanicando os aparellos dos volanteiros e inclusive á vista dos propios afectados. Como tamén os tripulantes dos arrastreiros consentidos polos seus insensibles capitáns picarlles cos machados boias, calas e volantas e de paso apoderarse de todas as merluzas que viñan no aparello.

O arrastre acabou e arruinou a moitos mariñeiros que tiñan a ilusión de ter un barco de seu para poder vivir máis desafogado na vida que depara o mar; pero por estas cabezas de ollomol, moitos mariñeiros sairon do mar arruinados. Naquelas datas os oportunistas directores de Banca ofrecedores de cartos e planchadores de solapas, enriquecían de ánimo ó mariñeiro envitando a unha conquista para que mercasen un barco. Peixe había para descontalo; pero o medo a que o bou che puidese levar o aparello, moitos homes do mar non se aventuraban a dar o paso e expoñerse a ter que empeñarse dúas ou tres vecesllo e quedases arruinado. Todo porque os patrósn daqueles arrastreiros ou ben eran fillos de “talismáns” ou nunca pensaron que as familias da baixura estaban máis necesitadas que as da altura.


Había días para algunhas embarcacións que tiñan que vir para terra sen ningún aparello a bordo das 90 ou das 100 pezas que largaran o día anterior. En vista de tanto abuso e basaio diante dos fuciños de cada volanteiro, ós máis valentes pasóuselles pola imaxinación de sementar bloques de cemento de dúas a tres toneladas con ganchos de ferro, co fin de reservar os ricos cantís e que nunca máis puidesen rosegar os rampleiros nas pozas onde a merluza ven a desovar desde a eternidade.


Outros señores domar tamén trataron de sementar sobre as partes destes “criadoiros” eucaliptos enteiros de tres a catro toneladas engarzados con estachas das máis potentes, pero verdes e fondealos con toda a polaxe e así, amparar para sempre estes ricos caladoiros que atodos pertenecen. Era o afán de protexer estas pozas onde se multiplican as máis altas cantidades dunhas mellores especies do mar. Estas zonas son as que a Natura dispuxo para que a sardiña, mocarte, xarda, palometa, corcito, merluza, mero, marraxo e espada, se nutriran e se multiplicaren en gran maneira para alimento de todos e para todos durante alente o pulmón do mar. Pero nunca con animálico abuso convertindo o fondo do mar nun deserto.

A pesar de empeñarse no Banco ata os codos, e non poderen sair a flote por estas avasaiantes circunstancias, moitas familias mariñeiras quedaron afundidas na miseria sen volver a ter ganas de empezar.

Os urdimentos dos bloques e de eucaliptos de sementalos por ditas zonas para ben das xeracións vindeiras, non se lovaron a cabo. Porque meus queridos Señores, o que nace para non facer mal, morre pobre. Esta loita e batalla que se tran de vello arrastreirois e volanteiros, só se acabará cando xa non haiba especies para ditas artes e oxalá veñan pronto as vacas fracas para ordenar os nosos mares que por tan abusiva causa sempre os choraremos.


                             INTENTO DE ABORDAXE
Padecendo estes abusos de poder e persecución contínua sucedía unha noite escura na que se librou de haber unha sanguenta abordaxe entre un volanteiro contra un arastreiro.
O día anterior este bou que nunca se vía atracado a un peirao, leváralle un reseiro de 50 pezas a este volanteiro cedeirés e aínda non había un mes que lle levara o pano de outras 40 pezas. As letras do crédito habías que pagar. O patrón do volanteiro o día que via vir ó bou rumbo a el non facía mais que berrarlle pola telefonía dicíndolle que se desviase do seu aparello. Pero como se cantase un carro, o patrón do arrastriro non daba fe ó que dicía.

Unha noite o patrón do bou amenazaba a este volanteiro no que lle dicía que xa ía cansado de oilo e cun día que lle enchese moito os collóns, que o ía botar ó fondo. Polo que lle rogou que lle valía mellor irse de alí ou que calase a boca. No seu vasaio de cabaza de xurelo, replicáballe ó patrón cedeirés, que mentres houbese peixe no Potroro non respetaría volanta algunha. Que se fose se quería.

Aqueles días empeorara o tempo e tardárase unha ou dúas semanas sen poder ir largar ó Potrero. A vir bo, unha tardiña de calma, o patrón do volanteiro poñía rumbo ó a dito mar para largar antes do axexo. A noite estaba toldada e sonsa. Despois de largar 96 pezas tiráranse ó devalo e o patrón con outros catro mais, botaron unhas liñas ó mar para tentar á castañeta. Aínda que non había moita palometa pasarían o tempo de garda co temor de que aparecese o bou e lles levase o aparello. Pois tal como se pensaba así aconteceu. Cando daban as dúas e media da mañá viron vir unhas luces de situación rumbo ó aparello largo.



O patrón do volanteiro raudo e veloz desde a telefonía lanzoulle un mensaxe moi razonable pedíndolle por favor que birase para Oeste que tiña a volanta larga de ON a ES. O capitán do bou pola voz, xa coñeceu ó patrón do volanteiro que sen gardarlle razón xa o ofendeu con malas palabras.

O bou non cambiaba de rumbo, viña dereito ó aparello. O patrón do volanteiro volveu de novo a razonar con él que o considerase que era un mariñeiro pobre, pero as respostas do arrastreiro eran desafiantes e negativas polo que o volanteiro comenzou a botar xuramentos pola telefonía chamandolle as pestes aquel capitán fanfarrón; pero este devolvéndolle a súa impúdica réplica volveulle a recalcar dicíndolle que xa ía cheo del e que ía saber o leite que tiña cando lle metese a proa ó seu barco.

E neste retroso de insultos polo medio de outras palabras inflamadas de rabia e desprezo o patrón do rampleiro díxolle : “Mecago hasta en tu puta madre” .Ao oir tan profundo insulto dado que a nai deste cedeirés facía unhes días que llee morrera, sen pensalo nin un segundo chamou ós tres de seus irmáns que estaban no rancho como tamén a todos os da compaña quen lles informou das amenazas que acababa de escoitar e o gran insulto con rabia e desprezo contra súa nai que facía unhes días que fallecera.


Pero un de seus irmáns cun valor soberano, e de talante frío, en seguida con palabras serenas e mou cruentas, acendeu de ira a toda a tripulación. E dixo: “Apagade todas as luces do barco”. “Que ninguén pronuncie unha palabra nin antes nin despois de abordar a ese barco que nos vai esfanicando o aparello”. “Que cada un colla a súa navalla ou o seu coitelo e que a poña na boca atravesada para que no momento en que abórdemos o bou estéñamos máis lixeiros para saltara a bordo”. “Despois ese cobarde e fanfarrón, saberá quen somos nós.”

Apagaron as luces e foron indo encima do bou pero cando o capitán desde o ponte e outros mariñeiros máis que ían de garda, viron un barco sen luces que facía un pedazo que os ía seguindo como se quixesen saltarlles a bordo; entón de repente os do bou lanzando un reflector cara o barco pantasma, no que puideron ver a once homes con coitelos, navallas e machetas nas mans.

Nisto unhes mariñeiros que ían a popa do bou comenzaron a berrar de medo de maneira tremebunda pero o arrastreiro birando case en redondo para Oeste, a toda a marcha, perdeuse na noite e non se viu máis. Quizabes os berros dos mariñeiros salvasen ó seu capitán de vestilo de negro por necio e absurda comportación, por prepotente de ter un barco de ferro e por ofender profundamente ó patrón dun barco de madeira cando lle dixo: “Mecago hasta en tu puta madre” Se todas as tripulacións fosen como a deste barco, os capitáns como o de aquel bou nos seus anos de terror, (barco francés e mando galego), habíano de pensar un pouco máis á hora que calquera patrón dun volanteiro lles pedise por favor que non lles levase o aparello.




                    A VOLANTILLA
                                Arte de pesca menor, fixa e de enmalle.
A volantilla tampouco é unha arte nova senón un renovo das antigas vetas e bogueiras.
Como as vacas e os bous sempre trouxeron carioca para terra, alguén tentou un día con esta malla polos mares de terra a ver que pasaba. En este caso non só foron os bous e as vacas senón que tamén na mesma volanta da que tiña bastante anseo e era un pouco ficheira, malmente nas de fio, viñan envoltas as cariocas.

Efectivamente, desde o ano 1968 esta arte lixeira iría tentando certos espazos de mar logrando moi boas capturas desta prateada especie. A volantiña mantivérona sempre as lanchas do día. Motoras pequenas e inclusive bucetas a remo. Sabemos que en moitas rías galegas este peixe chega bastante en terra por iso unha lancha de dous ou tres homes bastan para ela.

Como dicía meu pai: “as vetas como as bogueiras nunca levaron o fol ó muiño”, quer dicir que nunca se ganou moito con elas, pero fan falla porque ás veces gáñase ben o xornal. Hainas con varios tamaños de malla, de 4, 5, 6, e 7 centímetros e con diferentes alturas, pero as primeiras que había eran de braza e media, sen embargo, agora atopámolas ata de tres e de catro brazas de altura.

Con estes tamaños de malla este aparello colle todas estas especies: cariocas, xardas, tornos, sardiñas, panchos, longaiños, sargos pequenos, chepas, xurelos, fanecas, lírios, santiaguiños, bogas, sabogas, robalizas, munxes, salmonetes, corbelos, e reos.

Todas as artes que pesquen ben son por forza e se recoñecen por pura lóxica destructivas. A volantiña éia pola indiscutible razón da súa malla que é xusto como a cabeza do alevín. Pensamos pois, que todo alevín é o futuro da despensa humana. Pero a isto parece ser que ninguén lle quere facer caso porque mentres esteña autorizado facer a malla a gusto de cada un, non hai nada que facer. E así, iremos chuzando os que choramos este gran desequilibrio ecolóxico dos nosos mares.





                    OS MIÑOS
                   Arte de pesca maior, fixa de enmalle e de tres panos .
Segundo Don Eladio Rodríguez González, os miños desaparecen de Galicia na segunda mitade do século XIX, pero sobre o 1966. xurdirían de novo cuhnha forza explosiva por parte desta sociedade moderna sobre os mares da mesma rexión para máis logo facerse universal e arruinar a tódolos mares deste planeta.
Esta arte que leva o nome do “Río Miño” desde o seu nacemento pasando por tódalas épocas, tanto os armados con fio de cáñamo coma os de tansa, sempre variaron nas súas medidas. Cada patrón armaba como se lle apetecía. Os que hai na actualidade tanto de fio como de tansa, cada un ten distintas medidas. Hai esmallos de 4 mallas de altura. Tamén os hai de 4,50 e as súas mallas oscilan de 60 a 70 centimetros. O mesmo lle pasa á malla do pano do medio que vai desde 9,50, 10, e 11 centímetros.

Esta terrorífica arte que gracias ó ilustre Don Eladio Rodríguez González, que no la recolle perfectamente, ademais que sen ser mariñeiro sabe darlle un aire místico-mariño a tódalas artes de pesca que él foi rexistrando para o seu incomparable “Diccionario Enciclopédico”.Así no lo describe: “Red, aparejo de pesca parecido al TRAMALLO,de que sólo se diferenciaba en que tenía mayor altura y estaba hecho con hilo más delgado de tamaño VISGAL. La red llamada MIÑO llevaba atados en lugar de plomos o pendullosunos saquitos hechos de tela de cotonía y rellenos de arena. Funcionaba generalmente sobre fondo limpio y cogía lenguados, CORBELOS, PRAGUETAS, PARGOS etc. Hacíanse los MIÑOS en la Guardia y pueblos próximos a la desembocadura del río cuyo nombre llevaban y llevan y eran allí muy comunes para la pesca de los SÁBALOS, pero en la segunda mitad del siglo XIX desaparecieron de Marín y de otros puertos gallegos onde se usaban”


Todas as artes de pesca que viñan da antiguedade ata aparecer o “nylón” o noventa e nove por cen estaban compostas polos fiames máis usados por aquel entón. Eran de cáñamo, liño, esparto, sisal e algodón. Os miños eran realmente tramallos, pero na súa evolución entre altura e grosor do fio, foi o motivo que esta sociedade moderna e demasiado avanzada arrasaría con todos os mares.

Pero eh aquí o malévolo e desastroso resultado que diron e seguen dando os miños: Esquilmados os linguados, rodaballos, sollos e toda a gama de especies que se nutrían sobre as areas do fondo do mar, a alta reserva económica quedou arrasada e consecuentemente a lagosta desaparece coa súa correspondente reserva alimenticia.


Ninguén parece enterarse deste gran desequilibrio ecolóxico; pero as evidencias son patentes porque cada día os barcos tran para terra menos peixe e destas vacas fracas evidentemente lense ben as estadísticas.




                     ESPECIES QUE OS MIÑOS COLLEN NO LIMPO

Os miños despois do bou é o aparello que máis especies colle do mar. Pedímolles ós nosos amigos lectores que se fixen un pouco para saber quen é este terrible dragón do mar. Se se largan no limpo que para aquí foron nacidos, colle todas estas especies: Linguados, rodaballos, acedías, sollos, raias, rapes, cangrexas, bois, mantas, chuchos, samartiños, sardiñas, merluzas, xardas, albacoras, xurelos, panchos calamares, merlóns, maragotas, escachos, libernas, cregos, robalizas, lírios, munxes, sollas, e ata mocartes colle.


                         ESPECIES QUE COLLE NO CUBERTO
Despois de saber as especies que colle sobre o limpo, imaxínense vostedes as que arruina polos picachos beiradas e sobre todo polas extensións do cuberto chan. Imos pensar pois a ver cantos peixes podemos atopar dentro da nosa memoria para podelos contabilizar e lembralos todos.: Cangrexas, lagostas, bois, cucos, cornos, caricolas, orizos, estrelas, augasmares, carallos, patexos, cereixos, santiaguiños, nécoras, tapaconas, badexos, besugos, ollomol, pargos, sargos, bogas, sabogas, saiñeiras, gaiáns, bertorellas, congros, xardas, xurelos, tornos, panchos, robalos, rodaballos, munxes, maragotas, merlóns, vellos, salmonetes, chepas, libernas, cregos, fanecas, zarretas, corbelos, cabras, douradas, san martiños potas, polbos, rapes, xulianas, raias, chuchos, doncelas e aínda me queda algún...

Dentro de todas as artes de pesca que se coñecen, consideramos que os miños mailo bou, se antes non se lles bota a man, serán os que lle poñan o fin de vida a todas as especies do mar.


                             O ENDEÑO
                                               Arte de pesca menor e de arrastre.
Esta arte está composta por unha barra de ferro con forma de media lúa que vai na parte superior. A parte inferior é retangular. Leva unhes dentes dun centímetro de largo para que no momento do arrastre vaia picando a area do fondo e así, pesque mellor. Logo desta barra de ferro convertida en boca de forno, sairán tres ángulos: un de cada esquina da parte baixa e outro do centro da parte superior. Estes tres ángulos serán a estabilidade do endeño. Xuntas as tres cabezas dos águlos, poñeráselle un aro de ferro onde se amarrará o chicote do cabo para arrastralo. Unha vez acabado o endeño entralláraselle o correspondente saco de cope e este que non sexa mou craro, senón ficheiro para que non cole o camarón sobre a boca de ferro dunha braza ou máis de largo.

Os endeños no ano 1949 témolos visto faenar pola beiriña do peirao do Muro de Leste da Coruña. Algunhes velliños que andaban con eles pola popa das súas gamelas,
e bucetas, trataban de ganar o seu sostento con eles recollendo o peixe que caía ó mar daqueles tantos barcos que alí descargaban.

O endeño naquel entón era a única arte que podía coller o peixe que caía ó mar. Estes botes tan pronto tíñan un lote íano vender ás peixeiras daquel Muro. Había outros que se adicaban a coller pedras de carbón que caían dos mercantes carboneiros. Á parte do peixe que estes botes ían acadando durante a mañá, tamén collían outras moitas cousas máis das que caían dos barcos e tamén de terra, pero ninguén dos que os mirávamos lles dávamos fe. Sen embargo, o endeño sobre as rías, só collía camarón, barbadas, alguna cangrexa e pouca faneca.

Esta arte por onde mellor traballa é pola a area branda ou polas zonas onde existen fangueiras, porque se enterran máis e desde logo, son as partes onde máis camarón e barbadas hai; pero tamén. é a parte por onde máis caro costa tirar por el.





A PILLERÍA DO ENDEÑEIRO
Naquel entón había bastante pillaxe polo Muro de Leste; pero era unha marabilla como eles sabían ordenar e elaborar as súas pillerías, que en realidade só era para poder subsistir do que conseguían no medio da mariñeiraxe. As vacas case sempre chegaban de madrugada; pero todos os tarrafeiros facíano ó raiar o sol.

A vir o día, aqueles nosos amigos, que eran os mellores gardans dos barcos, durante o día non eran capaces de poder rapiñar un peixe, polo que tíñan que someterse a traballar en calquera barco que os chamasen.

Un vello mariñeiro coruñés contounos un día que había catro pillos no Muro de Leste e que destes catro había dous moi traballadores ós que lles sobraba traballo porque tanto os patróns das parellas como das tarrafas chamábanos para descargar o peixe dos seus barcos. ó final do día por todos estes servícios estes dous pillos, xuntaban bastante peixe e co privilexio de que todo el era moi variado. De todas as ganancias que estes dous esfarrapados ían conseguindo sostíñanse a flote.

Sen embargo, a os outros dous non había quenos chamase para nada, polo que entre ambos levabanse moi mal porque os que traballaban cando acababan as súas faenas comían e relambíanse diante dos fopeiros que nada tiñan.

Unha noite atracaban ó peirao do Muro de Leste seis parellas que viñan cargadas de peixe do Gran Sol.
Estes barcos necesitaban bastante xente para descargar das súas bodegas todo este peixe, polo que cada embarcación buscou os seus descargadores. A estes dous desgraciados e desamparados da súa sociedade, que eran os meirandes fopeiros do Muro, chamáranos para descargar unha destas parellas, polo que a paga sería medio bolo de pan, un cuartillo de caña e un caixón de peixe variado para cada un. Iisto era se descargaban todo o peixe de a bordo.

A manobra tíñana estudiada facía moitos anos antes. Agora era o día de facer algúhes cartos para poder folgar e rirse para unha longa tempada dos que antes se rían deles. Cando faltaban cerca de quince ou de vinte caixas de ollomol e diran xa as dúas da tarde, toda a tripulación saltara en terra para ir comer a unha casa de comidas, pero estes dous, quedaban a bordo de garda do barco e do pouco peixe que quedaba a bordo.

Cada un coa súa media botella de caña e co seu medio bolo de pan tamén se sentaron a comer no plan da cuberta. Estando moulando no pan díxolle un a outro: ¿Cantas caixas imos tirar ó mar? ¡Menos de cinco nada! Dixo o máis parvo. Buliron a comer uns bocados de pan e grolos de caña e axiña procederon baleirar ó mar entre a parede do peirao e o costado do barco unha a unha as cinco caixas de besugo coa procura de que ninguén os vira. Todo este peixe quedaba apousado nunha pila no fondo do mar. Pero como xa o tíñan todo planeado, o máis parvo saltando en terra avisou ó endeñeiro a que viñese rastrear á zona donde estaba o peixe.

O vello endeñeiro saltando en terra coa punta do chicote do cabo do endeño, tiraba por el que case non podía. Cando se cansaba de tirar e lle parecía que o endeño ía cheo, amarraba o chicote a un morrón e logo ía buscar a gamela para izar o endeño e virar o peixe na bancada da gamela. Despois disto largábase e logo viña outra vez a rosegar de novo e así, sucesivamente ata que non quedaba nin un peixe non fondo da beira do peirao.
Resultando, que aquel ollomol vendeuse rapidamente e os cartos que diran repartíronos entre os tres mellores pillos do Muro, porque dentro daquel sistema de vida que lles tocaba de vivir, éralles necesario facelo para seguir vivindo. Estas pobres persoas tíñanse que valer das súas sabias astucias e habilidades para subsistir.

O peixe descargábase tanto no Muro, como no resto dos portos galegos, a brazo e logo máis tarde á pluma e ó lanteón. Cada embarcación poñía de catro a seis homes en terra, á beiriña do peirao para subir as caixas de peixe mediante unha boza por cada lado da caixa, mentres que os homes que estaban a bordo eran os que metían o peixe nas caixas e daban a voz para izalo desde o rancho, bancada ou cuberta, ata enriba do peirao.

O endeño en todos os portos galegos foi unha arte moi familiar, sempre co afán de coller catro peixes miudos para comer e camarón para vender, como tamén para pescar.




                               A POTEIRA
                                                         Arte de pesca menor
A poteira como todos sabemos ùsase para a pesca do calamar; pero tamén hai poteiras para pescar as xibas e os chocos. Esta figura no seu principio a maioría delas facíanse de calamina porque eran máis baratas que as de chumbo; pero estas últimas acabaron por impoñerse e triunfar, que son as que existen na actualidade.

Esta arte está formada por unha simple liña de tansa e unha figura de chumbo forrada con fíos delgadiños de diversos cores que ven a ser a poteira. Na rabada da figura, leva un paraguas de ganchos finos en forma de anzois que son os que enganchan as especies que acabamos de mencionar. E na cabeza deste raro peixiño de chumbo, leva un ollo pequeno donde se amarrar a liña.

Moitos mariñeiros arranxaban estas figuras nas súas casas; pero no seu comenzo estes mariñeiros rascabanas para quitarlles o brillo e cun trapiño roxo na cabeza da figura xa valían para ir pescar. A maneira de pescar con estas figuras non sabemos de onde procede. A única forma que coñecemos para pescar ó calamar é mover a liña para riba e para baixo. Moitas veces este molusco tamén come coa liña parada; pero non é corrente.

Coa poteira xa se teñen collido diferentes peixes, tal como zarretas e libernas. Unha vez estando pescando ós chipiróns sobre as cinco da tarde do mes de agosto 1970, sobre catro brazas de altura todos os que estábamos a bordo íamos metendo bastantes calamares. Sen embargo, unha señora que viña para pasar a tarde connosco como se aburría pideu unha liña para pescar como os demais. Deuselle unha poteira pequena, das máis feas que había nunha caixa de lata que fora do menbrillo, e nisto botámolla ó mar. A señora movía a má como todos, para riba e para baixo. De alí a un pouco cansouse e deixou de mover a má. Cada cal ía metendo algún chipirón de raro en raro; pero a pobre señora nin picada sentía. Xa pasaba dunha hora que esta boa muller tiña a liña nas máns, pero non sei como nos fixamos que a quería halar e non podía. A non poder con ela chamoume a mín e díxome: Non sei que traigo na liña que me pesa moito.

Traerás unha taboa enchupada ou unha gabela de aparello do que tiran os volanteiros ó mar. Respondinlle eu. Pero como non a podía halar, boteille eu a má e cando a tentei sentín un peso extraño porque en verdade, a liña non vagueaba para ningún lado. Vin halando moi amodiño e a media auga, xa souben que na liña había un peixe, pero incapaz de saber o que era. Cando o animal quixo chegar a flor da auga, daquela comezou a xisgar. Un badexo, un badexo, dicían os pícaros que estaban na chalana.

Funo traendo moi amodiño ata o costado da embarcación e sorte que había unha gancheta que fixeran os pícaros para o polbo. Collina coa man derteita dinlle gancho e o zarretón de dous kilos e cuarto, metino na bancada nun santiamén. O animal traía a poteira atravesada na boca, a cal no deixaba alentar, e por esta razón ó tirar por el, afogábase e intentaba coas súas forzas termarse no sitio. Dixo a señora, vaia, eu que nunca vin a pescar, pesquei máis que todos vosoutros. Si, muller si, en ti cúmplese o dito mariñeiro de fai máis de dous séculos: “canto máis burro, máis peixe”.Esta foi a miña muller que estaba na estampa de popa da chalana.



                    A TARRAIA OU ESPARAVEL
                               Arte de pesca menor, de lance desde terra e desde a bordo.
Esta arte de pesca só vale para traballar en pouca auga e coa particularidade principal, que antes de lanzala ó mar, río ou lagoa,