UN NENO DA ALDEA
Meu rei, que alindas as vacas,
o pucho a parda e a marela,
na maiña tes unha vara
e nos ollos tes unha estrela.
x
Os toxos telos por diante,
e polos pés tes a herba,
que a lingua da vaca rae
as mexelas da restreva.
x
Polo fondal tes o trigo,
polo cimal tes aveas,
e polo medio unha néboa,
chea de trasnos e meigas.
x
A escola quédache lonxe,
tes que alindar a xuvenca,
e xogar cos carabullos,
e nos camiños coas pedras.
x
Meu rei, que alindas as vacas,
que estás criado na aldea,
naciche pobre, meu rei,
coma un terreo sen herba.
x
A escola quedache lonxe,
a túa tela nas leiras
e polas congostras tortas ,
tes as escolas da aldea.
x
Qué ollos tes máis mainiños,
e canta inocente idea,
reboulla na túa alma
e voa na brisa tenra.
x
Meu rei, que alindas as vacas,
o pucho a parda, e a marela,
polos cómaros da vida,
polos silencios da aldea.
Fco. de Sotaventos
No hay comentarios:
Publicar un comentario